14 de abril de 1931, amence en España un movemento que cos seus primeiros raios de luz intentaría que a cultura neste país prosperara.
Todo isto podémolo observar no intento de creación de 27.000 escolas para a educación dos nenos ou das coñecidas “Misións Pedagóxicas”, que mostraban a cultura a moita xente analfabeta en modo de recitarios de poesía ou bibliotecas ambulantes.
Non só niso, as obras españolas iluminarían a época. García Lorca converteríase en referente no teatro, mentres que a poesía viríanos mostrada, entre outros, por Luís Cernuda ou Rafael Alberti. Pero se nalgo nos fixo especial ben foi na liberdade dos pobos dentro do estado español, que se tornaría en signos de identidade das comunidades do País Vasco, Cataluña e Galiza; que conseguirían ter estatuto propio nas dúas primeiras e a proposta firme no terceiro caso. A cultura Galega tería moita importancia debido aos autores que resaltarían como Castelao ou Otero Pedrayo entre moitos outros.
Todos estes intentos se verían frustados polo solpor que viría da man do levantamento golpista do 18 de xullo de 1936. Cinco anos. Cinco anos bastaron para que unha sociedade sumida no analfabetismo comezara a ter a súa propia luz, para que o interese pola cultura e o arte tiveran un apoio maior, etc. O que non coñecemos é o que houbera pasado se este réxime durara máis tempo, soamente podemos imaxinalo ou soñalo, e mentres o facemos, saúde.
De cativo chamoume a atención unha curiosidade que se daba cada domingo na igrexa parroquial. O sacerdote daba a misa en castelán, mais cando tocaba dar o sermón pasaba ó galego, pero a cousa non acababa aquí, cando daba unha misa na parroquia da aldea da miña nai a miña contradición aumentaba cando escoitaba o cura dar a misa íntegra en galego. Pasados os anos e aumentados os meus coñecementos, non moito, tentarei dar un repaso a un controvertido (e pouco polémico) tema, a relación da Igrexa co noso idioma.
As institucións eclesiásticas xa chegaron tarde ó emprego da fala galega (a Igrexa indo por tras da sociedade? non pode ser!), mentres o pobo e as institucións civís pasaran do latín e xa falaban e escribían en galego, ou castelán, a Igrexa inda emprega a vella lingua de Roma, xa case rematada a Idade Media, institucións coma os cabidos catedralicios empregaban coma lingua vehicular o galego. Ca chegada do estado moderno no século XVI prodúcese unha centralización na administración civil e eclesiástica onde só o castelán tiña cabida, quedando a nosa fala relegada ó uso oral do pobo, os famosos Séculos Escuros. Nesta época moitos curas foráneos chegaban as parroquias de Galicia sen ter idea do idioma que falaban os seus fregueses, o que deu lugar a situacións tan insólitas coma esta.
Un veciño acude a confesar xunto do seu párroco porque a súa conciencia non estaba tranquila.
-¿Qué te aflige hermano?-pregunta o abade.
-Ai padre vivo en pecado mortal! Levo trebellando toda a semana sen parar, eu sei que é pecado pero non o podo evitar- responde o arrepentido paisano.
O cura castelán, que non domina o idioma, trabuca a verba trebellar (sinónimo de foder) con traballar e respóndelle o seu “fillo”:
-¡Trebellar no es pecado hombre! Que también nuestro Señor trebelló sin descanso durante seis días hasta que al séptimo descanso, asique ya sabes puedes trebellar hasta el domingo, pero ese día lo respetas de descanso- o confundido home marchou todo contento o seu lar a seguir ca tarefa encomendada polo bo do abade.
Non se pode xeneralizar no mal trato dado polo Igrexa ó galego xa que algúns dos máis importantes escritores e defensores da lingua foron eclesiásticos.
O cura de Fruíme.
O cura de Fruíme no século XVIII deixounos fermosos versos na nosa lingua, a el refírese George Borrow cando na súa viaxe por Galicia, a comezos dos século XIX, para en Pontevedra, e un notario local ensínalle a obra deste home, referíndose a el coma “o noso poeta nacional”.
Xoán Antonio Saco e Arce.
Do século XVIII tamén é o padre Sarmiento fervente defensor do idioma e do seu ensino nas escolas.Xa no século XIX, en pleno comezo do Rexurdimento, o crego ourensán Xoán Antonio Saco e Arce elaborará a primeira gramática do idioma galego.
Outro feito senlleiro desta relación relixión-idioma é a desaparición na lingua coloquial galega dos nomes divinos, non atoparás no galego vulgar as verbas Deus, Virxe María ou Xesús, mais si Dios, Virgen María ou Jesús, os nomes do santoral fóronse castelanizando eperdéndose a súa vez os antropónimos galegos. Este proceso quizais foi máis acusado tralos primeiros anos do século XX. Ca chegada da democracia e ca normalización lingüística o galego voltou a Igrexa paseniño, chegando a dar casos coma as misas bilingüistas as que facía referencia o comezo deste artigo.
Xa para rematar gustaríame facer referencia a unha crenza moi espallada nas tradicións populares de antano e en tódolos contos e lendas nos que sae «Dios habla castellano».
David Sabucedo Cardero.
Novas, historia, literatura, arte, música e deporte en Galicia.