Febre Gaélica en Ourense

Revive o acontecemento histórico que o pasado 18 de marzo tivo lugar na nosa cidade. A desputa do partido no que se enfrontaban as seleccións de fútbol gaélico de Francia e Galicia convertiuse no primeiro encontro deste deporte en ser retransmitido en vivo fóra de Irlanda

Fai un mes a TVG2 desprazábase ata o campo da Universidade do Campus de Ourense para emitir en directo os dous partidos de fútbol gaélico que as seleccións femenina e masculina de Galicia e Francia desputaron respectivamente entre sí. Chegamos ao campo e respírase ambiente festivo, gradas repletas, e unha morea de aficionados e curirosos ansiosos de ver e saber.

_MG_8356
Saque inicial do Galicia-Francia (fotog: Cris Armadanzas)

 

Que é exactamente o fútbol gaélico e de onde ven?

Para que entredes en contexto e aínda que o nome deste deporte fai tempo que soa con forza entre nós (xa son poucos os completamente alleos a súa realidade) aquí vai unha retrospectiva.

Técnicamente e de forma resumida, o fútbol gaélico (en irlandés peil) mestura fútbol e rugby nun campo rectangular onde as porterías en forma de H permiten anotar tres puntos na parte baixa (un gol tradicional), ou sumar un único punto lanzando o balón entre os paus verticais. Para mover o esférico poden empregarse tanto as mans coma os pés.

En canto a orixe e repercusión, este deporte é moi popular noutros países ao norte do noso, primordialmente en Irlanda, onde é considerado deporte nacional e goza de moitísimos espectadores, o 34% das audiencias deportivas para ser exactos. Alí, as regras modernas de xogo estrablecéronse en 1886, sen embargo crese que a súa pegada remóntase nin máis nin menos que a idade media.

_MG_8511
Xogadores de Francia (esq) e Galicia (der) (fotog:Cris Armadanzas)

O último pilar nesta ecuación é a filosofía, acadando a perspectiva de cohesionador social. Segundo regras non escritas o fútbol gaélico é por definición un deporte non profesional. Este deporte xógase por afición e en base a unha serie de valores e códigos cuxo obxectivo é o respeto a tódalas condicións humanas. Para que serve o deporte senón para vivir a diversidade e desfrutar da actividade física nun entorno competitivo limpo? Ultimamente temos visto o alto nivel de crispación que se da noutros deportes, eminentemente no fútbol, onde incluso en categorías onde compiten os máis pequenos a violencia parece xogar, por desgraza, tanto coma os rapaces. Pero a emoción non está nas disputas da grada, senón no campo, e as xogadoras e xogadores de fútbol gaélico ofrecen un espectáculo entretido e digno. A tensión, o movemento, o contacto… o espectáculo en definitiva, non está reñido coa deportividade e o “fair play”, e neso creo que estamos de acordo toda a sociedade.

Traxectoria en Galicia

Volvendo ao noso país, o percorrido do fútbol gaélico remóntase ao ano 2010, momento no que naceu na Coruña o Fillos de Breogán, que actualmente consta de equipo masculino, feminino e mixto, e incluso con filial, o Árbatros de Oleiros. En Ourense dase un caso particular, xa que o primeiro equipo que apareceu foi o feminino, baixo o nome de Auriense F.G. que foi medrando ano a ano e conta agora tamén con equipo masculino e mixto. En canto á selección o seu primeiro contacto internacional foi contra a Bretaña en xullo de 2012 onde fixeron boas migas ámbolos equipos. Posteriormente a selección galega lograría colarse nos xogos mundiais de fútbol gaélico, os GAA World Games de 2015, que se celebraron en Abuh Dabi, e repetiron o ano pasado en Irlanda, desta vez, ambos equiopos (masculino e feminino) conseguiron traer ambos trofeos á casa. Por diante agora hay un longo camiño por percorrer, e moita perspectiva. Sonada foi a entrega da camiseta da selección galega que o embaixador Irlandés, coñecedor do orixe galaico do noso presidente, lle regalou a Mariano Rajoy.

Podedes revivir o partido do pasado 18 de marzo aquí. Especialmente emocionante foi o principio, no que se escoitaron os himnos das dúas nacións, e sobre todo, o trepidante encontro das seleccións femininas.

_MG_8496
Imaxe da irmandade entre os xogadores e xogadoras de cada país (fotog: Cris Armadanzas)

Se vos pica a curiosidade e queredes comprobar na vosa propia pel como se sinte este deporte, podedos consultar nesta ligazón os equipos de fútbol gaélico en Galicia e ónde atopalos. Animádevos! Os equipos esperan por vós.

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas

 

1640, Els Segadors

“Ara és hora, segadors!
Ara és hora d’estar alerta!
Per quan vingui un altre juny
esmolem ben bé les eines!”

 (Himno de Cataluña)

O 7 de xuño de 1640, día da festividade do Corpus, un motín estoupa en Barcelona. Mesturados entre os segadores que acudían a cidade condal na procura de traballo na sega ían os rebeldes que atacaron e asasinaron ós casteláns e funcionarios da coroa que residían na cidade, incluso o vicerrei de Cataluña (representante do rei) foi morto polos amotinados que o caela noite fanse co control da capital catalá. Esta xornada coñecese coma Corpus de Sangue, e foi o inicio da primeira rebelión catalá contra os reis de España.

A Unión de Armas

Este alzamento non foi dun día para outro, para coñecer súas orixes temos que falar un pouco do contexto de España naqueles anos. Na primeira metade do século XVII, a Monarquía Hispánica estaba metida de cheo nun dos conflitos bélicos máis grandes da historia de Europa, a Guerra dos Trinta Anos, que coma non podía ser doutro xeito tiña seu escenario central en Alemaña.

A España dos Habsburgo era unha federación de distintos reinos e estados. Baixo o seu dominio estaban tódolos reinos peninsulares, as colonias americanas e africanas así coma posesións en Holanda, Bélxica e Italia. Cada un destes estados tiñan as súas propias leis e privilexios e só estaban unidos por unha mesma dinastía real. Esta complexa unión de territorios é coñecida pola historiografía coma Monarquía Hispánica

245px-Count-Duke_of_Olivares
Conde-Duque de Olivares

Toda a presión fiscal e militar da monarquía recaía sobre os reinos da Coroa de Castela polo que o valido (ministro) de Felipe IV, o Conde-Duque de Olivares, argallou un plan para que tódolos estados do rei compartiran os gastos, a coñecida coma Unión de Armas. A idea foi rexeitada polos demais reinos da monarquía, en especial polos da Coroa de Aragón que vían nel un intento por centralizar o reino e recortarlle privilexios os seus territorios. As cortes catalás rexeitaron a proposta en 1626 e 1632. A desconfianza nas intencións de Olivares non estaban desencamiñadas, xa que nunha carta deste ó rei Felipe dicíalle: “Tenga Vuestra Majestad por el negocio más importante de su Monarquía hacerse rey de España; quiero decir, Señor, que no se contente con ser rey de Portugal, de Aragón y Valencia y conde de Barcelona, sino que trabaje y piense por reducir estos nervios de que se compone España al estilo y leyes de Castilla…”.

A Guerra trasládase a Cataluña

Na guerra de Alemaña España mantiña unha loita particular ca Francia do cardeal Richelieu pola hexemonía en Europa. Isto fixo que Cataluña fose unha fronte máis da guerra, polo que a monarquía enviou soldados á fronteira dos Pirineos. Estes homes de armas tiñan que ser mantidos polos campesiños cataláns, polo que empezou o descontento da poboación rural. Os abusos cometidos polos exércitos reais sobre o pobo fixeron que comezará a rebelión que rematou nos acontecementos do Corpus en Barcelona.

pau-claris
Pau Claris

Paralelamente a estes acontecementos estábase a levar unha negociación secreta entre o presidente da Generalitat, Pau Claris, e os franceses. O acordo consistía en que Francia apoiaría e protexería a República de Cataluña unha vez que este separárase da Monarquía Hispánica. A sinatura do acordo o 16 de decembro de 1641 facía efectiva a ruptura dos cataláns ca España de Felipe IV e, en palabras da historiografía española tradicional, “echaba a Cataluña en los brazos de Francia”.  Un mes despois as tropas rebeldes vencían ó exército castelán na batalla de Montjuic. Claris morrerá ós poucos días destes feitos entre sospeitas de ser envelenado por axentes casteláns. A alianza entre Cataluña e Francia supuxo o nomeamento do rei de Francia coma conde de Barcelona e a entrada de tropas deste no Principado, o comportamento deste exército en pouco se vai diferenciar do mostrado anteriormente polos españois.

A  Deputación Xeral do Principado de Cataluña, Generalitat, era un órgano de goberno nacido na Idade Media cuxa función era a recadación e administración dos tributos aprobados polas Cortes de Cataluña, así coma facer valer as leis e as constitucións do país exercendo de comisión permanente do parlamento cando este non estaba reunido. Outra administración natural de Cataluña era o Consell de Cent (Concello de Cento) consello de notables que gobernaba a cidade de Barcelona

Non nos podemos esquecer que ó mesmo tempo da rebelión catalá tamén se producen sublevacións en Portugal, Andalucía, Napoles e Sicilia, por aquel entón parte do imperio do rei de España. Todas estas rebelións foron sufocadas agás a portuguesa, este reino consegue restaurar a súa independencia e nomear rei ó Duque de Bragança Joao IV. Este annus horribilis acabaralle custando o posto ó valido Olivares.

A fin da rebelión

En  1648 asínase a Paz de Westfalia que pon fin a Guerra dos Trinta Anos, o que permite a España centrarse nas súas rebelións internas e no conflito con Francia. En 1650 é enviado a Cataluña o bastardo de Felipe IV, Juan José de Austria, que xa rematara cas sublevacións de Nápoles e Sicilia. Este personaxe terá a dubidosa honra de selo primeiro da historia de España que dea un golpe de estado militar, durante o reinado de seu medio irmán Carlos II.

Asediodebarcelona1652
Asedio de Barcelona de 1652

Tan pronto chega ó Principado pon sitio a Barcelona. A capital catalá réndese en 1652 tras a promesa do infante de respectar as leis e constitucións catalás e o perdón xeral. A defensa que Don Juan fará dos privilexios cataláns diante de seu pai valeralle as simpatías das autoridades barcelonesas, sendo Cataluña unha importante fonte de apoios para a súa futura carreira política na Corte. A Paz dos Pirineos de 1459 entre España e Francia suporá a definitiva fin desta aventura independente de Cataluña, que perde ó norte os condados de Rosellò e Cerdaña que quedan ligados a Francia (curiosamente Francia si anulará as leis e privilexios nestes territorios e atacará o uso do catalán).

A diferencia de outros territorios coma o Peñón de Gibraltar, perdido por España na Guerra de Sucesión Española, o estado español nunca reclamou a devolución do Rosellò e Cerdaña

O legado da Guerra dos Segadores

Esta guerra quedará na memoria popular do pobo catalán na letra de romances e cancións populares. A finais do século XIX o nacionalismo catalán adoptará unha versión destes romances coma o himno nacional catalán, Els Segadors. O igual que pasa con outros himnos das nacionalidades históricas a elección deste tema non está exenta de polémica, algúns sectores máis conservadores ven na letra un enaltecemento do uso da violencia contra outros “compatriotas” de España.

corpus-de-sangre--644x362
Corpus de Sange

O himno galego contén a palabra nación na súa letra (parte que a miudo é saltada polas autoridades e institucións nos actos soloemnes) cousa que crea ferventes debates na sociedade.»

Aínda que o catalanismo ten máis marcado a lume a data de 1714, ano no que Cataluña é sometida polas tropas borbónicas e perde seus foros e privilexios, o certo é que esta sublevación do Siglo de Oro é a que ten un carácter máis marcado de ruptura co resto de España, o choque da Guerra de Sucesión Española podemos entendelo cama o enfrontamento das dúas formas de ver España. Case catrocentos máis tarde o enfrontamento Cataluña-España segue a ser un conflito moi vivo nos nosos días enchendo a diario as portadas dos informativos e xornais, e só o futuro dirá como rematará desta quenda.

David Sabucedo Cardero