“Ara és hora, segadors!
Ara és hora d’estar alerta!
Per quan vingui un altre juny
esmolem ben bé les eines!”(Himno de Cataluña)
O 7 de xuño de 1640, día da festividade do Corpus, un motín estoupa en Barcelona. Mesturados entre os segadores que acudían a cidade condal na procura de traballo na sega ían os rebeldes que atacaron e asasinaron ós casteláns e funcionarios da coroa que residían na cidade, incluso o vicerrei de Cataluña (representante do rei) foi morto polos amotinados que o caela noite fanse co control da capital catalá. Esta xornada coñecese coma Corpus de Sangue, e foi o inicio da primeira rebelión catalá contra os reis de España.
A Unión de Armas
Este alzamento non foi dun día para outro, para coñecer súas orixes temos que falar un pouco do contexto de España naqueles anos. Na primeira metade do século XVII, a Monarquía Hispánica estaba metida de cheo nun dos conflitos bélicos máis grandes da historia de Europa, a Guerra dos Trinta Anos, que coma non podía ser doutro xeito tiña seu escenario central en Alemaña.
“A España dos Habsburgo era unha federación de distintos reinos e estados. Baixo o seu dominio estaban tódolos reinos peninsulares, as colonias americanas e africanas así coma posesións en Holanda, Bélxica e Italia. Cada un destes estados tiñan as súas propias leis e privilexios e só estaban unidos por unha mesma dinastía real. Esta complexa unión de territorios é coñecida pola historiografía coma Monarquía Hispánica”

Toda a presión fiscal e militar da monarquía recaía sobre os reinos da Coroa de Castela polo que o valido (ministro) de Felipe IV, o Conde-Duque de Olivares, argallou un plan para que tódolos estados do rei compartiran os gastos, a coñecida coma Unión de Armas. A idea foi rexeitada polos demais reinos da monarquía, en especial polos da Coroa de Aragón que vían nel un intento por centralizar o reino e recortarlle privilexios os seus territorios. As cortes catalás rexeitaron a proposta en 1626 e 1632. A desconfianza nas intencións de Olivares non estaban desencamiñadas, xa que nunha carta deste ó rei Felipe dicíalle: “Tenga Vuestra Majestad por el negocio más importante de su Monarquía hacerse rey de España; quiero decir, Señor, que no se contente con ser rey de Portugal, de Aragón y Valencia y conde de Barcelona, sino que trabaje y piense por reducir estos nervios de que se compone España al estilo y leyes de Castilla…”.
A Guerra trasládase a Cataluña
Na guerra de Alemaña España mantiña unha loita particular ca Francia do cardeal Richelieu pola hexemonía en Europa. Isto fixo que Cataluña fose unha fronte máis da guerra, polo que a monarquía enviou soldados á fronteira dos Pirineos. Estes homes de armas tiñan que ser mantidos polos campesiños cataláns, polo que empezou o descontento da poboación rural. Os abusos cometidos polos exércitos reais sobre o pobo fixeron que comezará a rebelión que rematou nos acontecementos do Corpus en Barcelona.

Paralelamente a estes acontecementos estábase a levar unha negociación secreta entre o presidente da Generalitat, Pau Claris, e os franceses. O acordo consistía en que Francia apoiaría e protexería a República de Cataluña unha vez que este separárase da Monarquía Hispánica. A sinatura do acordo o 16 de decembro de 1641 facía efectiva a ruptura dos cataláns ca España de Felipe IV e, en palabras da historiografía española tradicional, “echaba a Cataluña en los brazos de Francia”. Un mes despois as tropas rebeldes vencían ó exército castelán na batalla de Montjuic. Claris morrerá ós poucos días destes feitos entre sospeitas de ser envelenado por axentes casteláns. A alianza entre Cataluña e Francia supuxo o nomeamento do rei de Francia coma conde de Barcelona e a entrada de tropas deste no Principado, o comportamento deste exército en pouco se vai diferenciar do mostrado anteriormente polos españois.
“A Deputación Xeral do Principado de Cataluña, Generalitat, era un órgano de goberno nacido na Idade Media cuxa función era a recadación e administración dos tributos aprobados polas Cortes de Cataluña, así coma facer valer as leis e as constitucións do país exercendo de comisión permanente do parlamento cando este non estaba reunido. Outra administración natural de Cataluña era o Consell de Cent (Concello de Cento) consello de notables que gobernaba a cidade de Barcelona”
Non nos podemos esquecer que ó mesmo tempo da rebelión catalá tamén se producen sublevacións en Portugal, Andalucía, Napoles e Sicilia, por aquel entón parte do imperio do rei de España. Todas estas rebelións foron sufocadas agás a portuguesa, este reino consegue restaurar a súa independencia e nomear rei ó Duque de Bragança Joao IV. Este annus horribilis acabaralle custando o posto ó valido Olivares.
A fin da rebelión
En 1648 asínase a Paz de Westfalia que pon fin a Guerra dos Trinta Anos, o que permite a España centrarse nas súas rebelións internas e no conflito con Francia. En 1650 é enviado a Cataluña o bastardo de Felipe IV, Juan José de Austria, que xa rematara cas sublevacións de Nápoles e Sicilia. Este personaxe terá a dubidosa honra de selo primeiro da historia de España que dea un golpe de estado militar, durante o reinado de seu medio irmán Carlos II.

Tan pronto chega ó Principado pon sitio a Barcelona. A capital catalá réndese en 1652 tras a promesa do infante de respectar as leis e constitucións catalás e o perdón xeral. A defensa que Don Juan fará dos privilexios cataláns diante de seu pai valeralle as simpatías das autoridades barcelonesas, sendo Cataluña unha importante fonte de apoios para a súa futura carreira política na Corte. A Paz dos Pirineos de 1459 entre España e Francia suporá a definitiva fin desta aventura independente de Cataluña, que perde ó norte os condados de Rosellò e Cerdaña que quedan ligados a Francia (curiosamente Francia si anulará as leis e privilexios nestes territorios e atacará o uso do catalán).
“A diferencia de outros territorios coma o Peñón de Gibraltar, perdido por España na Guerra de Sucesión Española, o estado español nunca reclamou a devolución do Rosellò e Cerdaña”
O legado da Guerra dos Segadores
Esta guerra quedará na memoria popular do pobo catalán na letra de romances e cancións populares. A finais do século XIX o nacionalismo catalán adoptará unha versión destes romances coma o himno nacional catalán, Els Segadors. O igual que pasa con outros himnos das nacionalidades históricas a elección deste tema non está exenta de polémica, algúns sectores máis conservadores ven na letra un enaltecemento do uso da violencia contra outros “compatriotas” de España.

“O himno galego contén a palabra nación na súa letra (parte que a miudo é saltada polas autoridades e institucións nos actos soloemnes) cousa que crea ferventes debates na sociedade.»
Aínda que o catalanismo ten máis marcado a lume a data de 1714, ano no que Cataluña é sometida polas tropas borbónicas e perde seus foros e privilexios, o certo é que esta sublevación do Siglo de Oro é a que ten un carácter máis marcado de ruptura co resto de España, o choque da Guerra de Sucesión Española podemos entendelo cama o enfrontamento das dúas formas de ver España. Case catrocentos máis tarde o enfrontamento Cataluña-España segue a ser un conflito moi vivo nos nosos días enchendo a diario as portadas dos informativos e xornais, e só o futuro dirá como rematará desta quenda.
David Sabucedo Cardero
Un comentario en “1640, Els Segadors”