O pirata da canción

Vida e obra do chamado derradeiro pirata de occidente

Autor: David Sabucedo


 

“Bajel pirata que llaman,

por su bravura El Temido,

en todo el mar conocido

del uno al otro confín.”

La Canción del pirata

(José de Espronceda)

 

Estes versos do poema de Espronceda son de sobra coñecidos, nesta obra o autor pretende salientar a idea da liberdade absoluta,  a vida ao marxe das normas que nos marca a sociedade, representando estes ideais na figura do pirata, pero sabedes que famoso persoeiro inspiroulle para facer esta obra? Pois del vai este artigo, coñezamos a vida do chamado derradeiro pirata de occidente, Benito Soto Aboal.

Coñecín a Benito Soto fará xa uns dez anos. Diredes iso é imposible! Tedes razón, souben da súa existencia mellor dito, foi tras ler a novela Morning Star, de Xosé Miranda, na que a figura do pirata galego era parte importante da obra. Dende aquela quixen saber máis da historia deste persoeiro, e agora vouna compartir con vós. Espero que Soto me perdoe (alá no burato do inferno que estea), xa que seguro que este relato non fará xustiza a súa historia.

O noso protagonista nace alá por 1805, concretamente o 22 de marzo, no barrio mariñeiro da Moureira, en Pontevedra. Foi o sétimo fillo dunha familia de catorce irmáns, seu pais eran descendentes dunha longa saga de mareantes pontevedreses.

Retrato de Benito Soto
Retrato: Benito Soto.

Dende cativo  o Benitiño aprendeu,  axudando a seu pai e seu tío, os dous negocios familiares: a pesca e o contrabando (destacando neste último). Eran anos difíciles, a guerra contra os franceses destruíra a península Ibérica e cada un saía adiante como podía. En 1823, con dezaoito anos, embarca rumbo a La Habana, na procura de fortuna. No Novo Mundo a vida non era moito máis doada, eran os tempos das revolucións independentistas nas colonias hispanas. Soto enrólase en barcos corsarios cubanos e negreiros, onde se inicia na arte da piratería. En 1827 chega a Río de Janeiro, onde embarca no  negreiro brasileiro Defensor de Pedro. A tripulación do buque era moi cosmopolita, estaba integrada por brasileiros e portugueses na súa maioría, pero tamén había franceses e algúns españois (dous deles tamén galegos). O 22 de novembro de 1827 o Defensor de Pedro parte cara a África ecuatorial para aprovisionarse de escravos negros, na viaxe o pontevedrés destaca pola súas dotes de mando e manexo da tripulación, empeza a indagar quen estaría disposto a unirse a el no seu futuro proxecto e planea facerse co barco en canto a situación sexa axeitada.  A ocasión deuse ó chegar a terras africanas, Benito e seus seguidores toman o control da nave unha noite e deixan ó capitán e algúns oficiais tirados en terra firme, unha vez rematado o motín é escollido novo capitán. Comezaba o momento de facer fortuna na mar, nacía o mito da Burla Negra.

Negreiros
Negreiros
A Burla Negraatacando o Mornig Star
Burla Negra ataca a fragata Morning Star.

A primeira vítima dos novos piratas foi a fragata británica Morning Star, o 19 de febreiro de 1828, que levaba mercadorías e pasaxeiros a Londres dende América, no asalto fixéronse cun rico botín, no que destacaban xoias da India e moedas de prata. O seguinte da lista de asaltos foi a fragata americana Topaz, o 29 de febreiro, a cal tras varias horas de persecución foi asaltada e saqueada, facéndose con saquiños de pedras preciosas e unha talega de pesos cubanos. Nestes dous asaltos Soto demostrou ser un cruel asasino,  á tripulación e pasaxeiros do Morning Star mandounos matar a todos (mulleres e nenos incluídos) e acto seguido afundila nave para acabar cas probas, mais nesta ocasión os seus homes non cumpriron cas ordes,  e só barrenaron o casco da nave para que o mar fixese o traballo sucio; na Topaz ordenou masacrar a tripulación e prenderlle lume ao barco, e esta vez as ordes foron cumpridas todas. Tras botar contas do gañado nestas abordaxes, Benito viu que xa tiñan dabondo e decidiu que era bo momento de xubilarse, polo que ordeou a volta a Galicia. Durante esta derradeira viaxe asaltaron varios barcos, os británicos Sumbray e New Prospect e a fragata portuguesa Ermelinda, esta vez os asaltos non produciron vítimas xa que os piratas estaban “xubilados”.

Mais non todo era ledicia no reino do pirata, xa tan pronto asumira a capitanía do barco o ferrolán Ferreira disputáralle o mando, para solucionalo Soto puxo en práctica o dito “morto o can rematou a rabia”, unha noite el e un dos seus fieis foron ó camarote do seu inimigo e cosérono  a balazos, despois guindaron o corpo pola borda. A outra pedra ca que tropezou o reinado do Benito foi o motín dos portugueses na viaxe de regreso a España, máis este foi descuberto a tempo e rematou ca detención e morte dalgúns dos conspiradores.

O 10 de abril chegaron a Pontevedra, onde Soto contactou cos seus parentes, alí disque foi recibido cunha festa por todo o alto en Marín, na igrexa de Santa María do Porto. Na casa do seu tío deixou o tesouro de xoias e pedras preciosas que lle correspondían coma capitán. Seguindo as indicacións de seus socios pontevedreses marchou á Coruña a vender alí as mercadorías roubadas, na cidade herculina déronlle unha letra de 25000 pesos a conta do vendido para cobrar en Xibraltar.

Tras isto puxeron rumbo ao estreito, mais a fortuna abandonou ós piratas nesta travesía, ó chegar a augas andaluzas confundiron o faro de Tarifa co da illa de León en Cádiz,  e o barco embarrancou, este suceso chamou a atención das autoridades gaditanas.  Soto e algúns compañeiros fuxiron a Xibraltar dende Cádiz, librándose da prisión, os demais piratas non tiveron tanta sorte e foron apresados en canto  empezou a correlo rumor das súas andanzas. Na colonia inglesa a sorte de Soto non foi a mellor xa que non puido cobrar a letra, para colmo resultou que o primeiro barco asaltado, o Morning Star, non afundira con toda a xente de abordo, os superviventes do asalto lograran facelo chegar a Londres, alí denunciaron o caso e as autoridades inglesas puxéronse en contacto coas españolas para que os piratas foran levados ante a xustiza. Os tripulantes do Defensor de Pedro que se atopaban en España foron xulgados en Cádiz, os máis achegados a Soto foron aforcados o 11 e 12 de xaneiro de 1830. As autoridades anglo-españolas buscaron ao galego, ao cal capturan no peñón o 6 de xuño de 1828, alí os británicos acusárono de piratería e condenárono a morte, sendo aforcado un chuvioso 25 de xaneiro de 1830. Tiña 25 primaveras.

Tralos feitos quedou a lenda dos piratas da Burla Negra, nome que os británicos lle deron  ao Defensor de Pedro por equivocación. Moito se falou de onde estaría agochado o tesouro que Soto lle deu a seu tío en Pontevedra, algúns dicían que a pantasma do pirata se aparecía na horta familiar rabuñando a terra na procura do seu botín. Xa para rematar disque Benito, antes de ser axustizado, mirou con soberbia ao xentío reunido para velo morrer e berrou: A función rematou!

Para saber máis:

«Mar Brava», González de Vega, G. Ed. B, Barcelona, 1999

«Morning Star», Miranda, X. Ed. Xerais, Vigo, 1998

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.