the daylight was shining into his mouth
con este verso case pode verse a luz a saír da boca do pai
iluminando todo o cuarto: el amanecer resplandecía en su boca.
mory ponsowy conseguíu con esta tradución trasladar a determinación
de sharon olds á versión castelá. é olds unha poeta rotunda e vigorosa.
hai verdade no que di. non porque narre a súa vida mais por ser quen
de fitar a propia dor/de a describir como se fose doutro
abrindo así un espazo para a súa ferida máis fonda
porque a morte dun pai é sen dúbida algo que non chega
a cicatrizar xamais. sharon se resiste á conformidade.
conserva esta dor/ ábrea cando é preciso.
Sabe que as cicatrices son feridas que dormen.
mahmoud darwish tamén é consciente disto
da condición sonámbula destas costuras
mais prefire o sarcasmo para se sobrepor
ao seu efecto devastador.
qué farei eu coas miñas feridas?
-pregúntome algunhas veces-
cómo conseguirei
non afogar
no seu veleno?
Rosa Enríquez
Poema pertencente ao libro: “Historia do meu corpo en labaradas”.
