O Pasatempo: O PortAventura decimonónico que se converteu en campo de concentración

A min, Betanzos gustoume. Ten ese aquel de Pontevedra, en plan elegante pero pequeneiro, que lle da un toque de sofisticación. Chegamos a mediodía e comemos tortilla, co ovo pingando aquí e alá. Delicioso, para o meu gusto, claro.

Un primeiro paseo polas rúas principais, e un xa se decata de que a historia e a paisaxe da vila de Betanzos non se entenden sen os irmáns García Naveira. Dous pobriños que nada tiñan e que, coma tantos outros miles, puxeron a vista en América como solución aos seus problemas nos últimos anos do século XIX. Unha vez de volta na casa, tras facer fortuna na Arxentina, Juan e Jesús comezaron a levar o Don por diante dos nomes e a convertirense en motores da beneficiencia e da labor cultural desta vila. Un burgo que fora capital de provincia na época medieval pero que xa había moito que deixara atrás o seu antergo esplendor. Para algúns expertos, coma Encarna Otero, historiadora e política galeguista, os García adiántaronse ao que máis tarde se coñecería como Estado de Benestar, creando escolas, un asilo, centros para discapacitados e lavadeiros públicos nun período de crise aguda. “Cubriron o espazo que o Estado non tiña capacidade nin vontade de cubrir”, aseguraba en declaracións ao xornal El Mundo o profesor José María Cardecín. Unha labor cuxos efectos se conservan ata hoxe mesmo, pois os habitantes deste concello poden presumir dunha das tasas de alfabetización máis altas do estado. Este noso paseo polo Betanzos actual, unha vez dixerida a tortilla, desvelou rúa tras rúa os edificios que cambiaron para sempre a situación socioeconómica da vila.

2-a-familia-garcia-naveira-no-estanque-do-retiro-do-pasatempo
A familia García Naveira no estanque do Retiro do Pasatempo arredor de 1905.

Pero sen ningunha dúbida o seu legado con máis carácter, e que descubrimos ao final da  visita non sen antes un par de voltas para atopar a porta de entrada, foi o Parque ou Xardín do Pasatempo. O proxecto persoal de Juan García Naveira que se considera a día de hoxe coma un precursor dos parques temáticos. Dise que o debuxante coruñés Luis Seoane definiuno no seu tempo como “parque enciclopédico” e nel, desde 1897 a 1918, o betanceiro foi plasmando aquelo que vira nas súas viaxes polo mundo; como a pirámide de Keops ou unha mesquita do Cairo, a canle de Panamá ou a Muralla China, ademais dos últimos avances tecnolóxicos da época coma un buzo ou un aeroplano, todos eles representados en relieves tallados nas paredes do parque. Asimesmo, nesta sorte de PortAventura do XIX, os visitantes podían e poden coñecer, sen sequera sair de Betanzos, curiosidades xeolóxicas coma as estalactitas, grazas a construcción dunha cova artificial, ou a existencia de distintos fusos horarios ao longo e ancho do mundo cun panel de reloxos que marcan os  diversos tempos das cidades máis importantes do planeta.

3-os-reloxos
Mural dos reloxos.

Moito tempo, cartos e desvelos dedicou Don Juan ao Pasatempo, un lugar onde tamén atoparon traballo ata 200 desempregados da vila e que costeaba, co recadado cas entradas e postais que vendían, a residencia para maiores. Porén, e a pesar dos esforzos, os irmáns García non pensaron moito no futuro deste proxecto e á morte de Don Juan non se deixou dito que pasaría con el. Daquela, chegou o expolio. Levaron as fontes, as esculturas e todo o que puideron arrapañar e o asunto empezou a poñerse feo. Cando a cousa xa non pintaba moi ben para o parque, chegou a Guerra Civil. Xusto no ano que rematou, o de 1939, os 90.000 metros cadrados adicados á cultura e o ensino convertéronse no cárcere de máis de trescentos homes. O soño dun par de indianos por levar o coñecemento e a liberdade aos seus veciños mudou, apenas un lustro despois do seu pasamento, en instrumento da represión.

4-a-fabrica-de-curtidos
A fábrica de curtidos da Madalena.

Así se iniciaban os meses nos que o Parque do Pasatempo virou nun campo de concentración coa antiga fábrica de curtidos da Madalena, construida no século XVIII, como centro neurálxico. Algunhas fontes falan de que o presidio con base nesta industria extendería os seus tentáculos ata os terrenos noutrora adquiridos por Juan García. Outras desbotan esta idea, calificándoa incluso de “descabellada”, coma neste artigo.

 “¡Vicente Ferrer, que venga!”

Poucos, ou se cadra ningún, dos centos de presos que se calculan que estiveron internos neste campo eran galegos. Galicia quedara dentro do bando nacional apenas días despois da sublevación franquista, o que a convertiu en “cárcere perfecto” para albergar aos soldados republicanos que combatían sobre todo nos frentes asturiano e catalán. Os disidentes galegos non tiñan ese valor de prisioneiros de guerra e o seu destino adoitou ser o “paseo”, ou se eran máis rápidos cós falanxistas, o exilio.

Alí chegaron algúns soldados do exército republicano procedentes de Francia, onde lograran escapar tras seren derrotados polos nacionais. Pero de pouco lles serviu cruzar a fronteira, coa mesma víronse nun tren de volta a España, coa Garda Civil agardando por eles. Así, Betanzos, a súa fábrica de curtidos e os Xardíns do Pasatempo chegaron a ter hóspedes tan célebres coma Vicente Ferrer, filántropo e premio Nobel da Paz, ou o avó do que décadas despois sería o Lehendakari Ibarretxe, tal e como descubrín a través da lectura de “O Parque do Pasatempo: de xardín da razón a xardín da superstición”.

Dezanove aniños tiña Vicente no seu tempo en Betanzos. E moita manía polo sarxento que gobernaba o campo. A verdade é que, según palabras do propio Ferrer, o tipo parecía unha personaxe sacada da literatura: tiña un ollo de cristal por unha ferida de guerra e estaba medio “tocado”, explica. O que despois se faría xesuita definía o carácter deste mando coma unha especie de “freaki” das normas: “Cuando descubre la menor infracción del reglamento, se frota las manos de satisfacción y hasta se le eriza el bigotillo de legionario”, escribiu.

Lonxe da imaxe dos campos de traballo e exterminio nazi que veñen á cabeza ao tratar estes temas, o certo é que os prisioneiros de Betanzos limitábanse a sobrevivir e esperar a que as súas familias conseguisen un aval dalguén da vila que permitise a súa liberación, así o revela quen fora alcalde desta cidade pola UCD, De la Fuente García, no seu artigo “Un recluso en Betanzos, llamado Vicente Ferrer” para o Anuario Brigantino 2004, número 27. Con seus pais en Barcelona, a cousa non foi fácil para Vicente. De todos os xeitos, e como todos sabemos, a este mozo aínda lle quedaban moitas cousas por facer e moito mundo por cambiar. Unha mañá, co berro de “Vicente Ferrer, ¡que venga!”, a súa sorte cambiou e foi liberado. Ou máis ou menos. O certo é que lonxe de recuperar a súa vida, viuse obligado a ingresar no exército do que non se licenciaría ata 1944, nunha sorte de mili eterna.

O amor nos tempos da tuberculose

Puido non ser un campo coma os nazis en canto ao funcionamento ou as tarefas dos prisioneiros, pero as condicións nas que viviron deixaban bastante que desexar. Tanto que, según un informe elaborado polo propio goberno franquista, as instalacións eran clausuradas apenas meses despois de seren habilitadas por non cumprir as condicións hixénicas. A inspección de campos de xuño de 1938 di que estaban “en pésimas condicións”, que as cubertas eran malas e que no edificio penetraban a auga, o aire e a area. A auga de bebida traíase en cubas en “condicións hixénicas pésimas”, o mesmo ca do aseo, que se tomaba dun regato “contaminado con detritus orgánicos” e nin sequera tiñan retretes ou enfermería. Os veciños da vila foron os que marcaron a diferencia, e a súa solidaridade permitiu aos reclusos levar unha vida con menos dificultades, desde lavarlles a roupa a trasmitir mensaxes ás súas familias. Un apoio que lles axudou a sobrevivir nunhas condicións que eran caldo de cultivo para as enfermidades ou a depresión. E que en máis dun caso terminou en voda. Din por aí que o amor sempre triunfa, e resulta que non foron nin unha nin dúas as betanceiras que acabaron casando non soamente con presos, senón tamén con algún que outro garda, a pesar do nada romántico da situación, e enfrentándose de cheo cos prexuizos e o convencionalismo do tempo.

Historia case que épica a deste xardín. Un pasado que provoca que unha volta polo parque á altura de 2016 resulte un pouco descorazonadora. Os grandes estanques e as esculturas de animais e bestas mitolóxicas deixan entrever que, no seu día, esta paraxe foi o último grito dos destinos turísticos de fins do XIX, pero as estatuas decapitadas, con atributos cercenados, os murais desconchados e as algas colonizando a auga danlle un aire decadente e triste. O que terminan por coller as leiras e xardíns desas casas ás que a morte ou a enfermidade deixou sen propietario. Non é o caso. O Concello comezou a súa recuperación nos 80, cando quedaba do parque apenas unha décima parte. Pero semella que os esforzos non son abondo e as loitas políticas e os intereses urbanísticos non permiten ao Pasatempo recuperar o brillo que a inxustiza lle roubou. Unha mágoa.

 María F. Romero

Para saber máis:

http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2004PDF/2004%20383-392%20VICENTE.pdf

http://www.elmundo.es/elmundo/2011/12/13/galicia/1323772933.html

http://www.asturiasrepublicana.es

http://www.celtiberia.net/es/biblioteca/?id=2719

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.