Non cabe dúbida de que os millares de foquiños que alumean o firmamento son unha cousa que sempre chamou a atención dos nosos antergos. Moitas historias xiran ó redor de tal fenómeno. A referencia é, claro está, ás estrelas, termo que tamén designa a personalidades que teñen fama mundial, viven ó grande e sempre están ben acompañados. Mais estas das que falamos, son unhas estrelas normalmente máis humildes, e que son elas ás que semellan facer compaña, guiando a quen saiba interpretar a súa posición no ceo.
Segundo dende o hemisferio que se miren, atopamos diferentes constelacións, destacando no norte a Osa Maior e no sur a denominada Cruz do Sur. Cada unha delas indica respetivamente o norte o e sur. Son coñecidas co nome de circumpolares, xa que nunca se agochan da nosa vista, salvo polo día, xa que a luz solar obstaculiza a súa visión, e foron as que permitiron a viaxeiros de todos os tempos seguir a súa ruta sen desviarse do camiño.
Hai moitas lendas en torno a elas, e todas en certa maneira entrañables, relacionadas, pola súa posición no firmamento, con aqueles que emprenden o camiño cara o máis alá. Aquí radica o obxetivo deste escrito. Recuperar un par de historias que trataron no seu tempo de explicar o porqué desas luces ahí no ceo nocturno.
Unha delas, fai referencia a que cada estrela solitaria era o espírito dun mariñeiro afogado. Cada constelación, explicábase coma un navío que sufrira un naufraxio e que ó ascender cara os ceos, quedaba quedo nun punto fixo, para marcar o rumbo a outros mariñeiros que se viran envoltos tamén na traxedia dun naufraxio. Por último, as estrelas fugaces eran almas de mariñeiros falecidos nese mesmo intre, que se apresuraban a ocupar o seu posto correspondente no ceo, para iluminar a outros e evitar posibles desgracias.
A outra, escoiteilla contar un día ó cantante Alberto Cortez nunha entrevista, en marzo de 1993, despois de facer unha referncia a Mark Twain, no que dicía que se recolles a un can famento e o alimentas, este nunca te morderá, e esta era, segundo o autor, a principal difrencia entre o can e o home. Desta maneira, saíu a colación o poema de Manuel Benítez Carrasco «El perro cojo.» En resumo, a historia relata o encontro dun home cun can tolleito abandoado, ó cal acolle na súa casa. Despois de moitas andanzas xuntos, unha mañán o can aparece morto. O can vai ó ceo, e alí atópase con San Roque, quen lle proporciona unha muleta de prata. Cando a xente se pregunta na terra o porqué das estrelas, o dono do can afirma que non son estrelas, nin astros, nin constelacións, nin luceiros, senon que é o seu canciño que, coas súas muletas, vai facendo buracos de prata.
Cómo ben dicía unha canción, para rematar, pódese dicir que foi un conto un pouco curto, un pouco historia, un pouco lenda. Cómo ben comentaba noutro tema o mesmo autor, non se podía crer nas estrelas, porque dende aquí parecen boas, mais roubaban os amores coa súa luz. E se eran perseguidas, e lles falabas e lles pedías, non te alumeaban o camiño, e atopábaste de mañán en calqueira bar. Historia extra esta, pois, de regalo.
David Conde Seoane