Por pantanos e bosques quen camiñan por alá? Quen son os que por aí van?
– Bielorrusos.
Que é o que levan sobre os seus ombreiros débiles e coas súas mans leves?
– A inxustiza.
Cara a que lugares marchan para levala? E a quen van mostrala?
– Ao mundo enteiro.
Yanka Kupala
A simboloxía daquel outubro que estremeceu ao mundo segue presente hoxe nun país que busca retomar o seu propio carácter nacional
Texto e fotografía: Miriam González
A nova república de Belarús, a Rusia Branca, é unha mostra viva do poder ideolóxico e propagandístico do bolchevismo ruso. Máis de cen anos despois do triunfo da revolución bolchevique de 1917, o goberno de Alexandr Lukashenko continúa apostando polo mantemento duns símbolos que o vinculan co pasado soviético e inevitablemente ca Federación Rusa.
Non son só as estatuas, as conmemoracións do 7 de novembro (día da revolución bolchevique segundo o noso calendario), e as celebracións da Vitoria de 1945 o legado soviético que a República de Belarús herdou. Una economía planificada, o control dos medios de comunicación, a exigua tolerancia contra os que se opoñen ao actual executivo e o mantemento da pena de morte, son rasgos que evocan unha cultura política levada a cabo polo partido de novo tipo ideado por Vladimir Ilich “Lenin”.
A pesar das mostras evidentes de orgullo polo pasado soviético, na actualidade, a política de Lukashenko móvese no continuo balanceo leste-oeste. O gas e o petróleo que a veciña Rusia lle suministra a prezo rebaixado a cambio dunha maior influencia no territorio bielorruso mixturase cas esixencias de Bruselas para que goberno de Minsk asimile certos estándares das democracias occidentais.
Lukashenko, polo momento parece controlar a situación facendo que estas debilidades pasen desapercibidas en favor dunha proxección internacional coa que trata de mostrarse ao mundo como un árbitro pacífico no actual conflito frío que a Federación Rusa e Ucraína manteñen e que vincula tanto á Unión Europea como á Casa Branca. As boas relacións ca República Popular de China parecen sela aposta exterior máis forte do goberno de Lukasenko.
Pero mentres a política internacional segue o seu curso, a sociedade bielorrusa mira constantemente cara o exterior e os xoves habitantes de Minsk cuestionan a Historia oficial promovida polo goberno, o estado crítico da súa lingua, o bielorruso, e a falta de liberdade nunha sociedade que quere mostrar ao mundo a existencia dunha nova xeración orgullosa do seu país, da súas propias tradicións e que pretende mirar ao futuro para conformar una idiosincrasia propia como república independente.
Sexan benvidas e benvidos á República de Belarús.

Todo en Minsk é amplo, unha gran avenida principal de máis de 15 kilómetros percorre unha cidade con tres puntos centrais, a Praza da Vitoria, a estación de metro de Outubro e a Praza de Lenin. Esta última ubicación foi o punto culminante da primeira manifestación que tivo lugar en febreiro de 2017 contra un decreto presidencial que pretendía aumentar o imposto que teñen que pagar todas aquelas persoas que están desempregadas ou non cumpren o cupo de días traballados por ano. É unha praza curiosa, a xigantesca estatua de Lenin está situada a escasos metros dunha igrexa católica polaca.

Unha das cousas que máis chaman a atención en Minsk é a gran cantidade de homes, tamén algunhas mulleres, uniformados e uniformadas polas prazas, os parques, no metro e ata nos supermercados. A presenza da simboloxía militar é una das principais características da sociedade bielorrusa, sempre patrocinada polo goberno. O desfile de uniformes, cun deseño non moi distante daquelas vellas películas da Guerra Fría, convive cos outfits máis alternativos, propios de calquera capital “occidental”.

Aquí Lenin continúa mirando o paso do tempo rodeado de inmensos grafites. Este lugar é un punto de encontro para os novos artistas, fotógrafos, actores, poetas e deseñadores que xa traspasaron a herdanza do pasado bolchevique. En Belarús a arte e a cultura gozan dun gran respeto. As novas xeracións fálanlle ao mundo cunha lingua propia afastada da sobriedade institucional enlazando ca tradición artística sempre presente no espazo postsoviético.

A súa imaxe non é a que solemos asimilar cos veteranos de guerra. Ivan é un cidadán ruso que vive en Belarús, dixo que se mudara xa que a vida era menos cara que en Rusia. Iván sente agradecemento por Lukashenko, mostroume orgulloso as cartillas de xubilado que lle permiten viaxar gratis no transporte público, aínda que non en taxi, bromeaba. Cando o longo inverno deixa de ser tan duro, saca a súa guitarra e ameniza as tardes a todos os que pasean polo centro de Minsk. Na despedida prometeume aprender uns acordes de Paco de Lucía a través de Youtube.

Distante ao bullicio e aos cánticos, rodeaba o monumento da Vitoria con caraveis vermellos o pasado 9 de maio. Non quere falar con ninguén pero é unha muller habitual en todas estas celebracións.
A Segunda Guerra Mundial ten un significado especial aquí. “A Gran Guerra Patriótica” levouse con ela a máis de tres millóns de bielorrusos e bielorrusas, a invasión alemá arrasou máis do setenta por cento de Minsk e cada 9 de maio, os poucos veteranos que aínda quedan, e os familares dos que morreron concéntranse para rendir honores a todos os que loitaron contra o nazismo e liberaron Europa.

O obelisco da Vitoria é un lugar obrigado para calquera persoa que visite Minsk. Este monumento está especialmente concurrido o día da Vitoria e o día da República (3 de xulio). Mantén os vellos símbolos de outubro dunha maneira austera, cun lume perpetuo aos seus pés que recorda a todos os soldados descoñecidos.

No medio da celebración da Vitoria destaca o bigote do xeorxiano Iósif Vissariónovich Dzhugashvil “Stalin”. Aínda que había persoas que miraban con xesto extraño, pasou desapercibido; a famosa campaña de “desestalinización” que Khruchev iniciou a mediados dos cincuenta aínda non logrou de todo os resultados esperados.

A banda de San Xurxo, a bandeira bielorrusa, os camaradas Lenin e Stalin e o retrato do seu pai. Eles seguen pensando que antes, na Unión Soviética, a realidade era máis amable.

O pasado permanece, a Vitoria do Exército Roxo na Gran Guerra Patria seguirase conmemorando, pero os xestos cambiaron, a pesar da estoica pose, hai momentos para sorrir.

O Shum e o Gum eran os grandes centros comerciais da época soviética que aínda hoxe reciben clientes. Para conmemorar o 9 de maio adornan a súas propostas téxtiles cos lazos que celebran a derrota nazi.