A PANTASMA DO CASTELO DE OUTES

 O PRIMEIRO CASO SOBRENATURAL DOCUMENTADO EN GALICIA.

En 1524 comeza en Galicia un dos preitos máis grandes da nosa historia, onde os arcebispos composteláns Alonso Fonseca e Juan Tavera discutían a quen lle tocaba pagar a restauración das fortalezas da Terra de Santiago, derruídas durante a coñecida coma II Guerra Irmandiña. Este documento é unha gran fonte para estudar aquel conflito social ocorrido a finais da Idade Media, pero nel hai un caso que ao que ninguén lle prestou moita atención, o cal podería ser o primeiro suceso sobrenatural do que existe documento na nosa terra.

Os feitos foron narrados polo veciño de Noia Pedro Lorenzo de Sarnon, de 60 anos de idade, que testificaba a prol do arcebispo Fonseca no xuízo. Durante a súa comparecencia sobre o estado do castelo e Outes (na terra de Noia) Pedro conta o caso dunha pantasma que nel habita e que ten aterrados os veciños daquel lugar, el mesmo narra un encontro que tivo con aquela aparición:

“O castelo é roto e alto; e que é cousa cativa e de moi vellas paredes secas. Ninguén ousa vivir nel máis de vinte anos e tamén porque anda nel o diaño, que espanta ás xentes que nel están e queren durmir nel. Tamén esta testemuña estando nel unha noite parouse diante del unha visión grande e espantosa, e colleu a esta testemuña polos brazos e foi para botalo por unha escaleira embaixo, ata que esta testemuña colleu a porta e foise fora del. E inda despois estando esta testemuña xunto del fíxolle outro espanto, e a outros que no dito castelo estiveron fóronse queixar de espantos que nel ocorréronlle. E di esta testemuña que parécelle que o dito castelo polo que nel habita era e foi mellor deixalo caer e non corrixilo nin restauralo.”

O texto foi traducido por min do castelán antigo ao galego polo que mudei algunhas expresións para mellor comprensión dos feitos que nel se narran, pero a esencia da historia está intacta. O vello xurou que todo o que contou sobre a fortaleza era certo e ninguén pareceu rebatelo, eran tempos no que a xente dáballe crédito a tales historias. Agora ben, o vello viu tal pantasma ou ben inventou a historia para dar máis argumentos á postura de Fonseca de non reconstruíla fortaleza? Agora que sabedes os feitos xulgádeos vós mesmos.

David Sabucedo Cardero

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.