Cubrín o meu corpo coa languidez
da vergonza para non espantar
os asistentes durante a recepción.
Ocultei tamén o pé dereito
por medo á carne máis lasciva
e no meu interior activouse
o mecanismo máis obsceno.
Ao comezo ofrecín aos espectadores
a voz como única identidade.
Logo fun desvestindo aos poucos
cada centímetro de pel
e invoquei todo o que suprimira
de min de xeito consciente.
Eles, aínda ignorantes da mudanza,
seguían prendidos do sinuoso fío
da miña voz.
Ao final, espida por completo,
calei.
Eles contemplaron
e comprenderon que eu non era
o que sempre viran.
Servinme entón da rosa
e tatueilles nas mans
o circo da dignidade.
Tamara Andrés
Fotografía: Carlota Mosquera «Hilo»
Un comentario en “O circo da dignidade”