Por Pablo Gómez Portas
A Xeración Orballo é xa unha realidade, unha forma de ver o mundo actual que divaga entre feitos pasados e presentes sen o esquezo do idioma, das xentes que habitarion este país antes ca nós, das xa mencionadas “Nais do noso século” .A Xeración Orballo e o pulso que mantén a prosa e a imaxe , a estética e a palabra cada vez máis depurada, cada vez máis letal. Os que xa escoitaron o programa vía web ou ben asistiron o recital-exposición aniversario tiveron a oportunidade ese sábado 7 de abril de recoñecerse na diversidade en canto a visión poética , do pulso que mantemos contra a mediocridade nun século onde a tecnoloxía e a rapidez son os piares, e contra el a poesía, a imaxe , as pausas e os silencios ,os recitais longos e longos programas de radio sen ter en conta a efectividade e o instantáneo , máis ben deixando cabalgar os versos e as expresións, atentos e en silencio , falando coa pausa necesaria e coa actitude dunha revista cultural que pretende cada vez chegar máis lonxe.

Manuel Maside espera a súa quenda fora, inquedo pola necesidade de mostar o que sinte , de ensinarlle o público cales son as súas inquedanzas cales as pausas e tamén as palabras precisas para recitar o sublime das súas verbas. Unha poesía que xa forma parte da nosa idiosincrasia. Nos cremos Manuel Maside coma el cree en nós. O autor de “ O inimigo” ou “ Relato contemporáneo de tempo perdido” atrévese de novo a ensinar os seus poemas. Ten gañas de ensinalos, ten ganas de que o público coñeza o seu carácter, ten gañas de ser e de existir, de dar a cara con sinceridade. Hoxe publicamos nesta crónica un poema inédito para todos aqueles seguidores que xa desfrutan dos seus versos en Poesía Orballo:
ATMOSFERA
Soa a radio de fondo
Castelos nese ar espeso
O fume das estrelas que fuman
O lugar que xorde da nugalla
Seremos insolencia no primitivo
Ausencia no lume que nos garda
Seremos pelexa no dominio
E máis escravos taciturnos na tolemia
Podrece a flor de outono
Para ela só hai sol na madrugada
O vaso medio baleiro
Os ollos chantados na lúa
Divididos na calma
Ollando o serán que infunde calma
Sobre as mans tendidos na area
Posta a tilde sobre o veleno
Loitaremos pola vergoña
Suaremos polo movemento
Deitarémonos nas soidades
E cortaremos o colo do sono
Déixame calmo, déixame
Sobre a terra que me mandou ó mundo
E na que podrecerei, deus queira
Alimento para o soño eterno.
Nuria Paz, móstrase segura , capaz de engaiolar o público co seu vocabulario audaz, que alza a visión poética das vangardas que tanto recordarán o lector de Orballo a figura de Manuel Antonio coa súa violación das regras da sintaxe, os caligramas e a súa interpretación do cubismo que bebe da retórica literaria de Apollinaire. Unha Poeta que escrebe en galego por convicción que roe as tempestades con verbas elocuentes, violentas e cun grado de humor que fala moito da dor interior que eu , humilde servidor, atina a descubrir na súa personalidade inqueda e sobre todo inspirada e inxeniosa. Velaquí unha mostra da súa capacidade de unir e enlazar composición e verba, unha mostra que non rematará aquí se non que teredes a oportunidade de leer e captar as súa obra en vindeiras edicións de Poesía Orballo.
Son oitenta días.
Son ointenta,
nada máis.
De camiño,
virá Julio a Verme.
Din que arde a 6000º Celsius.
E aí dentro,
xusto no centro,
onde combustiona a historia de maneira sincrónica,
nin
Jack porde ir por
P
A
R
T
E
S.
_____Nuria Paz
Para rematar mostramos como en Xeración Obrallo Parte I a obra artística en imaxes, desta volta a protagonista foi Noemí Cordeiro quen con moito atino en canto a filosofía de Orballo mostrounos os seus segredos de infancia, o seu retorno a nenez en fotografías cuxos recunchos cargados de vida e recordos soubo interpretar a de Moaña coa habilidade e a sensibilidade necesarias, feito que volta a recordarnos a memoria que tanto alenta a preservar o mestre Araúxo en fotografías lícitas e licencias fotográficas en forma de galería.
Crónica Xeración Obrallo I e II : Pablo G.Portas