Archivo de la categoría: Opinión

A ecuación educativa

Procrastinación. A primeira vez que escoitei ese vocábulo foi en palabras dunha rapaza duns 16 anos e empregouna para describir a súa xeración, aos seus compañeiros e así mesma. Defínense a si mesmos coma unha xeración de vagos e maleantes que aprazan todo para outro momento, que dureza!

Adolescencia. Os adultos, ou os que finxen selo, soemos recordala como un período de ledicia inmensa, de experiencias novas, onde todo é posibel e nada é probabel. Pero os rapaces de agora non o ven así, ou polo menos non todos.

Falo de eses rapaces fóra do sistema, os rapaces que non encaixan na ecuación educativa, aqueles que a súa vida os levou a asumir lastres demasiado grandes sendo aínda demasiado cativos.

Moitos de nós e os medios de comunicación, en algún momento os clasificamos coma nugalláns, parvos, barriobaixeiros, e cuantiosos calificativos pola súa orixe ou personalidade. Poñendo etiquetas nas súas costas demasiado pesadas, demasiado crueis. Cargas que pola idade, personalidade ou situación non son capaces de asumir, e prefiren deixarse levar pola corrente da sociedade que lles indica o que son e o que deben ser.

Todos temos ou tivemos muíños que nos pareceron xigantes, todos tivemos sombras nun mes de verán… pero moitos de nós tivemos a sorte de ter quen nos apoiara e nos acompañara no camiño…Que pasaría se esas persoas non estivesen? Se non tiveramos quen nos impulsara en cada fracaso ou en cada alegría. Eu teño claro, abandonaría, deixaría de estudar e gañaría a corrente que me levaría a un mar en calma nun traballo non soñado, fichar, traballar e marchar, sen emocións fortes, sen motivación, sen vocación… nese momento estaría fóra do sistema educativo.

Un sistema que en moitos casos iguala ao alumnado en lugar de descubrir o verdadeiro talento, a verdadeira esencia que todas as persoas novas teñen.

Un sistema que se compara a unha guerra: ou comigo ou contra min. Onde o vencedor consegue os obxectivos fixados, os estándares marcados e perde polo camiño a súa personalidade.

Ao final o que o docente crea son guerreiros: se estás dentro do sistema, compites por unhas boas notas que te leven o teu soño. E aos perdedores, dánselles argumentos suficientes para que se convenzan que nunca o conseguirán. Convencédevos non chegaredes!

prueba 8
Fotografía de Sheila Caride Fernández

Por suposto, esta historia remata coma todas as batallas, para os altos cargos hai vencedores e vencidos, para o resto da poboación, todos son vítimas. Gañadores e perdedores, son vítimas dun sistema tradicional que se atopa a anos luz de sistemas educativos onde prevalece a persoa, coas súas virtudes e potenciais máis que o cumprimento dun criterio de avaliación.

Pero que pasa cando os rapaces “perdedores” se definen e describen como guerreiros de outra loita? Da súa propia. Que acontece cando non renuncian aos seus soños aínda que lles poida, en ocasións, a procrastinación?

Deben saber que a vida é máis do que lles contamos, máis alá de indicadores de logro, probas individualizadas, e informes de avaliación. Deben saber que ás veces os soños alcánzanse pero só cando se loita con dentes e unllas, nada é regalado, todo é merecido. Que as mentes máis brillantes cometeron erros, que a lealdade, a bondade e a superación persoal son máis importantes que as progresións aritméticas.

O que non saben é que son a xeración dos si-si: si se pode si se quere, nunca hai xeracións perdidas unicamente durmidas…non debe existir un sistema no que alumno deba encaixar, débese crear unha fórmula para adaptarse a cada talento; onde se forme a persoas e non a personaxes dunha obra teatral da súa propia vida.

Quizais escribo sobre eles por envexa de volver a esta etapa onde se vive apaixonadamente, sen filtros, sen vergoña, sen medo,cunha por vir cheo de puntos suspensivos… Tamén escribo, porque son parte da nosa sociedade, aínda que as súas voces estean en ocasións silenciadas, pero eles son a parte creativa do mundo. Se en cuestión de 50 años se produciu unha revolución tecnolóxica e dixital que permitiu transmitir información en cuestión de segundos ao redor do mundo, creo que ningún de nós podemos predicir como de lonxe pode chegar a creatividade e o talento dos que hoxe en día, son mozos.

Confiemos no talento de cada persoa, sen prexuízos, e animémolos a ser eles mesmos, ser únicos e diferentes, ser e ter esencia. Eu so vos digo amade, loitade e vivide como uns adolescentes, se o sodes…aproveitade cada momento, e recordade que as virtudes superan ás cargas, as palabras positivas sempre terán máis forza que o odio.

E se comezaron a saír as primeiras engurras e as primeiras canas anímovos a ser apaixonados con todo o que fagades e sodes, na risa, no pranto, no amor e no traballo…que pesen máis os momentos que os recordos ou os anhelos. Anímovos a crear unha pequena revolución dentro de vós, para que ao igual que os adolescentes, encontredes todo o que se opón a que cada maña, cada un de vós, podades comervos o mundo e dicir: eu son un guerreiro.

Sheila Caride Fernández