Autora: Sheila Caride Fernández
Un día máis sentada na rúa do Olvido, vexo á xente pasar. Vaia!… outro pegado ao seu teléfono “intelixente”, revisando as súas redes sociais. Quizás algunha vez ouvistes falar da obsolescencia programada. Os produtos electrónicos son fabricados cunha vida útil determinada, calculando de antemán durante canto tempo poden chegar a funcionar, condenados a destrución. Pero en moitos casos, estes aparellos destrúen outros aspectos. Parece que tamén se programou unha decadencia da sociedade, unha obsolescencia social.
Os avances tecnolóxicos e os novos modelos de socialización estannos a converter en prehistóricos emocionais; marabillosos avances que nos permiten conectarnos e comunicarnos en todo momento, pero con calidade? Xa non falamos mentres esperamos na parada do autobús, do frío invernal nos ascensores ou dos refráns co veciño da aldea. Agora facemos selfies, comentamos fotos, compartimos noticias, poñemos filtros … Quizás a parte máis preocupante é porque a xente de a pé nos ocultamos en perfís e conversacións trabadas de emoticonos? Escondémonos detrás dunha imaxe social, ocultando os nosos corazóns e a nosa realidade detrás de polgares azuis buscando aprobación allea, buscando agradar.
O gran Eduardo Galeano falaba da «cultura do envase» onde cobra máis importancia a aparencia que a esencia, a roupa máis que o corpo, o contrato do matrimonio máis que o propio amor… Creo que non nos puido definir mellor; as fotos da internet e os perfís das redes sociais convértennos en escaparates de venta, en vendedores de fume e en compradores de aprobación.
Pero a vida non ten filtros, non da tempo a recoller todos os momentos. Xusto no instante antes de saltar a unha nova aventura,cando se colle impulso e case se toca o vento, iso, non se recolle nun fotograma ideal. Non somos todos tan perfectos como parece nas redes, non vos fiedes dos perfís do ego! Non nos enganemos, os estereotipos estiveron e continúan, pero quizás agora co incremento da influencia das redes sociais e os referentes destes «métodos de socialización»; a importancia da aparencia cobra máis valor, en algúns casos excede os limites. Na internet, pódense atopar referentes para mellorar a nosa imaxe social; para que ler un libro que nos abra a mente, podendo cambiar a foto de perfil, non?

Pero de que nos estamos escondendo detrás desta aparencia? que buscamos? aceptación social? recoñecemento? Eu tamén son unha escrava máis da sociedade, sometida a tódolos cánones de beleza, e agora mesmo a uns cánones sociais…se non tes un ou varios perfís nas redes xa non estás socialmente incluído. Unha falsa compañía pero realmente non estamos máis sós ca nunca? Pero realmente tanta xente se preocupa por nós?
Preguiza social! Rexeitemos as actitudes de prexuízos e abandonemos os xuízos da aparencia. Digamos a verdade á cara e deixemos os eloxios nas redes, sexamos coherentes ás 10, ás 12 ou ás catro da maña nunha noite de verán. Continuemos apreciando á xente de verdade a que non se oculta, que é a mesma persoa dentro e fora, sen disfraces dixitais, sen avalares virtuais, recordando que unha mirada nunca minte.
Volvamos a falar con acento galego, con paixón das paixóns, falemos do tempo, da choiva e do vento, cobremos a débeda da cea pendente, deixemos que a túa compañía se asocie ao olor do café recén feito. Lembra que a sensación cando aparece esa persoa e te quedas sen alento, non se recolle nun estado de Whatapp.
Recoméndovos volver ós charcos a xogar co barro…de vez en cando…, soltemos o lastre da vida seria e artificial. Que segan comezando as relacións cos demais nunha boa verbena, no bar de sempre ou no medio da Ponte Romana, despois de chocar por mirar cara a corrente. Que a nosa felicidade estea nas persoas de verdade, nos grandilocuentes actos de cariño e nun simple, oes hoxe unhas cañas?, e non no número de seguidores.
Un día máis, vexo a xente pasar, sentada na escaleira do esquecemento. A ese rapaz non só lle recomendo aparcar o teléfono para non escornar na beirarrúa, senón tamén para ver a cor das cousas. Vamos sé valente, non lle escribas nas redes, que non sexa soamente fume, fala ca mirada, sé auténtico…un día máis na rúa do Olvido.
Vendedores de fume😍
Me gustaMe gusta