O derradeiro carnaval tradicional do concello de Toén
Autor: David Sabucedo
Aínda a medio curar a resaca do entroido imos facer unha derradeira parada nesta festa. Para elo ímonos desprazar á parroquia de Mugares, no concello de Toén, un lugar onde o carnaval tradicional aínda sobrevive grazas á labor de recuperación feita polos seus veciños.
A comezos deste século a Asociación de Mulleres Rurais Amencer, recuperou a entroidada desta parroquia, que ó igual que a inmensa maioría dos lugares de Galicia, fora perdendo estas celebracións mais seguían vivas nas lembranzas das xentes.
Cada martes de Entroido se celebran no lugar os festexos do carnaval. Despois dun xantar, ó que acoden os veciños á desfrutar dos manxares típicos destas datas (o cocido e as orellas), faise o desfile no que saen a percorrer as rúas as máscaras tradicionais desta parroquia xunto con outras persoas disfrazadas, a rota que seguen vai dende o barrio do Moreiro ata o propio núcleo da aldea de Mugares.

Antano a festa era organizada polos mozas e mozos que puñan diñeiro do seu peto para elo. A procesión carnavalesca ía acompañada de bandas de música e paraban de cando en vez para botar uns bailes e uns vasos de viño ós que eran convidados polos veciños nas súas adegas. Neste desfile podía participar todos os que quixesen, pero quen levaba a batuta na festa eran os novos. Ó remate, nun lugar especialmente preparado para ocasión, no Eiró (lugar da parroquia), representábanse comedias que os propios veciños inventaban baseándose nas historias que aconteceran na localidade durante o ano.
As máscaras, señoritas e labardeiros
Escribía Vicente Risco na obra Historia de Galiza: “as máscaras atópanse en todas as cidades, vilas e aldeas”. Máscara é termo que denomina ó personaxe característico dun entroido local, son de sobra coñecidos os peliqueiros de Laza, os Felos de Maceda, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo da Limia. Segundo nos di o antropólogo Mariño Ferro estes enmascarados representarían os excesos e a diversión contra o xaxún que impón a coresma; outros coma os galáns e as madamas (típicos tamén de Mugares) representarían a mulleres e homes que só pensan no adorno ó corpo e en levar roupa elegante.
En Mugares atopamos dous personaxes de ámbolos dous sexos os labardeiros e as señoritas. O traxe feminino consiste nunha saia e unha camisa, as dúas prendas son brancas, na saia van cosidas unhas flores de feltro de moitas cores (antano eran de seda ou naturais), por riba da camisa vai un pano colorido e colares; levan sombreiro e zapatos de tacón; portan con elas unha cesta chea de pétalos de flores, anacos de papeis de cores e lambetadas. Os homes van vestidos cunha camisa branca con adornos florais e levan colares feitos cos froitos das hedras; portan calzóns brancos ata os xeonllos, tamén adornados con flores, medias e botas; na cintura levan unha faixa cun cinto con chocas e un gorro alto adornado tamén con motivos florais; a faciana lévana cuberta cunha rede e na man portan unha labarda que lles da nome (unha ferramenta semellante a un mallo). Hai fontes que falan de que os labardeiros tamén levaban no lombo unha pelica de animal (coma os peliqueiros); antano só podían levar este traxe os quintos, é dicir os mozos que ían a mili.
“As máscaras atópanse en todas as cidades, vilas e aldeas. En Mugares temos ás señoritas e os labardeiros”
O carro do entroido, o mazaruco e mazaruca
Este ano, tras seis décadas sen estar presente, recuperouse a figura do mazaruco e mazaruca. Estes consisten en dous bonecos, o que representa ó home vai vestido de militar e a boneca vai vestida de “señorita”. O mazaruco sae de Mugares e a mazaruca do Moreiro, ambos atópanse a medio camiño. En tempos saían montados en carros ou burros (agora van en tractor), e vestíanse cos traxes das parellas que acabasen de casar e aínda non tivesen fillos. Estes serían un exemplo do tradicional carro do Entroido, presente en moitos outros lugares con distintas formas e coma xa sinalaba Risco na obra anteriormente nomeada: “Unha representación do Entroido é paseado triunfalmente polas rúas”. A recuperación desta figura por parte de Amencer foi moi laboriosa, xa que apenas había fontes sobre eles, mais finalmente a obra é bastante fiel a representación de antano.

“O Mazauro e Mazaruca é unha versión do Entroido que é paseado triunfal polas rúas das poboacións”
A corrida do galo, un costume esquecido
Xa non hai costume de tirar formigas a xente durante o desfile de Entroido, pero a tradición desaparecida máis interesante é unha recollida por Mariño Ferro, a corrida do galo: “nalgunhas parroquias-di o autor- chaman corrida do galo a unha parodia do xuízo onde se xulga a este animal”, mais noutros lugares, “sacrifícase o galo de acordo a un certo ritual”. Estas prácticas do sacrificio desta ave eran típicas en diversas localidades no século pasado coma Betanzos, Muros, Melide, A Mezquita, etc. Segundo sinala Mariño Ferro: “En Mugares enterraban o galo deixando fóra só a cabeza, que os xogadores (estes ritos realizábanse coma xogos populares) cos ollos vendados, intentaban golpear cun pau, despois de superar unha serie de obstáculos”. Isto, por moi brutal que vos poda parecer, ten unha carga simbólica moi importante xa que o galo é un animal moi cargado dunha gran simboloxía sexual, e con fama de luxuriosos, e ca súa morte simbolizábase ó rexeitamento ós praceres da carne e a preparación para a coresma, algo que en definitiva viña a ser o Entroido.
A antiga tradición carnavalesca do concello de Toén
En terras de Toén, na actualidade, o entroido enxebre é o de Mugares, un festexo que xa é un símbolo da parroquia e o municipio. Nos outros lugares do concello coma Xestosa, Trelle ou Moreiras o carnaval soe celebrarse cunha cea ou xantar. Estas son celebracións modernas que carecen da tradición de antano, aínda que noutros tempos si que existiron estas festas tradicionais que xa apenas son lembradas polos oriúndos do lugar. Risco recollía o seguinte dato: “Damas e galáns, con diferentes vestimentas, aínda que case sempre arremedando traxes antigos de señoríos, a base de roupa interior, fitas de seda, chapeus, etc. cítanse en terras de Toén”. O mesmo autor fai referencia a máscaras típicas na veciña Moreiras, onde o traxe que levan, feito a base de roupa interior feminina branca, pucho cónico e chocas na faixa lembra ó do labardeiro; así coma tamén fala dunha representación do Entroido feita con palla é levado nun carro tirado por bois nesta mesma aldea, coma curiosidade a mediados do século XX os mozos de Moreiras vestíanse no carnaval con roupas vellas que enchían de palla e máscara, estes traxes chamábanselle mazarucos, podería ter esto relación ca Mazaruca e Mazaruco de Mugares?

“O Entroido tradicional de Mugares foi recuperado pola Asociación de Mulleres Rurais e Familias Amencer, tras décadas sen celebrarse. Este 2018 restaurouse as figuras do Mazaruco e Mazaruca”
Para rematar quixera facer unha confesión que me avergoña, e xa entrados na coresma é tempo de purgalas culpas, aínda que un servidor é dunha parroquia veciña nunca tiven a ocasión de acudir a entroidada de Mugares, mais convido a todos os que o ano que ven teñan ocasión acudan a presencialo e a vivilo, así poderá comprobar que existen máis exemplos destas tradicións fóra de Laza, Xinzo e Verín. Eu polo menos penso acudir.
Tamén che pode interesar:
Para saber máis:
Fotografías de Miguel Ángel (La Región)
X.R.Mariño Ferro e X.M. González Reboredo, Diccionario de etnografía e antropoloxía de Galiza Ed. Nigratrea Vigo 2010
V. Martínez Risco, Etnografía: cultura espiritual, en Historia de Galiza (1962)