Esta ilustradora compostelá expón dous dos seus debuxos xunto a outros compañeiros da Escola Faílde na sede da Revista Orballo
O talento pouco ou nada sabe de xénero, condición ou nacionalidade e moito menos de idade. Por iso brota abondosamente dos lapis de Paula, a pesar de que case non pasa dos 20 anos. Uns lapis que cospen cores vivísimas e retratos inspirados nas iconas da contracultura. Inspiración adulta e alternativa, pero técnicas do máis novidoso son os ingredientes do seu estilo, do que desde o pasado 8 de abril se pode ver unha pequena mostra na recentemente inaugurada sede da Revista Cultural Orballo (sita na ourensá Praza da Sal, na intersección coa Rúa Dous de Maio). Pero alí, a obra desta moza compostelá non está soa, con ela conviven outros debuxos de varios compañeiros cos que estuda a arte da ilustración na escola Antonio Faílde de Ourense.

Paula López chegou desde A Ramallosa, no concello de Teo, nun exercicio de valentía e tamén de rebeldía, despois de ter comezado a estudar cociña nun intento por escoller unha profesión que, ademais de a ela, lograse convencer tamén a súa familia, pero que non implicase entrar na Universidade, un destino que non lle espertaba ningún interese. Case tan pouco como o que lle suscitara a formación obrigatoria: “Eu a aquilo de chapar para cuspilo despois de volta no exame, non lle vía ningún sentido”, confesaba. Pero segundo a propia artista conta “cara a finais do primeiro ano, un día parei e dixen, pero que estou facendo? Eu non quero isto, eu quero debuxar”. E desde aquela, Paula non volveu mirar atrás. Ou si, pero simplemente para rememorar a súa aventura para chegar onde está cos ollos iluminados e a pel de pita.

De toda a súa produción, Paula escolleu dúas ilustracións para a exposición no local da Revista Orballo. Dous retratos. Dous retratos de dúas drag queens. Divine e Frank-N-Furter. Pregúntolle pola inspiración e non necesita nin un segundo para pensar, todo se debuxa perfectamente claro na súa cabeza e así de claro flúe a través das súas palabras. Confesa que o cinema, concretamente as películas “un pouco máis alternativas”, é unha das principais fontes das que bebe a súa estética. “Os filmes que poderiamos encadrar na cultura pop e trash, sobre todo de directores coma Jonh Waters, David Lynch ou Tarantino”, enumera deixando patente que son nomes cos que convive a súa obra diariamente. Precisamente as retratadas son personaxes de películas dirixidas polos dous primeiros, Pink Flamingos e The Rocky Horror Picture Show. Pero non queda a cousa aí, das súas respostas xorden nomes tamén de ilustradores coma Iván García ou Roberta Marrero, e personalidades coma a cantante Alaska. “Sobre todo gústame moito o mundo travesti, o mundo drag, é algo que me apaixona, de feito a maioría das ilustracións que teño son drag queens, porque me encantan, parécenme marabillosas”, asegura convencida. Unha lista de influencias que se completa con películas de terror como Carrie ou Venres 13 que lle veñen gustando “desde nena” e incluso títulos da estética gore, especialmente os firmados por Dario Argento.
Técnica enteiramente dixital
Despois pregúntolle polo como. “Como fixeches as ilustracións, que técnica empregaches, Lucía?” (sei que lle chamei Lucía máis dun cento de veces, e espero que me perdoe, pero son moi teimuda cando alguén me ten cara de ter un nome distinto do que lle puxeron seus pais. Perdóame Paula). Ela, educada, non me corrixiu nin unha soa vez, e contestoume: “A técnica é enteiramente dixital, aínda que lle quixen dar aparencia de rotulador. Ademais non quixen difuminar nada senón obter liñas moi marcadas aínda que tamén me gusta que a cor trascenda das liñas”. E explicouse: “Se cadra hai unha forma que é de cor vermella, pero esta cor sae da liña que limita a forma, gústame moito descolocar as cousas”.
Dentro do como tamén entra, digamos, o cando e o canto, os tempos do proceso creativo e, como boa galega, contestou cun depende: “Non sempre tardo o mesmo. Depende da personaxe. Curiosamente, nos casos nos que se trata dunha personaxe que me gusta moito, é cando menos tardo. Creo que é porque, como os vexo moito, porque estou todo o día mirando fotos deles, teño case memorizados os seus trazos”. Así que, se está a debuxar un dos seus preferidos, a cousa pode quedar resolta nunha hora ou hora e media, que é segundo ela mesma asegura, “relativamente pouco”. De tódolos xeitos, o tempo de execución normal pode variar entre esas ilustracións case express, vítimas da velocidade da paixón que se completan en apenas 60 minutos e outras que poden requirir ata tres horas. “Tamén podo estar ata dous días co mesmo debuxo, segundo un pouco o día que teña”, declara. Un tempo que non considera para nada un desperdicio: “Podo estar ata cinco horas seguidas coa tarefa, e pásame o tempo rapidísimo, coma cinco minutos. Moitas veces fáiseme de noite”. Un caso que lle pasa desde ben pequena, pois cando os cativos dos seus anos estaban a xogar na rúa, ela pintaba, calcaba e copiaba, con apenas cinco ou seis anos as personaxes dos libriños infantís para colorear. Un entretemento que obviamente mantivo na súa adolescencia, cando comezou a crear as súas personaxes e interesarse no mundo manga, unha etapa que xa deixou atrás “hai tempo”.
Agora, despois do pouso adquirido nos seus dous anos de formación, Paula ten as cousas ben claras con respecto ao que lle gusta, pero a súa aproximación orixinal ao oficio de ilustradora foi ben diferente: “Empecei os estudos coa idea de adicarme á ilustración editorial, sobre todo a que ten que ver cos libros infantís porque na miña cabeza era a que máis saída tiña”, confesa. A pesar de non ser, segundo ela mesma recoñece, a que máis lle gustaba. Pero a escola de artes foi para Paula unha fiestra a “un novo mundo”. “Cando comecei o curso non tiña nin idea de ilustración dixital, por exemplo, o ciclo abriume un tremendo abanico de posibilidades”, recoñece esta rapaza que , ademais, asegura que o acceso a esta técnica, a empregada tamén polos seus ilustradores favoritos, foi o que a empuxou definitivamente a decantarse polo tipo de ilustración que ela máis desfruta e no que agora está centrada. “Lembro que pensei: a ver, se eles poden, por que eu non?”, un pensamento que a puxo definitivamente no camiño que está e no que pensa “dar todo”, empezando por facer das caras das drag queens o seu traballo final para obter o título de ilustradora.
Así que despois tocaba falar de futuro. Ela ve o seu en Ourense, cando menos polo momento. A magnífica experiencia na escola de artes fíxolle decidirse a continuar estudando alí, o ano que vén como deseñadora gráfica: “Paréceme que complementa moito a formación que estou recibindo agora e que abre moitas portas dentro do mundo laboral”, razoa Paula. Pero se lle preguntamos polo futuro, ese con letras maiúsculas e de molde, esta artista tampouco titubea: “O que me gustaría de verdade sería poder vivir da ilustración, que a xente me fixera encargos de esta estética alternativa que a min tanto me gusta”, defende. Ademais de expor a súa obra e, sobre todo, “causar un efecto na xente”. “Encantaríame que o público sentise ao ver os meus debuxos o que eu sinto cando vexo os dos meus artistas favoritos, que se emocionen, coma min que son moi fan”, confesa sinceramente.
Autora: María F. Romero
Fotografía: Iago Rodríguez Cortón