
Non sei onde o lin, non sei onde o escoitei, que nunha conversación que se estaba dando entre Joaquín Sabina e Javier Krahe, sobre cara onde desexaban proxectar as súas respectivas carreiras artísticas. O primeiro falaba de que anhelaba poder tocar un día nun gran recinto para miles de persoas, ao que o segundo lle respostou que o seu maior desexo sería poder tocar en bares con aforo limitado, en contacto directo co público, e poder vivir diso.
Esa idea foi levada á práctica durante toda a súa carreira, e a noite do venres ó sábado pasado, no café cultural Auriense, poidemos vivir unha perfecta representación iconográfica do sentido que el lle daba á interpretación dos seus temas. Esta laboura estivo nas mans de diversos artistas de diferentes puntos xeográficos, coordinados e xuntados nun mesmo espazo polo polifacético artista Carlos Blanco. É interesante citalos a todos, pois cada un lle deu o seu toque persoal á interpretación: Roberto Sobrado, Leo Arremecághona, Jesús Piñeiro, Xosé Constenla, Uxía Senlle, Josito Porto, Sabela Dacal, Sergio Zarraeta e Pablo Vidal. Destacar a ausencia de Tatán, que aparecía cómo convidado ao evento, mais non puido chegar a tempo.

O concerto estaba maquinado para ser iniciado en torno ás dez da noite, mais agardouse un pouco a que houbese algo máis de afluencia de público, co cal a hora aproximada de comezo foi en torno ás once menos cuarto. Sorprendeu ver que un cantautor con semellante traxectoria, e co elenco de artistas convidados, non tivese unha acollida máis fervorosa, no sentido número de asistentes, pois o que foi o desenrolo da velada, sí que foi moi acalorada, co cantarruxar continuo de varios dos asistentes cómo público, e debido ó ánimo que incitaron algúns para axudar nos coros ós que estaban sobre as táboas, cómo foi o caso de Uxía, que logrou arrancar das gorxas unha fermosa liña melódica de acompañamento, ou Sergio Zarraeta, que cos seus xestos, parodiando a Felipe VI, conseguiu un acompañamento potente ao berro de “la hoguera”, aparte do esbozo de moitos sorrisos na faciana dos asistentes, que tamén logrou o cantante de Factoría de Subsistencia, Josito Porto, coa súa interpretación de “mi ovejita lucera”.
Non cabe dúbida de que, o público que arrastra a estela deste cantautor, que definiron en moitas ocasións cómo satírico, aínda que el afirmaba máis ben ser irónico, xa que no seu repertorio só contaba con seis ou sete cancións con aroma de sátira. É un público entregado de principio a fin, e como ben comentou o propio Carlos Blanco, cunha certa perspicacia e intelixencia; “co fácil que sería facer cancións que digan nada cun ritmo chin pum de fondo”, verbas de retranca que empregaría Leo, para sentenciar. En “cuervo ingenuo”, canción coa que se iniciou o recital, que foi posta en escea a cargo de Roberto Sobrado, xa daba mostras de que existían certas mentes que non eran do seu agrado.
En definitiva, o espectáculo quixo significar unha sentida homenaxe a Javier Krahe, que nun par de meses fará un ano que nos deixou, tanto dos que se atopaban reinterpretando os seus temas, cómo aqueles que lle ofreceron o seu aplauso aos mesmos, xa que este é o maior aliciente que atopan para seguir xirando con este espectáculo. Quizáis sería aplicable aquí, cómo ben se contaba nunha canción, “descansa en paz que ya escribí tu nombre, junto aquellos de los que jamás me olvido”.
David Conde Seoane











