Pablo Núñez: «A novela histórica vén de séculos atrás, e veu para quedar moito tempo»

O escritor lucense presenta súa nova obra Juego de Reinas

Autor: David Sabucedo

Fotografía: David Nóvoa


O pasado ano 2017 deixounos o regreso do escritor Pablo Núñez ca súa última novela Juego de Reinas. O autor lucense volve ás súas orixes literarias cunha obra ambientada na antiga Gallaecia e no mundo celta prerromano. Unha viaxe que nos levará dende a Torre de Breogán a Stonehenge, pasando pola verde illa de Irlanda ata as Terras Altas da actual Escocia. O lector seguirá as aventuras de dúas irmás, ás que un destino tráxico separou sendo nenas, cando seu pai, o rei de Erin, é destronado e ten que partir ó exilio, a terras galaicas. Unha delas, Elvia, seguirá ó seu proxenitor mentres que a outra, Wen, permanecerá cativa en poder do destrutor da súa familia. Son tempos de guerra, traizón, paixóns e ámbalas dúas irmás estarán destinadas a atoparse e ser protagonistas dos acontecementos que farán tremer ás nacións celtas.

Acudimos á presentación da obra na cidade de Ourense, no café El Cercano, onde ó remate do acto tivemos ocasión de falar co autor:

David Nóvoa Sequeiros
«Pablo Núñez durante o acto»            fotog.David Nóvoa

Que van atopar os lectores en Juego de Reinas?

Moita aventura. A min coma escritor, e coma lector, gústame moito o xénero que antes coñeciamos coma novela de aventuras. O que lle propoño ós lectores é unha aventura nunha cultura coma é a celta, que ten unha evidente relación con Galicia, Irlanda, Gran Bretaña, a Illa de Man ou parte da Bretaña francesa, o que coñecemos polas nacións celtas. Este vai ser o escenario de Juego de Reinas.

Cales son as fontes das que bebiches para elaborar esta novela?

En Galicia é complicado atopar fontes da época. Temos moitos restos pero moi pouquiña documentación histórica. Si posuímos algo moi rico para un escritor como son as lendas, por poñerche un exemplo rápido, a da Torre de Breogán e a dos fillos e netos deste heroe, que a historia irlandesa conta dende o seu punto de vista, pero cunha coincidencia case absoluta. O que para nós é lenda, en Irlanda é parte da súa historia, coma se reflexa no Libros das Invasións.

«O qué en Galicia é lenda en Irlanda é parte da súa historia»

Para un escritor de novela histórica, a ausencia de fontes escritas sobre o período do que se quere escribir é unha vantaxe ou desvantaxe?

É unha vantaxe porque dáche a liberdade para crear as personaxes e o que ti queres transmitir ó lector, sen ter que circunscribirte a unha data ou un lugar concreto. A diferencia é que non tes os nomes dos lugares ou un relato de feitos acreditados dende hai xeracións, coma ocorre co Imperio Romano ou civilizacións máis recentes. Eu preferiría ter eses datos, e que todos puidésemos coñecer o nome de tódolos castros que hai en Galicia. Poucos nomes dos centos de poboacións castrexas que hai en Galicia chegaron a nós, aínda que xa romanizados, mais non coñecemos quen vivía neses lugares nin a historia das personaxes, a xente real, que os habitaba.

David Nóvoa Sequeiros
«O autor presenta Juego de Reinas» fotog. David Nóvoa

 

Antes de publicar Juego de Reinas estiveches a piques de “tiralas armas ó río”, é dicir, de deixalo mundo da escritura. Que ocorreu?

Foi por mor da realidade que temos agora mesmo, tanto no mundo literario coma nos outros aspectos da vida. Nos últimos dez anos cambiaron moitas cousas no eido editorial, moitos libreiros, editoriais e imprentas tiveron que pechar e as oportunidades para un escritor son menos. Foime difícil, a diferencia das outras dúas novelas, atopar quen levase a cabo esta publicación. Ese cúmulo de circunstancias foi alargando o tempo de escritura  e desanimándome. Cando antes sen rematala novela era relativamente doado atopar algún interesado en publicala (frutifícase despois o interese ou non), agora as posibilidades son moi reducidas. Moitos escritores tiveron que facer o que eu case fago, abandonar e “tiralas armas ó río”.

Cales son os teus referentes coma escritor?

Coma dixen antes moitos escritores de novela de aventura: Jules Verne, Emilio Salgari, Dafoe, Alexander Dumas, etc. Moitos nenos da miña xeración medraron cas obras destes autores, que penso que son universais e seguen estando de moda. Tamén me gusta o thriller, leo ensaio, poesía, neste eido tamén teño feito algo. Quizais os que máis me influíron e me levaron a escribir foron os autores de novela de aventura da miña nenez.

En 2006 quedaches entre os dez finalistas do Premio Planeta ca túa primeira novela Las Hijas del César, obra que tivo gran acollida e que xa vai polas seis edicións. Como foi para un escritor novel acadar este éxito?

A novela foi finalista en 2006 e foi publicada en 2008. Non puiden gañar, pero dende logo chegar a esa final ábreche moitas portas. O meu nome empeza a ser coñecido no mundo literario (xa que non empreguei pseudónimo), o nome de alguén que non escribira nunca. Entras nun mundo que para min era descoñecido. Significou todo, xa que me abriu camiño nas editoriais (xa intentara presentar a novela antes e non o conseguira); coñeces a figura dos axentes literarios, que me era descoñecida; tes contacto con outros escritores e  a través disto xorden as primeiras entrevistas, e os mesmos xornalistas poñíante en contacto con outros autores. Axudoume a coñecer e comezar un oficio que eu só coñecía dende o punto do lector. Como é ser escritor.

Nestes tempos pódese vivir da escritura?

É moi complicado pero pódese, de feito hai exemplos. Como dicía antes, nestes anos diminuíu o número de escritores e tamén o número deles que poden dedicarse en exclusiva a elo, pero en España hainos e son coñecidos por todos. En Galicia temos un bo exemplo en Manel Loureiro (que ademais é amigo). El era avogado e exercía como tal, pero abandonou a súa carreira para dedicarse a literatura coma profesión. Pódese vivir dela pero as posibilidades redúcense porque a competencia, aínda que menos, é moito máis feroz.

David Nóvoa Sequeiros
«Sinatura de exemplares a fin do acto» fotog. David Nóvoa

Nos últimos anos vemos que a ficción, xa sexa na literatura ou no audiovisual, vive moito de burbullas temáticas. Existe unha burbulla ca novela histórica?

Non, a histórica leva xa moitísimos anos, é un xénero que vén desde hai séculos e veu para quedar moito tempo.  Vemos que o seu reflexo no mundo audiovisual está atraendo moito, temos series de televisión coma Vikingos, The Last Kingdom ou Roma fai unha década; fanse secuelas de clásicos coma Ben Ur ou Yo Claudio, todas elas baséanse en novelas que se poden considerar novela histórica.

Tamén fas poesía, e tes gañado algún premio neste eido literario. Que che gusta máis escribir novela ou poesía? E cal dos dous é máis complicado?

Para min complicados son os dous. O que trato de transmitir é o que me gusta ler, o que me gusta ler é o que me gusta escribir. A poesía para min é máis íntimo e persoal, escríboa en galego, gústame moito, pero de momento máis coma lector. A poesía é máis un amor e a novela un gusto. Eu respecto moito o traballo do poeta, que ás veces é moi pouco recoñecido. Son escritores que loitan contra unha competencia editorial moi dura e o que transmiten é algo dunha gran fermosura. Merece moito a pena coñecer a poesía dende as primeiras lecturas da nenez.

«Para min a poesía é máis un amor e a novela é un gusto»

Para rematar, estas traballando xa na próxima novela?

Ando inmerso na promoción de Juego de Reinas, pero hai que traballar xa no seguinte. Esta última vez estiven a piques de renderme porque pasou demasiado tempo, e agora atopei tódalas pezas para estar motivado: un editor que aposta por min, lectores que a pesar do tempo aínda se lembran de ti, valoran o que fas e recoñecen que vas dando pasiños cara adiante, escoitando sempre as críticas xa sexa favorables ou desfavorables. Agora estou traballando en varios proxectos e centrado nun especialmente. Esta parte celta que agora volveu outra vez a miña escritura e que gustou ó lector e á crítica, vai ter importancia nas obras futuras.

Para saber máis:

Pablo Núnez (web oficial)

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.