A historia do conde que quixo ser rei a costa de «rachar España»
Autor: David Sabucedo
Conta a lenda que un rei de Castela foi convidado por un dos seus magnates a un banquete. Este nobre era ambicioso, turbulento e feroz, e tiña disposto dar morte ao monarca nese xantar. Un paxe real, un mozo da familia galega dos Villandrado, escoitou por casualidade unha conversa e descubriu as verdadeiras intencións dos seus anfitrións, axiña foi onda o seu señor e con discreción pediulle que o acompañara a unha cámara contigua ó salón onde se celebraba o xantar, xa que tiña que comentarlle un asunto moi importante. En canto o rei descubriu o complot temeu pola súa vida, mais o mozo tiña un plan. Cando os conxurados viron marchar ó rei empezaron a sospeitar que foran descubertos, polo que quixeron rematar canto antes co que tiñan planeado, o magnate rebelde ordenou aos seus homes de armas colocarse na entrada da habitación onde estaba o soberano e eliminalo en canto saíse. Cando as portas da estancia abríronse os soldados abalanzáronse contra o rei apuñalándoo ata a morte, mais grande foi o terror que invadiu aos traidores cando comprobaron que o cadáver que había no chan era o do criado que vestía o traxe do seu señor. O rei, que fuxira disfrazado cas roupas do mozo, recompensou á familia do seu leal servidor convidando aos seus descendentes a xantar con el unha vez o ano e a entregarlle o traxe que vestise nesa ocasión.
Esta historia recollida por Leandro Carré Alvarellos na súa obra Lendas Galegas de Tradición Oral baixo o título O Paxe do Rei é a orixe mítica dun privilexio que tiñan os condes de Ribadeo, xantar na mesa do soberano castelán o Día da Epifanía e despois recibir o vestido que o monarca levara nese banquete. Pois dun conde de Ribadeo vai esta historia, don Rodrido Sarmiento da Silva y Villandrado, un home cuxa ambición levou a tentar destruír o estado máis poderoso do seu tempo, a Monarquía Hispánica.
As escuras orixes da familia Villandrado
A orixe desta casa está dacabalo entre a historia e a lenda. Xa para comezar o lugar de nacemento do seu fundador, Rodrigo de Villandrado, é motivo de disputa entre ourensáns e valisoletanos; o solar galego sería San Lourenzo da Illa, en Entrimo, terra vencellada ós condes de Ribadeo no século XV; pola outra banda os casteláns defenden que os Villadrando son de Valladolid. Este Rodrigo, segundo di o cronista Alonso de Palencia, era “de padres pobres aunque honrados aldeanos”. Parece ser que fixo carreira militar en Francia, onde combateu na Guerra dos Cen Anos, alí capitaneou a súa propia compañía de mercenarios e gañouse os alcumes de “O Esfolador” e “Emperador dos Ladróns”. A súa volta a Castela púxose ás orde do rei Juan II o que, segundo a lenda, salvaríalle a vida entregando a súa. Alén do que di a tradición o certo é que Villandrado axudou ao monarca castelán a rematar ca rebelión do seu fillo, o futuro Henrique IV, e polos seus méritos neste conflito e os seus servizos, Juan II entregoulle a súa casa o condado de Ribadeo e o privilexio de cear cos reis no día da Epifanía.

A Rodrigo sucedeuno seu fillo Pedro de Villandrado, segundo conde de Ribadeo, que chegará a ser nomeado Gobernador e Presidente do Reino de Galicia polos Reis Católicos entre 1477 e 1480. A el apelarán os nobres galegos para que interceda por eles ante a Coroa e así impedir que fose enviada a Galicia a Santa Hermandad, corpo de orde público que tiña a misión de «pacificalo Reino», o que foi chamada a “Doma do Reino de Galicia”. A morte deste personaxe en 1516 o condado caerá en mans dos condes de Salinas, da casa Sarmiento, emparentados cos Villandrado por vía matrimonial; isto fará que o título se desgaleguice, para os tempos no que vive o noso protagonista só terá de vinculación con Galicia o nome.
A Aguia Caída

Dous séculos despois da vinculación do señorío de Ribadeo á casa de Villandrando o panorama político na península Ibérica mudara por completo. O reinado da casa de Austria trouxo o salto daquela España á categoría de potencia hexemónica no mundo. A Península era agora un conglomerado de reinos e estados baixo a autoridade dun mesmo soberano que tiña a súa mirada posta nos conflitos relixiosos europeos, unhas guerras de relixión que minguaban os recursos da Coroa de Castela, columna vertebral dos bastos dominios dos reis españois. A grande nobreza galega neste período era colaboradora das políticas da Corte, súas ambicións estaban agora en Madrid e xa non miraban polos seus primitivos solares galaicos. Nomes coma Lemos, Monterrei, Ribadeo ou Altamira destacaban entre os funcionarios de maior rango dos Austrias.
Mais todo imperio e potencia ten un final e no século XVII os reinados de Felipe IV e Carlos II trouxeron a decadencia española, eran os tempos da «Aguia Caída». Para tentar cubrir tódalas frontes que tiña aberta a Coroa e frear a sangría humana e fiscal que sufría Castela, o Valido de Felipe IV, o Conde-Duque de Olivares, elaborou un plan de centralización dos estados do rei ca fin de que tódolos territorios da súa Católica Maxestade puxeran os mesmas recursos para soster o buraco negro que era a belicosa política exterior española, a chamada Unión de Armas (1626). As accións de Olivares levaron a espertar os sentimentos patrióticos en diferentes reinos e estados da Monarquía, que vían nelas a fin dos seus privilexios e constitucións. En 1640 Cataluña érguese en armas e tenta separarse de España; a finais dese mesmo ano tamén se ergue o reino de Portugal que proclama rei ó Duque de Braganza co nome de Joao IV. En 1641 en Andalucía é descuberta unha conxura protagonizada polo Duque de Medina Sidonia para proclamarse rei da rexión co apoio portugués. Comezábase a escoitar por primeira vez en Madrid iso de: “España se rompe”.
A conspiración do Duque de Híjar e Conde de Ribadeo
Naqueles turbulentos tempos noso protagonista, Rodrigo Sarmiento da Silva, era un importante aristócrata, ó ser titular do condado de Ribadeo e levalo apelido Villandrado dáballe o privilexio de cear unha vez ó ano co rei, polo que tiña a oportunidade de ter trato persoal co soberano. Era fillo de Rodrigo da Silva, personaxe que fóra vicerrei de Portugal en dúas ocasións e cuxa coñecida inimizade con Olivares trouxéralle a caída en desgraza, unha rivalidade política que tamén lastrou seu fillo. Rodrigo casou en 1622 con Isabel Fernández, Duquesa de Híjar, polo que era consorte deste importante señorío do reino de Aragón, o que axudará a que fose elexido vicerrei desata terra.

Antes de estourar a rebelión portuguesa, o Duque de Híjar xa informara ao rei do inminente alzamento daquel reino, en compensación pola valiosa información, Olivares, daralle un mando militar no exército real enviado á fronteira extremeña contra Portugal, e que estaba ó mando doutro nobre de orixe galega, o Conde de Monterrei. Esta campaña resultou un desastre militar e facilitou o camiño á independencia lusa.
A grave crise territorial provocou o derrube do réxime do Conde-Duque (1643) e que quedara vacante o posto de Privado do Rei. Comezou na Corte unha pugna por conseguir o importante cargo, ao que, entre outros, Ribadeo era aspirante. Mais ocorreu unha cousa que seguro que vos é familiar, o posto rematou en mans do sobriño do anterior, Luís Méndez de Haro, elección que lonxe de calmalos ánimos dos cortesáns prendeunos aínda máis. Ó pouco tempo eran descubertas dúas conxuras para acabar ca privanza de Haro: unha eclesiástica e outra nobiliaria, entre os nobres intrigantes estaban dous galegos o conde de Lemos e noso amigo o conde de Ribadeo. Haro saíu triunfante dos intentos de derrube e Rodrigo Sarmiento foi castigado co desterro en Villarubio de los Ojos (Ciudad Real). En 1648 Ribadeo volve a Madrid con gañas de vingarse de Felipe IV e seu ministro, xa non quere un posto de privilexio na Corte, quere unha coroa.
O resentimento do noso protagonista fixo que xuntáranse no seu camiño dous personaxes cos que compartía a carraxe polo rei: Carlos Padilla, un mariscal de campo o que se lle negara o ascenso a xeneral; Pedro de Silva marqués de la Vega de la Sagra; e o portugués Carlos Cabral. Da conxura de Híjar hai dúas versións:
- Nunha primeira as aspiracións do conde de Ribadeo sería as de ser nomeado rei das Españas. Para iso os conspiradores asasinarían a Felipe IV, proclamarían rei de Aragón a Rodrigo Sarmiento, que era vicerrei daquel reino, e logo, ca axuda do rei de Portugal casaríano ca infanta María Teresa e así sería coroado rei das Españas.
- A outra versión presenta a Híjar coma un independentista aragonés. Os males que este reino sufría por mor da guerra ca veciña Cataluña facilitarían a rebelión e proclamación do conde de Ribadeo coma rei de Aragón (nembargantes a causa de Híjar non pareceu espertar moitas simpatías entre os aragoneses), esta candidatura rexia estaba abalada, disque, por ser Sarmiento descendente dos antigos monarcas da Coroa de Aragón. Para levar a cabo este plan Padilla viaxaría a Francia onde se entrevistaría co cardeal Mazarino (ministro de Luis XIV) e pediríalle axuda en troques de entregarlle ós franceses Navarra, o Rosellón e a Serdaña; consentirían a separación de Cataluña pero Tortosa e Lleida quedarían como parte do reino aragonés; Padilla contactou tamén co rei portugués o que ofreceu venderlle o Reino de Galicia, cos cartos obtidos da venda do país galego intentaríase comprar ó exército real que combatía contra os rebeldes cataláns (moitos deses soldados eran galaicos) e atacar con aquelas tropas o reino de Castela.

Cando os rebeldes tentaron por en marcha o plan e contactar cas potencias estranxeiras aliadas todo fracasou, un criado de Padilla delatounos ás autoridades e estas procederon a súa detención. Silva e Padilla foron xulgados e condenados a morte, a execución do segundo, o que se acusaran de selo líder da trama, foi en Madrid o 5 de decembro de 1684; o outro socio, o portugués Cabral, morreu en prisión. E que foi do conde de Ribadeo? Parece ser que o aspirante a rei foi prendido e torturado, mais nunca confesou nada; a Coroa confiscou os seus bens e rematou os seus días confinado nun convento de León. A ambición levouno a querer unha coroa de ouro na testa e rematou cunha argola de ferro no pescozo.
A conexión galega
Os historiadores dubidan hoxe se tódolos crimes que se lle imputaron a Rodrigo Sarmiento eran ou non certos, moitos ven tras deles a man negra do valido Haro que se encargou de deslexitimar a un rival político. Por outra banda está a pregunta que se fai o historiador Emilio González López na súa obra El águila caída: como podía Híjar usar Galicia como peza de empeño? A González López non lle encaixa que o conde de Ribadeo tivese algún tipo de influencia no noso reino, xa que a súa familia levaba anos desvencellada do territorio galego. Entón existiu unha conexión galega? Facendo a investigación para este artigo puidemos atopar unha pista, a clave pode estar nun deputado da Xunta do Reino de Galicia chamado… bueno creo que o tema é o suficientemente interesante para dedicarlle un artigo propio, non vos parece?
Para saber máis:
González López, Emilio. El Águila Caída, Galicia en los reinados de Felipe IV y Carlos II. Ed Galaxia, Vigo 1973.
Carré Alvarellos, Leandro. Las leyendas tradicionales gallegas. Ed. Austral, Madrid 2009.