«Falábase de que aquilo non podía ser senón cousa de meiguería ou do demo.»
O tronante de San Xoán de Medela.
(Lendas galegas de tradición oral.)
Era unha noite de tempestade. Os tronos enxordecían os vales e a choiva caía a cachón. Íase deitar un aldeán cando ouviu xunto a porta do seu lar un ruído xordo, coma dunha cousa pesada que caera, que demo será iso? preguntouse. Picado pola curiosidade achegouse á porta con coidado, e viu tendido sobre un leito un home, que erguéndose axiña, púxose en pé. Era un escoler, que vestido con traxe de cabaleiro, acababa de baixar das nubes.
Xoán Antonio Saco e Arce recolle este conto popular galego, chamado O escoler, na súa obra Literatura popular de Galicia. Esta historia fala sobre uns persoeiros moi típicos do noso folclore, os escoleres, tamén chamados nubeiros, tronantes ou tronadores, legromantes, degrumantes ou negrumantes, bruxos ou demos que andaban polas nubes, onde producían e levaban as treboadas ca única finalidade de facer o mal e estragar as colleitas aos pobres paisanos. Son as veces xente do país; outras veces son forasteiros (no norte de Galicia había a crenza de que eran casteláns); tamén estranxeiros de fala estraña e aspecto pouco corrente (ollo a este dato xa que será importante máis adiante). Múltiples eran as formas de escorrentalos: tocar as campás da igrexa, disparar ás nubes e a máis común que o párroco pronunciara un esconxuro que os fixese caer dos ceos ou os obrigase a levar a tormenta cara outro lado.
Falei antes de que os estranxeiros eran moitas veces confundidos con tronantes, tal foi o caso dun peregrino que pasou por San Clodio (Ribas de Sil) unha tormentosa tarde, os veciños da localidade que se atopaban na malla do trigo pensaron que aquel home forasteiro era o tronante causante do mal tempo, polo que se botaron a por el ca intención de mallalo tamén, o asustado home botou a correr e foi perseguido pola turba ata outra aldea, onde unha vez que o atraparon aclararon todo e puido seguir camiño a Compostela. Mais sen dúbida o caso máis senlleiro foi o ocorrido en Aranga, preto de Betanzos, na segunda metade do século XIX.

Unha aviadora francesa chegou á cidade de Betanzos a facer un voo en globo, a xente da vila acudiu en masa a ver o insólito espectáculo, despedindo con bandas de música e cunha grande ovación á intrépida navegante cando esta se elevaba nos ceos. Na súa viaxe o globo pasou pola terra de Aranga que naquel tempo sufría unha horrible seca, as xentes que alí residían ao ver o estraño aparello no aire pensaron que era cousa do demo, tiña que ser a forza un nubeiro, o ser culpable daquela desolación e fame. As campás da igrexa tocaron a arrebato, as xentes reuníronse armadas con apeiros e paus para acabar co escoler, a aviadora ó ver que as xentes xuntábanse e a sinalaban pensou que a estaban aclamando e dende o aire repartía bicos e saúdos, decidiu logo que sería un bo sitio onde aterrar. Os alborotados paisanos ao vela tomar terra botáronse a ela berrando: Ai ven o escoler, o acabador do centeo, o acabador das patacas! Déronlle tal malla aquela “bruxa” que a deixaron mal ferida e morreu. Os veciños unha vez que os feitos foron coñecidos remataron todos en prisión. Esta historia fíxose moi sonada cando 50 anos despois foi publicada no xornal El Compostelano baixo o título El escoler.

Hoxe pódenos entrar a risa ante estas supersticións do pasado, ou escandalizarnos ante historias coma a do globo de Aranga e chamámoslle bárbaros aqueles aldeáns, pero ata non hai moito tempo para a nosa xente estes seres eran tan reais coma ti e coma min.
David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
Los nubeiros o tempestarios de Galicia.
Martínez Riso, V.
Boletín Oficial de Monumentos de Ourense, 69-91, Ourense, 1943.
Lendas galegas de tradición oral.
González Reboredo, X.M.
Ed. Galaxia, Vigo, 1995.