A atmosfera ourensán ardía sobre o asfalto aínda quente do verán e sobre a foresta reflectíase o ton verde da Galicia do interior , os amarelos craros e as casas alumeadas por unha luz abafante pola que camiñábamos meu compañeiro David Nóvoa e máis eu sobre as arterias que compoñen a Cidade dos Muchachos. Lugar silencioso que me transporta a Comala de Pedro Páramo e onde o pasado non vivido deixa paso a imaxinación; onde os cativos circenses revolotean e corren entre as vivendas para adentárense na inmensa carpa capaz de quitarlle o maleficio ao poeta menos inspirado , unha cúpula eixo central e símbolo solemne, esférico dos anos que xa pasaron e da memoria dos que deixaron alí a súa pegada facendo história polo mundo adiante, enviando co seu característico espectáculo circense unha mensaxe rompedora co sistema político asfixiante , unha aventura universal en pleno franquismo que levou o nome de Ourense e Bemposta por todo o globo.



Como sabemos, o contexto histórico de Bemposta enmárcase nunha época especialmente tráxica en canto a recursos e dereitos sociais, os anos cincuenta amosan unhas demoledoras cifras de emigración tanto cara o estranxeiro como cara as grandes cidades da península . O caldo de cultivo é o propenso para a miseria e a desatención a infancia por parte das institucións da cidade, feito este que é salientable para comprender a aparición de Bemposta xa que moitos xoves estarían sometidos a marxinalidade e a exclusión social, sendo a Cidade dos Muchachos unha alternativa a falta dunha rede asistencial e unha dependencia da caridade eclesiástica. Tamén podemos darlle valor a o que pode significar o pai Silva neste transcurso histórico e ofrecer unha visión xusta da influencia e praxe tanto da teoloxía da liberación como da nova pedagoxía no relativo a posición vangardista do párroco na desalentadora época que lle tocou vivir, unha construción que nace a par da destrución económica e política da nosa terra en troques a un avance e oasis de liberdade en pleno franquismo.



En canto a creación de bemposta, o cine ou a casualidade do cine ten un valor revelador na figura de Jesús Cesar Silva Mendez , o cal coñece o filme “Forxa de Homes” do director Norman Taurog , película na cal Silva coñecerá a metodoloxía do pai Flanagan; home católico que crea unha escola de atención a nenos en perigo de marxinación social e que será pioneira e imitada durante o transcurso de mediados do século XX . O que significou para Silva este filme será logo levado a cabo froito dunha casualidade, cando unha tarde entre tantas nas que Silva percorre Ourense coa súa motocicleta característica, observa a un grupo de rapaces que xogan na cidade, ao notar neles unha inquedanza interior , un desacougo por mudar a súa visión particular do mundo que lles rodea , Silva proporalle crear unha asociación coa fin de mellorar a súa situación. Máis tarde e unha vez rematados os seus estudios eclesiásticos volve a Ourense .
Nesta volta leva cecais a sorpresa da súa vida ao coñecer que precisamente un 15 de setembro de 1956, o grupo de cativos fundara xa unha asociación no cárcere de Barrera, unha organización que chega aos 150 participantes e que logo trasladarase ao Obispado, sendo o propio bispo quen os bota das súas dependencias pola imaxe que quere transmitir e que choca coa súa posición privilexiada. A falta caridade neste caso do bispo fai que os cativos teñan que trasladarse a casa da nai do xoven Silva . Anos mais tarde coa total implicación do párroco ourensán e logo de recibir unha herdanza e axudado pola súa familia , estes adquiren unha enorme finca en Seixalbo onde xa se instalarán definitivamente. Bemposta nace para quedarse e para ser a segunda escola de circo do mundo logo da escola de circo de Moscú.


Agora comezará a expansión internacional do circo de Bemposta que arranca a súa andaina na cidade Condal como a primeira actuación que se produciría o dia 8 de agosto do 1966 , este éxito verase recompensado coa actuación no Gran Palais de París rematando así a súa primeira xira onde tamén destacan as actuacións tanto en Madrid coma en Portugal. Logo os exitosos Muchachos percorrerán Europa actuando en Suiza, Alemaña , Luxeburgo , Austria, Holanda ou Bélxica . Esta é unha etapa brilante para o Circo dos Muchachos, unha posta en escea que convidaba ao espectador a reflexionar sobre a paz e fraternidade mundial, mensaxe revolucionaria para a época na que se realizan os espectáculos e un desafío a autoridade e ao sistema establecido, dada a influencia marxista do pai Silva, que terá mesmo os seus detractores na ditadura de Videla onde os acusan de desafiar o seu réxime no ano 1978. A expansión da súa xira no 1973 xa chegara ao Madison Square Garden en Nova Iork , logo virá a xira por América latina onde tamén comezará a imitación do seu modelo educativo.
Bemposta conta ademáis coa particularidade da autoxestión política, con dous principios claros en canto a vida en comunidade e o dereitos e deberes xa que se propugna no seus estatutos coma unha sociedade sen clases onde a cooperación dos cidadáns no eido do traballo e a producción sexan condicións obrigatorias para unha boa convivencia. Afirmacións que sorprenden na súa similitude co marxismo , ideoloxía da que bebe Silva e que será o eixo do desenrolo e creación da cidade que contaría co seu Banco e moeda propias, Axuntamento de corte asembleario e que completa a súa representación política cunha xunta de goberno para as diferentes cuestións a atinxir. A Escola de Circo era o motor principal da cidade a cal tamén contaba cunha serie de talleres nos que os bemposteños aprendían a construir a súa propia vivenda ou a colleitar a terra coa fin de tratar a educación dun xeito pragmático e activo, cuestións estas que nos aproximan a escola activa promovida por Freinet. O impacto producido pola teoloxía da liberación no pai silva é determinante , esta filosofía cristiana de raíces marxistas e católicas profundiza na necesidade de axudar aos máis desfavorecidos a partir da redistribución da riqueza e da axuda mutua. Leonardo Boff, un dos fundadores da Teoloxía da Liberación afirma; “Hay que pasar de una sociedad de producción de productos materiales a otro tipo de sociedad de sustentación de toda vida, y de producción de valores humanos que puedan ser compartidos por todos, porque la Tierra es de todos. Tenemos que producir para atender a las demandas humanas en sintonía con los ciclos de la naturaleza y con sentido de equidad en la distribución de los beneficios y servicios para todos” Frase que queda totalmente conectada cos principios da Cidade dos Muchachos xa que une o cristianismo e a unha organización cooperativa con voz propia e autogobernada que atalla os problemas que se poidan suceder na comunidade bempostiana.


Tamén no ámbito das escolas novas atopamos similitudes coa educación levada a cabo en Bemposta na escola Barbiana proposta por Lorenzo Millani e na cal os principios básicos son por unha banda a inexistencia de notas cualificativas para os alumnos que polo tanto non suspenden , a promulgación por outra banda coma no caso de Bemposta dunha escola a xornada completa onde se aprenda ademais dos contidos habituais , unha serie de aprendizaxes de carácter práctico que enchan todos os días da semana con actividades de carácter tanto lúdicas coma educativas e de traballo. A finalidade educativa ( entendida finalidade coma obxeto final da escola) é outro dos principios e na cal o traballo se propuña como sinónimo de alegría na que a xente sen recursos económicos puidera ter acceso a escola que formaría parte irrenunciable do seu entorno e idiosincrasia.
Como antes afirmaba, a teoría educativa de Célestin Freinet en canto a forma de tratar a os cativos, tentou tamén ser levada a cabo en Bemposta. A ninguén lle gusta someterse a pensamentos inscritos en rutinas nas que non participa, e é precisamente a participación do cativo na comunidade unha das pautas establecidas tanto pola nova pedagoxía, coma polos principios que propoñía o mesmo Silva: A condición do traballo como algo natural ao neno como necesidade educativa para satisfacer as súas carencias e proporcionarlle a posibilidade de facerse responsable e involucrarse no mundo adulto. Todas estas reflexións dialécticas que poderíamos ampliar con creces e todo o levado a práctica que expliquei para entender a importancia de Bemposta na época tanto a nivel circense como a nivel político e educativo, deron resultados de valor internacional .


Estes recoñecementos de valor ao traballo levado a cabo por Jesús César Silva foron: A Medalla da Paz da ONU, a Espada Samurai de Xapón, a Medalla dos Amigos do circo en Francia ou a Medalla o mérito en Belas Artes na categoría de Ouro. Ademáis de ser proposto en varias ociasións como candidato a recibir o premio Nobel da Paz por paises como Santo Domingo ou A India.
Pablo Gómez Portas
“Sesenta anos despois da primeira asociación que daría lugar a Cidade dos Muchachos, Bemposta merécese outro futuro nesta época convulsa para a súa supervivencia e dende Orballo ofrecémoslle ós lectores este recordo do que foi a Cidade dos Muchachos . Da história e do ideario dunha sociedade cun lema principal: Os fortes debaixo ,o débil arriba e o neno na cumbre.”
