O CLAN VALENCIANO QUE INSPIROU AO CREADOR DE “EL PADRINO»
Autor: David Sabucedo
“Coma moitas persoas facían cousas malas,
pero iso non os convertía en malvados”
(Mario Puzo)
En 1968, cumpridos xa os 48 anos, o escritor italo-americano Mario Puzo era un novelista que non deixaba de loitar para saír adiante. As súas dúas primeiras obras, The Dark Arena (1955) e The fortunate Pilgrim (1965), foran catalogadas coma clásicos e tiveran boa acollida mais non lle reportaran gran beneficio, apenas cinco mil dólares cos que non era capaz de manter a súa familia. Un ano despois a sorte mudoulle, a súa nova novela catapultaríao ao éxito e consagraríao tanto no eido da literatura coma do cine, aquela obra titulouna The Godfather, chamada en España, El Padrino.

O «Literato da Mafia»
Seguro que se a calquera persoa pregúntanlle quen é Mario Puzo case ningunha sabería responder, mais se lle preguntan por El Padrino a maioría, aínda que non vira o filme, sabería de que lle están a falar. Esta inmortal saga de Coppola, baseada na súa novela, levou dous premios Oscar á mellor película (El Padrino e El Padrino II), e Puzo foi premiado con dous Oscar coma co-guionista das mesmas, foi nominado pola terceira parte pero desta vez non tivo fortuna.

As súas obras inspiradas no mundo da Hampa déronlle o sobrenome de “Literato da Mafia”, pero este era un mundo que lle espantaba. Súa compañeira Carol Gino dicía que non se parecía ás súas personaxes: “a lealdade, a bondade e a compaixón das súas personaxes eran un reflexo da súa propia personalidade, non o era a maldade, este derradeiro aspecto viña dos seus pesadelos non dos seus soños”. El mesmo dicía que a súas novelas eran unha versión romántica do mundo criminal.
Unha das paixóns de Puzo era a historia do Renacemento italiano. No ano 1983 realizou unha viaxe ao Vaticano, e quedou tan fascinado polo que viu que decidiu facer unha novela deste estado.
A primeira familia do crime
Mario cría que os Papas eran os primeiros Dons, é dicir, os primeiros xefes dos clanes mafiosos de Italia, e o máis importante de todos eles fora Alexandre VI, patriarca da familia Borgia.
O autor sentía gran fascinación por esta familia orixinaria de Valencia, tanto que as súas historias inspiráronlle para elaborar as súas novelas. Estaba convencido que foran a primeira familia criminal da historia.
Alexandre VI naceu en Xátiva no ano 1431 co nome de Rodrigo, era membro da familia Borja, que en século e medio deu a historia dous Papas e un santo: San Francisco de Borja e os pontífices Calixto III e o propio Alexandre.

Cando se trasladou a Roma o seu apelido foi italianizado coma Borgia. En 1492 é proclamado Papa, comezando unha carreira na procura de levar a súa familia ao cumio do poder político en Italia.
Pese a ser crego Rodrigo tivera catro fillos os que recoñecera e trasladara con el ó Vaticano: Juan, César, Lucrecia e Jofre, estes serán unha das principais ferramentas das que se valerá o pontífice para acadalos seus soños de poder. O exemplo máis claro dáse ca súa filla Lucrecia, que foi casada ata catro veces por mor dos pautos políticos que máis lle conviñan ao seu pai.
A cambiante política de alianzas dos Borgia valeulle a esta familia que seus inimigos crearan unhas serie de bulos que remataron dando vida á lenda negra que hoxe acompaña seu nome. En 1497 Alexandre racha o pauto de matrimonio entre Lucrecia e Giovanni Sforza de Milán, aos 16 anos a rapaza xa se divorciara dúas veces, o Papa acusou ao seu xenro de impotente e homosexual para invalidar o casamento. Isto fixo que os Sforza responderan a súa vez con outra acusación: segundo eles Rodrigo Borgia e seus fillos, Juan e César, mantiñan unha relación incestuosa con Lucrecia e obrigárona a separarse porque Rodrigo queríaa só para el. O certo é que o propio Pontífice non axudou a rematar cas faladurías da xente, xa que pouco despois do seu divorcio súa filla quedou embarazada e daba a luz a un neno, o que se coñeceu coma o Infante Romano; o pobo de Roma atribuíulle a paternidade a Alexandre, e este non só non o negou senón que contribuíu a alimentar máis o conto dicindo que ese neno era de seu fillo César.
A violencia non podía faltar no currículo deste clan. O veleno era unha arma moi empregada por eles, falábase do Veleno Borgia, un bebedizo letal cuxa receita era unha creación familiar gardada con gran segredo. Neste eido o membro que máis destacou foi César, o bautizo de sangue desta personaxe seica foi a morte de seu irmán Juan, que en 1498 aparece acoitelado no río Tíber; outro familiar que sufriu as iras do Duque Valentinois (título co que se lle coñecía) foi seu novo cuñado Afonso de Aragón, a penas un ano despois de que casara ca irmá de César, este ordénalles a uns sicarios que o apuñalen ata a morte. César, pese a ser unha persoa celosa e envexosa, era un gran xeneral, coma capitán dos exércitos pontificios realizou exitosas campañas militares en Italia. Este triunfos fixeron que Maquiavelo se inspirase nel para escribir O Príncipe.
O propio final deste clan non podía ser outro que violento. En 1503 tras acudir a unha cea con outros cardeais o Papa caeu enfermo e morreu. César, que tamén fóra, enfermou pero deuse recuperado. Coma os modernos Boss ou Dons da mafia o seu reinado foi corto pero intenso, e coma unha especie de xustiza poética foi o veleno, súa arma favorita, o que lle puxo fin.
Uns vellos compañeiros de viaxe.
Para Mario Puzo estas historias eran ouro e fonte de inspiración. El e a súa compañeira, Carol Gino, comentaban xuntos as aventuras desta familia, incluso o escritor chegou a recrear algunha delas e adaptounas ás súas novelas. El tiña a súa propia opinión dos membros do clan: Lucrecia era unha boa rapaza; César era un patriota que quería ser un heroe; e Alexandre un pai compracente, un home de familia.

Cando sufriu un infarto en 1992 retirouse a Malibú, alí recuperouse escribindo sobre os Borgia. Ese libro foi o proxecto da súa vida pero sempre o aprazaba, xa que dicía que non quería desprenderse daqueles personaxes. Un bo amigo del, o historiador Bert Fields, que o tiña asesorado sobre o Renacemento sempre que o vía preguntáballe sobre a novela: “Cando vas publicalo libro dos Borgia?”
Nos seus derradeiros anos de vida ofrecéronlle axudarlle a rematalo libro, mais el non quería axuda de ninguén. Poucos días antes de morrer diante da súa moza, Carol, sacou un feixe de folios amarelos do derradeiro caixón de seu escritorio, ela pensou que eran apuntamentos da súa última novela, Omertà, recentemente publicada, pero aquelo era o traballo dos Borgia, a paixón de toda unha vida. El deullos e fíxolle prometer que remataría o libro, xa que despois do que lle tiña axudado ela sabía tanto dos Borgia coma el mesmo. En 2001, dous anos despois da morte de Puzo, saía a luz The Family, a historia da primeira familia criminal, os Borgia.
Para saber máis:
Mario Puzo, Los Borgia. Ed. Planeta, Barcelona 2006