“Santiago de Galicia espello de Portugal,
Axudarasme a vencer
Esta batalla real.”
(Copla tradicional)
Esquecidos nas brétemas do pasado están os tempos nos que Galicia e Portugal eran unha unidade. Os avatares do destino fixeron, hai xa case un milenio, que os camiños de ámbolos dous territorios discorreran separados, pero nos séculos que seguiron a esa escisión houbo múltiples intentos por parte dun ou do outro país de volverse xuntar. Desto falarei neste artigo, de dúas tentativas por parte do irmán luso de incorporar para sí as terras galaicas, usando para tal fin o noso ben patrimonial máis internacional, o Camiño de Santiago.
O primeiro destes episodios ocorreu no século XIV, Castela e Portugal estaban en guerra (1382-1385), o norte do país luso estaba en poder de moitos cabaleiros galegos ó servizo do rei de Castela, combatendo contra eles achábase o heroe nacional portugués Nuno Albares Pereira (coñecido hoxe en día coma o Condestable Santo), durante esa campaña Albares Pereira decidiu ir de romaría a Santiago de Compostela, as razóns que segundo as crónicas impulsaron ao conde portugués a facer semellante viaxe foron tres:
- Como non podía ser doutra forma a espiritual, “façer serviço a Deus”.
- A militar, xa que segundo di, tódolos lugares daquela terra estaban en servizo do rei de Castela e quería tentar tomar algún.
- Aprovisionamento, di Fernao Lopes na súa crónica do rei Joao I, que os soldados que andaban con Nuno Alvares estaban faltos de cabalos, polo que decidiron ir a Galicia a coller algúns, xa que na rexión abondaban estas bestas.

O Condestable Santo xuntou os seus homes en Guimaraes, no mosteiro de Santo Domingo, e alí expúxolle súa idea, sendo ben acollida polos seu fieis soldados. De se o final levou a cabo seu plan non temos constancia, xa que o relato segue co resto da campaña na rexión portuguesa de entre Douro e Minho. Si que foi atacada a cidade de Tui durante a contenda, pero de se o devoto conde Nuno foi a Santiago velo apóstolo non hai máis noticia.
Habería que esperar tres centurias máis para volver a ter novas dun plan semellante. Un anónimo de finais do século XVIII fala da relación entre o pobo galego e o portugués, xa nesa época comezara o éxodo dos nosos devanceiros na procura dunha vida mellor lonxe da súa terra, no escrito fálase que van en gran cantidade a traballar a Lisboa, chegando a dar a cifra de 40000 galegos residentes na cidade do Tejo en 1762.

O escritor fala de que os españois (refírese aos casteláns) os desprezan, os empregan nos traballos máis baixos e os tratan con dureza, polo que entre os de Galicia hai gran animadversión cara España, o que fai posible unha intervención de Portugal no país xa que non sería vista con malos ollos polos oriúndos del. O mesmo autor salienta a gran semellanza que hai entre ámbolos dous pobos, “os que só separan as augas do Miño”. Para rematar anima o rei de Portugal a unha intervención no reino de Galicia, afirmando que a empresa sería doada xa que con só 30000 peregrinos ben armados e disciplinados o territorio sería conquistado e doadamente defendido dos españois, xa que estes non o gardan ben. Este campaña quedaría en papel mollado, xa que non hai confirmación de que o goberno luso chegara a preparar tal misión de conquista.
Ámbolas dúas historias quedarían coma simples anécdotas, pero como di o dito, a terceira igual vai a vencida, se agora vedes un peregrino luso facendo o camiño de Santiago desconfiade, pode que baixo a súa devoción cara o apóstolo agoche algo máis.
David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
GALICIA vista por los no gallegos.
Alonso Montero, X.
Ed. Júcar, Madrid, 1974.
Un comentario en “Ideas de peregrino”