“Nin tampouco a vós para o medo,
Oh sórdidos Galegos! Duro bando
Que para resistir hoxe armástesvos
A aqueles cuxos golpes xa probastes.”
Luís de Camoes, Os Lusíadas.
“Quizá para conmigo son gallegos, que es otra nación, según es fama, algo menos puntual y bien mirada que la vizcaína.”
Miguel de Cervantes (1613)
O século XVI deu ao mundo dous dos máis grandes escritores en lingua castelá e portuguesa, Miguel de Cervantes por parte de España e Luís de Camoes en Portugal, pero sabedes de que territorio da Península Ibérica son orixinarias as familias de ámbolos dous? Non vos vaiades moi lonxe pois estamos nel, e desto vouvos falar hoxe, das raíces galegas de Camoes e Cervantes.

Comecemos polo portugués, Luís de Camoes foi nado en Chaves ou Lisboa arredor de 1524, membro dunha familia de orixe galega que se instalara primeiro no Norte do país luso e despois espallárase por Lisboa e Coimbra. A obra que lle dará a fama é a epopea Os Lusíadas (1572), na que o autor relata a primeira expedición de Vasco da Gama a Oriente, pero tamén mestura historias do pasado de Portugal, expondo así as glorias do Imperio portugués. Esta epopea é considerada unha das mellores do Renacemento.
Luís era descendente de Vasco Pires de Camoes cabaleiro da baixa nobreza galega que tiña a súa casa en Baiona, curiosamente este personaxe tamén é poeta. Segundo sabemos pola crónica de Fernao Lopes este cabaleiro tomara partido por Pedro I na Primeira Guerra Civil Castelá, tralo asasinato deste rei por parte do seu irmán Henrique (1369), Camoes tomará partido polo rei de Portugal, pasándose ao reino veciño onde se lle darán terras e importantes cargos na rexión de Entre Douro e Minho.Posteriormente durante o reinado de Joao I de Portugal porase no bando dos casteláns, que reclamaban o trono portugués, sendo capturado na batalla de Aljubarrota (1385) e caendo en desgraza. Estas son as súas raíces por vía paterna, por vía materna parece ser que era familiar do navegante Vasco da Gama, cuxas viaxes inspiraron a súa máis coñecida obra.

Se para buscar as raíces galaicas do poeta luso hai que retroceder case dous séculos na súa árbore familiar con Miguel de Cervantes non iremos tan lonxe, segundo algunhas teorías el mesmo era galego e non de Alcalá de Henares. A primeira vez que escoitei a relación de Cervantes con Galicia foi a un profesor que me deu clase na carreira, el sostiña que era un xudeu converso, nas súas propias verbas “un marrano” (nome despectivo co que se denominaba os hebreos convertidos ao cristianismo), e que tralo bautismo buscou apelidos de cristián vello, polo que colleu dous de Galicia, Cervantes e Saavedra.
O historiador madrileño, pero de orixes galegas, César Brandáriz é o máis férreo defensor da teoría do Cervantes galego, segundo el defende o escritor sería orixinario de Sanabria, nacido nunha familia de Galicia asentada na zona, inda que hai que destacar que por aquel tempo aquela terra era parte do Reino de Galicia. As claves desta orixe tamén son os apelidos, tal coma apuntei antes, Cervantes e Saavedra son apelidos toponímicos galegos, ámbolos dous da provincia de Lugo, pero tamén existe unha aldea chamada Cervantes preto de Sanabria de onde sería a familia do “Manco de Lepanto”. Outros datos que da Brandáriz son que Cervantes tería estudado nos xesuítas de Monterrei, onde coñecería o Entroido de Laza que despois aparecería nunha das súas obras. Tamén na súa máis grande obra El Quixote, Cervantes fai mención de fauna, flora, expresións e costumes de Galicia así coma localizacións da terra sanabresa. Facendo referencia ao dato que din o principio sobre que o escritor fose xudeu hai que dicir que no territorio entre Sanabria e Benavente instaláronse moitas familias hebreas protexidas polos nobres galegos, o que encaixaría con Cervantes xa que seu mecenas foi o Conde de Lemos Pedro Fernández de Castro. Relacionado con este nobre está a que podería ser a proba definitiva desta teoría da orixe galega, resulta que fai poucos anos atopouse na Biblioteca Nacional un documento de xenealoxías do portugués Méndez Silva (1600-1670), cronista de Felipe IV, dito documento, que a súa vez procedía do arquivo do Condado de Lemos, remítese a outro do cronista Florián de Ocampo no que o falar da casa dos Cervantes di de que un destacado membro desa familia foi apresado en Lepanto e que o solar do Cervantes Saavedra é na terra de Sanabria, do Reino de Galicia.

Para rematar quixera mostrarvos unha obra dos arquivos dos Xesuítas de Monterrei chamada Egloga de Virginie Deipara, cuxa caligrafía atribúese a Cervantes e de ser así probaría a orixe sanabresa:
“Oye señora mía
La humilde voz que tu sanabrio envía
Yo te suplico y pido
Princesa de los cielos
Que las pasadas guerras y amarguras
Que en Portugal ha habido
Conviertas en consuelo
Y en amorosa paz las armas duras
Y hagas ataduras
Tan firmes y tan fuertes
Entre los corazones que cesen distensiones
Trabajos alborotos robos muertes
Y vivan como hermanos
Gallegos portugueses y castellanos.”

David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
. El hombre que hablaba difícil.
Brandáriz, César
Ed. NAUSICAA, 2007.