Porque os bulos que anuncian falsamente a morte de alguén famoso non pertencen só ao século XXI
Autor: Philip Jeffries
Pode parecer que certos conceptos como o de dar por morta a unha celebridade no mundo de Internet son cousas modernas e actuais que só a xente con moito tempo libre e o auxe das novas tecnoloxías, coa posibilidade de que calquera cousa inventada chegue a miles de persoas en apenas uns intres, podían propiciar, pero non; e a mellor proba disto o temos no caso do clásico escritor galego Celso Emilio Ferreiro.
Corría o ano 1970 e chegou a ser publicado no diario La Región, pero antes de chegar a este punto temos que situarnos un pouco en contexto.
Estamos no ano 1966 e Celso Emilio Ferreiro aínda está a vivir no noso país, pero a situación para el non é precisamente a mellor do mundo. Os seus negocios e a súa economía non pasan polo seu mellor momento, a raíz das presións que sofre coma consecuencia da súa participación na política clandestina de esquerdas. Non está de máis recordar que, xa no ano 37, nun dos permisos do exército que pasa na súa Celanova natal, é acusado por unha veciña de criticar nun bar o golpe de Estado que se estaba a producir e de falar positivamente da Unión Soviética, o que levará á súa detención e a unha condena a morte, que finalmente non se producirá a causa da intervención da súa familia, cos contactos suficientes para que isto non se leve a cabo, quedando todo en catro días e tres noites que pasa encerrado no mosteiro do municipio, algo que terá unha influencia decisiva na publicación, moitos anos despois, de Longa noite de pedra (1962).
Nesas andaba o escritor cando recibe unha oferta que habería de modificar por completo a súa vida: A Hermandad Gallega de Caracas ofrecíalle trasladarse a Venezuela para facerse cargo da Secretaría de Cultura da mesma. Vendo a situación na que se atopaba aquí, sendo o exilio case a súa única opción que tiña nese momento, acepta.
O principio no seu novo país de residencia non podería ser más interesante e movido para Celso. Alí encárgase de sacar adiante o periódico quincenal Irmandade, de dirixir o Cineclub da propia Hermandad Gallega, de redactar os contidos do programa radiofónico Sempre en Galicia e da dirección da Escuela Castelao. O punto álxido de todo isto chegará no ano 67, cando funda a Agrupación Nós, a través da cal pretende darlle á Hermandad unha orientación máis nacionalista. E nese momento, ao mesmo tempo, será cando comecen de novo os problemas para o escritor.
O motivo? Que dentro da propia organización existía una facción de ideoloxía fascista que, en consonancia co embaixador de España en Venezuela, tamén contrario, ao igual que estes membros, á labor cultural que Celso estaba a realizar, deciden frear a actividade do escritor a través da convocatoria dunhas eleccións cuns resultados de dubidosa legalidade nas que conseguen facerse coa dirección da Hermandad.
Será neste momento cando a persecución máis agresiva por parte destes agora directivos da organización comece.
O primeiro foi botarlle da sociedade, feito que acontece en xullo do 68, cando recibe unha mensaxe oficial na que se lle comunica a súa expulsión do grupo. O segundo, facer que a súa vida fose o máis inestable posible, conseguindo que pase por unha época realmente turbulenta, saltando continuamente dun traballo a outro, durando en todos moi pouco, a raíz das presións exercidas polos directivos da Hermandad.
O punto álxido deste acoso, que nunca chegou a derribo, pois no caben dúbidas de que o gañador absoluto desde “enfrontamento”, a base de tenacidade, foi Celso, produciuse cando ocorreu o que comentábamos ao principio, motivo destas liñas: A Hermandad comezou a difundir entre a prensa galega que o escritor morrera xunto ao seu fillo, Luis Ferreiro, feito que foi anunciado por La Región o 25 de marzo de 1970, dando lugar a unha das anécdotas máis peculiares e estrafalarias da historia da nosa literatura.
A historia podería quedar aí, de non ser porque Celso, coma é lóxico, decátase do acontecido e decide contestar cun marabilloso poema, Nota necrolóxica, pertencente ao libro Cemiterio privado (1973), aos que inventaron semellante noticia. A resposta non podería ser mellor:
Deron os abecedarios
a nova da túa morte,
meu vello can de palleiro,
meu vello can de palleiro,
abandonado da sorte.
Un poeta sin fortuna
morto de morte matada
mentres soñaba coa terra,
mentres soñaba coa terra,
malferida a malpocada.
A moura necroloxía
resultou ser unha trola
de xente anana e mezquiña,
de xente anana e mezquiña,
a quen o teu verbo esfola.
Xente á que debes decirlle
surrindo e sen acritude:
os mortos que vós matades,
os mortos que vós matades,
gozan de boa saúde.
Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto,
mais o lume que alampea,
mais o lume que alampe,
xamais o veredes morto.
A morte real do escritor acontecería o 31 de agosto de 1979, e sería, para rabia de máis dun, que o quixo ver morto antes de tempo e coa mínimo repercusión posible, despedido por máis de dúas mil persoas, e con todos honores, nun acto á altura do escritor, reivindicando a unha das máis importantes figuras da cultura galega coma sempre o mereceu.
Este artigo é marabilloso. Moitas felicidades.
Me gustaMe gusta