Vídeo: Brais Sánchez
Autor e fotografía: Roi Nomade
Cando emigrei a Barcelona contaba só con catro anos de vida e moi pouca conciencia como para levar comigo demasiados recordos e anhelos da terra que deixaba atrás, mais, porén, as poucas percepcións das que gardo constancia ficaron latentes en min como descritores do que eu considero o mundo real. Ese mundo no que as estacións se fan notar, onde a relación co entorno e tan necesaria como inevitable, ese territorio pragado de paisaxes e xentes moi diferentes as das cidades, o rural. E aínda que rural hai en todo o mundo eu asocieino sempre con Galiza, e máis concretamente con Nogueira de Ramuín.
Este concello sitúase ao norte da provincia de Ourense, facendo fronteira con Lugo, á beira da confluencia do río Sil co Miño e na aba da montaña Meda (que hai quen relaciona co monte Medulio). O canón do Sil permítenos perdernos por un sin fin de recunchos, cada cal máis agochado, e dende o seu alto podemos incluso albiscar a cima do monte Faro, na fronteira de Lugo e Pontevedra. A súa historia que esta chea de cultura e de verdades, relacionada cos afiadores que percorreron incontables rutas e cos bandoleiros coma “Os Majitos”, deixounos tamén un patrimonio de valor incalculable. Castros, mámoas, mosteiros (o de Santo Estevo e o de Santa Cristina), cenobios, petos de ánimas. Esta é unha terra habitada dende fai milenios, que desgraciadamente está a perder os seus poboadores, pois o éxodo rural semella que non tivo xa suficiente, e as políticas adoptadas non fan máis que avivalo.
Malia todo, un grupo de veciños aposta de xeito inquebrantable por traballar para recuperar, divulgar e por en valor todo este patrimonio humano e material. A organización sen ánimo de lucro Móvete por Nogueira, leva tres anos sendo unha das mellores novas que nos deu este concello. Gracias a eles redescubrimos paisaxes e achegámonos a currunchos esquecidos por case todos, e desfrutamos dos camiños como fai décadas que non podíamos. Os eventos que organizan, como a inauguración dun novo tramo de ruta (xa van 60km), os xantares populares, a noitada nas mámoas para ver as Perseidas ou a ruta especial de Samaín, son ademais a escusa perfecta para xuntarnos e gozar dunha das máis fermosas parcelas do mundo.
Con toda a maxia que envolve este territorio, mesturada coa dignidade propia dos movementos veciñais, pinta un bo camiño que percorrer. Son este tipo de iniciativas as que esperamos se convertan nun foco de luz que inspire a moitos outros candís, perdidos arestora na escuridade e abran un pouco a porta a ese futuro, non tan funesto xa, da vida no rural.

