“A bandeira é a encarnación, non do sentimento, senón da historia”
Woodrow Wilson
Fai uns días atrás estabamos en plena guerra das bandeiras, un episodio que se repite cada certo tempo en España, non vou entrar en debates sobre o tema porque este non é un artigo de opinión, pero sempre que vexo este tipo de espectáculos que tanto nos gustan neste país fágome a seguinte pregunta: a xente sabe que significan seu símbolos ou de onde veñen? Pois deso falarei a continuación, pois seguro que a maioría de vós descoñecedes a historia das nosas bandeiras, eu ata antes de facer este traballo tamén.

Comecemos pola bandeira española xa que é unha das que máis debate xera. A bandeira constitucional, a denominada coma “rojigualda”, é relativamente nova coma emblema nacional, se ben a comparamos con outras bandeiras europeas coma a francesa ou a de Reino Unido. Para remontarnos ao seu orixe temos que ir ao século XVIII, o rei Carlos III buscaba un novo pavillón naval que se diferenciara ben na mar, xa que o de España era branco, para iso sacou a concurso o deseño dun novo, resultando gañador un obradoiro mallorquino. Entre doce bandeiras o rei escolleu a vermella, amarela e vermella coma emblema para a mariña de guerra, disque foi escollida porque esas cores estaban nas bandeiras das coroas de Castela e Aragón e na do reino de Navarra, corría o ano 1785. Durante o reinado de seu fillo, Carlos IV, o uso do novo estandarte estenderase aos distintos edificios da armada. Haberá que esperar a guerra da Independencia contra os franceses para que a “rojigualda” sexa empregada en terra polos denominados “patriotas”, pero non será institucionalizada coma símbolo nacional ata o reinado da raíña Isabel II aló polo 1843.
Outra símbolo que máis ou menos todos coñecemos é a bandeira tricolor republicana, que luce as cores vermella, amarela e morada en tres franxas horizontais, as dúas primeiras cores son as da bandeira monárquica, pero de onde ven o morado? Esta cor foi dende as revolucións liberais do XIX ligada á oposición á monarquía, e tamén relacionada ca bandeira do reino de Castela. Durante a I República española non se modificou a insignia e seguiu a bicolor, inda que existiu o proxecto de introducilo morado pero non frutificou. Sería na II República cando se adoptou esta bandeira, concretamente os 13 días da proclamación desta, e en decembro de 1931 foi institucionalizada na constitución republicana. Os republicanos quixeron darlle a cor morada unha representación da antiga coroa de Castela, que segundo di no decreto de institucionalización é a “región ilustre, nervio de la nacionalidad”, así xunto cas cores vermella e amarela da vella insignia, que tamén se correspondían cá bandeira da coroa de Aragón, as históricas realidades políticas que compuñan España estarían representadas. Esta sería a oficial ata 1939, cando a República desapareceu trala Guerra Civil.

Tralo conflito fratricida a bicolor sería posta de novo coma símbolo de España, xa que o bando franquista asumiraa dende 1936 coma seu símbolo, uníndolle en 1938 a aguia de San Xoán ao escudo. Xa na Transición a bandeira vermella, amarela e vermella foi escollida coma insignia do novo réxime democrático (quitándolle a aguia franquista), pero inda a día de hoxe crea debate.
Vaiamos agora á insignia máis nosa, a bandeira de Galicia, da que hoxe en día non sabemos en verdade como xurdiu, habendo dúas teorías ao respecto, como vedes estes temas teñen miga. Parece ser (e nesto coinciden as distintas historias) que xurdiu a finais do século XIX. Uns din que a orixe dela esta na bandeira da provincia marítima da Coruña, sendo esta asumida polos numerosos emigrantes que partían cara América coma a bandeira de Galicia, ao parecer por unha confusión destes. A outra teoría di que foi creada durante o Rexurdimento , cando comeza a idea de crear un símbolo nacional de Galicia, sendo os preferidos a bandeira branca ca cruz vermella de Santiago e a branca ca franxa azul, que representaría a nosa terra camiñando cara a liberdade. Sexa como for en 1892 no xornal Gaceta de Galicia, de Santiago de Compostela, apareceu un artigo no que se fixaba o aspecto actual deste símbolo que deseguido foi asumido polo galeguismo, aparecendo outro igual en El eco de Galicia de La Habana en 1898. A bandeira galega sería prohibida no século XX polas ditaduras de Primo de Rivera e Franco, ata ser asumida legalmente a comezos da etapa autonómica, nunha lei de 1984, coma o símbolo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Vaiamos agora a Cataluña, nos últimos anos estamos afeitos a ver nas distintas manifestacións independentistas a denominada “estelada”, coma símbolo deste movemento, esta insignia naceu a comezos do século XX, creada en 1903 polo catalanista Albert Ballester, residente en La Habana, que fusionou a bandeira tradicional catalá cas de Cuba e Puerto Rico,recentemente independizados de España, coma aviso a navegantes de que Cataluña sería a seguinte. Por outro lado está a “senyera”, a bandeira oficial de Cataluña, cuxas raíces están nas armas do antigos reis da Coroa de Aragón, e que foi asumida coma símbolo da patria catalá tralos movementos nacionalista de mediados do XIX.

E por último, pero non por iso menos importante, botémoslle unha ollada a “ikurriña” vasca, bandeira creada polo pai do nacionalismo euskaldun Sabino Arana e seu irmán Luis.
Para a súa elaboración baseáronse no escudo do señorío de Biscaia, o fondo vermello e a cruz branca aparecen nel, e a cruz verde que simbolizaría ao “roble” e as vellas leis da patria vasca. A verba “ikurriña” tamén foi creada por eles, sendo un neoloxismo da voz vasca ikur (símbolo). Nun principio só era representativa da terra biscaíña, pero acabou sendo asumida polo resto dos territorios vascos, da denominada Euskal Herria (a Terra do Éuscara).

Se gastastes un anaquiño do voso tempo lendo estes liñas espero que vos servira de algo, cando menos o esperemos virá outro bis da guerra das bandeiras e así teredes argumentos para debater con aqueles cuxos únicos razoamentos son coma os da canción parodia aquela: España, España! Bandera, bandera!
David Sabucedo Cardero