“Reivindicar a Colón é unha tarefa pendente en Galicia”
Carlos de Vilanova
Un dos maiores misterios da historia é a patria de Colón, si xa sei, diredes que era xenovés, pero, estades seguros? El mesmo encargouse de agochalo seu pasado e nin tan sequera aos seus fillos contoulles cal era súa orixe familiar. Que en tódolos manuais de historia saia que foi nado en Xénova débese a gran campaña publicitaria que fixo Italia sobre esta teoría, baseada en documentación que fala dunha familia de comerciantes chamada Colombo nesa cidade, e de interpretacións de documentación do propio mariño. A día de hoxe unha vella teoría vai collendo novas forzas e xa son moitos seus defensores: Cristovo Colón era de Pontevedra.
A orixe do Colón pontevedrés.
O pai desta hipótese foi Celso García de la Riega a finais do século XIX. A primeira vez que a expuxo ao público foi en 1898 nunha conferencia en Madrid, contan que a xente acudiu escéptica a escoitalo, mais cando saíron xa non tiñan tan clara a idea oficial do comerciante italiano. En 1914 saía a luz seu libro Colón español, su origen y patria.
Ao pouco tempo de publicalo García de la Riega morría, e nese momento estoura unha tormenta de críticas contra a súa obra e persoa. Os maiores ataques viñan, sorprendentemente, de outros autores galegos: Manuel Murguía e Eladio Oviedo e Arce. Este último acusaba a Celso García de la Riega de falsificación dos documentos que empregou como fonte do seu traballo. Esta campaña de desprestixio parece que foi orquestrada dende Madrid polo secretario da Real Academia de Historia Ángel Altolaguirre, que ao parecer tiña amigos nas alturas ós que non lle gustaba que o Almirante nacera en España. Cando morreu Altolaguirre un anticuario barcelonés mercou súa biblioteca, nun dos libros había unha carta do alcalde de Xénova ao embaixador italiano en España na que lle pedía que afundira a teoría galega. En Italia sempre houbo moito interese das autoridades porque o Descubridor nacera naquel país, un dos máis acérrimos defensores da orixe xenovesa era Benito Mussolini.
Este acoso e derribo contra o Colón pontevedrés case acaba ca figura do seu autor pero non ca idea, xa que moitos autores recolleron o guante e seguiron ca investigación.
En que se basea está orixe pontevedresa?
En primeiro lugar está a documentación do século XV que fala dunha familia de mareantes pontevedresa chamada Colón. Os detractores dicían que o autor falsificara os documentos porque marcara por riba os nomes que aparecían nos papeis, podendo por o que a el máis lle conviña, mais el sempre afirmou que os perfilara para distinguilos mellor nas fotografías. Tiveron que pasar cen anos para que a ciencia demostrara que de la Riega non falseara nada: unha proba confirmou que o papel era do século XV-XVI e a policía científica tras analizar os nomes remarcados concluíu que a tinta do que esta escrito por riba e por baixo coinciden.
Sorprendentemente o “Xenovés” non falaba italiano, non hai escritos del nesa lingua, e o máis curioso de todo era que para escribirlle a un matemático e astrónomo italiano amigo del, Paolo Toscaneli, tiña que pedir axuda a un tradutor. Porén a documentación que deixou estaba chea de léxico galaico-portugués, hai máis de 500 termos nesta lingua. Entre esas palabras hai algunhas coma con (rocha ocultada polas mareas, esta verba é moi usada nas Rías Baixas) ou xevileo (xubileo) que só as empregaban en Galicia. Hai que dicir que no século XV-XVI á maioría dos galegos que escribían en castelán colábanselle moitas verbas da nosa fala. A mesma raína Isabel a Católica chámalle portugués a Colón nunha carta, sería polo seu acento galaico-portugués?

Outro dos argumento é a toponimia dos lugares que el descubriu no Caribe, moitos corresponden a nomes que tamén hai nas Rías Baixas e incluso están na mesma orde xeográfica; máis de 100 topónimos coinciden (que raro que para ser xenovés ningún sexa desas terras). A familia Colón de Pontevedra residía en San Salvador de Poio, na parroquia de Porto Santo, pois o primeiro nome que puxo nas Indias é San Salvador; en Cuba funda Porto Santo; en Xamaica (a que bautizou coma Isla Santiago) chamou a dous ríos Miño e Xallas; etc.
A nao La Gallega.
Unha das tres embarcacións que chegou a América en 1492, a Santa María, fíxose nun estaleiro do barrio da Moureira en Pontevedra, e nun principio foi bautizada co nome da Galega. Por aquel entón a cidade do Lérez , que era o segundo porto comercial do Atlántico tras Lisboa, tiña moita fama no que a construción de barcos se refire.
Enríque Zas, un dos que continuo cá investigación, defende na súa tese que o dono da Galega, Juan de la Cosa, era tamén de terras galaicas (Xoán da Coxa) e que tras alugarlle a nao a Colón, este mudoulle o nome por Santa María en honra da patroa de Pontevedra Santa María a Maior. Como proba disto da o dato de que tras arribar ao Novo Mundo Colón celebrou a festa desta Virxe o 18 de decembro de 1492, festa moi celebrada tamén na cidade galega.
A casa do Almirante en Poio e “El huevo de Colón”.
En Porto Santo (Poio) a tradición popular afirma que a casa coñecida coma Casa da Crus, é onde naceu o Descubridor. En fronte da casa hai un cruceiro no que se le o nome Joam de Colón o cal mandou facer aquel monumento. O bispo de Tui Diego de Avellaneda, nunha carta pastoral do tempo do descubrimento di que Colón era nativo do Reino de Galicia e o relaciona cos Colón de Poio. Tamén os descendentes do Almirante herdaron terras en Pontevedra, por que tería terras aquí un comerciante italiano?
Hernando Colón, fillo de Cristovo, conta na súa obra Historia del Almirante de las Indias Don Cristóbal Colón que seu pai “limouse” o apelido, este dato non é comprendido polos historiadores pero, podería agocharse a resposta na igrexa de Santa María a Maior? Resulta que naquel templo hai unha capela mandada construír por Joam Colón (o do cruceiro da Casa da Crus) e resulta que no altar aparece gravado seu nome, ca curiosidade de que hai un espazo no seu apelido (Co lón) onde posiblemente habería un l, por que o quitaría? Nunha carta do rei Joao II a Cristovo en 1488, o monarca portugués chámalle Collón, o motivo polo que Joam quitoulle un l o seu nome era para evitar confusión ca verba galega collón? Podería ser isto o que se refire Hernando cando di que “limou” o apelido? E ten que ver isto co mito de “El huevo de Colón”?

O negro pasado do Almirante. Un nobre rebelde aos Reis Católicos?
Que motivos fixeron que este persoeiro quixera ocultar seu pasado? Entre as hipóteses cas que se traballa estarían que fose un xudeu converso, e quixo ocultalo para que seu “sangue sucio” non fose un obstáculo ao seu proxecto; ou que combatera no bando portugués na guerra de Sucesión Castela (1475-1480), que levou ao trono aos Reis Católicos.
Esta segunda idea é a que máis casa ca teoría da orixe galega e tamén é defendida polos seguidores da teoría catalá: poido ser un corsario ao servizo do rei Afonso V de Portugal, coma o capitán Casanova Coullón (que se asentou en Pontevedra); ou un nobre que se decantou polo bando castelán-portugués. Parece que a idea do nobre rebelde podería ser a clave que descubra o pasado de Colón, pois en Galicia hai un cabaleiro cuxa vida casa en moitos aspectos ca do mariño, pero diso falareivos noutra ocasión.
Colón produto da publicidade.
Dicía nun programa Afonso Eiré (que foi director de A Nosa Terra) que hoxe todo o mundo pensa que Cristovo Colón era xenovés por todo o aparato publicitario e investigacións con que o estado italiano apoio a teoría, e que se a nosa hipótese non callou foi pola falta de axuda institucional. Inda así parece que o traballo que comezou Celso García de la Riega en 1898 pouco a pouco fai abríndose camiño, pois este ano estaba eu vendo un capítulo da serie el Ministerio del Tiempo (só a vin para confirmar o que vou contar) na que saía Cristovo Colón, e, para a miña sorpresa, seu fillo fálalle en galego.

David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
Alfonso Philippot Abeledo, Colón, galego. O almirante da mil facianas. Ed. Toxosoutos 2006.