Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

O falso mito de Roi Xordo

Foi o capitán irmandiño merecedor da fama que ten?

Autor: David Sabucedo


Posiblemente o protagonista deste artigo sexa unha das personaxes da nosa historia cuxo nome e feitos sexa máis coñecido polo “gran público”. Salvando as distancias, pódese comparar con outros famosos persoeiros da historia universal coma Xulio César, Napoleón ou Cleopatra, persoas que a maioría de xente coñece aínda que non saiba ben a súa historia. Coma sabedes estamos a falar do capitán irmandiño Roi Xordo, líder da Irmandade que en 1431 rebelouse contra a opresión feudal nas terras dos Andrade.

“Roi Xordo, verdadeiro e único heroe das liberdades galegas”, así o describía Castelao na súa obra Sempre en Galiza, mais, foi realmente un heroe do pobo ou máis ben a súa fama é unha confusión histórica? Antes de destripalo mito coñezamos os feitos.

O Capitán Irmandiño

En 1431 os vasalos de Nuno Freire de Andrade, coñecido coma «O Mao» (o malo), rebélanse contra o seu señor por mor dun tributo extra que este puxéralles para pagar os gastos dunha visita a Compostela do infante Enrique de Aragón. Estes son os feitos tal e coma os narra o cronista L. Galíndez de Carbajal (s.XV):

“E entre outros negocios que o Rei había de despachar (…) era un que pendía entre Nuno Freire de Andrade e os seus vasalos de Pontedeume e Ferrol e Vilalba, que eran súas, que todos se ergueran contra el, dicindo que era señor moi forte e duro e que non podían comportar, e facíanlle a guerra tres mil homes e máis, e derribáronlle certas casas fortes e talláronlle algunhas viñas e hortas  e con estes xuntáronse outros moitos dos bispados de Lugo e Mondoñedo, que serían ben dez mil homes e máis, e tomaron por capitán un Fidalgo que chamaban Roi Xordo; e traían un pendón de Santiago e fixeron todos unha Irmandade e por toda terra os chamaban irmáns e andaban así poderosamente, facendo moi grandes danos e males na terra, que nas rendas do Rei nin contra xustiza non tocaban (…)

anonyme de Saint-Gall
Asalto a castelo (Anonyme de Saint-Gall s.X)

Os ditos irmáns víronse tan poderosos e estaban tan tolos que non só quixeron estar por cousa do que (…) lles foi mandado de parte do Rei, mais tentaron de entrar na cidade de Santiago, o que o arcebispo lles defendeu e xuntou toda a súa xente (…) cos que acordaron de pelexar con estes ditos irmáns. Os cales, como eran xente miúda e de pouco esforzo, acordaron de se derramar e irse algúns deles para o arcebispo, e como Nuno Freire recibirá tan grandes danos desta xente xuntouse (…) co correxedor polo Rei (…) e foron a Pontedeume (…) e tiñan cercado un Castelo seu, onde estaba súa muller e fillos, catrocentos homes e máis destes que se chamaban irmáns. Pelexaron con eles e descercaron o Castelo, e morreron alí algúns dos irmáns, e outros foron presos e enforcados, e así apaciguouse este caso de Galicia”.

(Os Irmandiños, A.López Carreira p.26)

“El hidalgo Ruy Xordo  quien por servir a la causa popular sacrificó primero sus intereses y luego su vida”, así describiu a coruñesa Victoria Armesto ó líder irmandiño en Galicia Feudal, pero realmente, como puidestes ler na crónica, da vida de Xordo non sae máis ca súa elección coma líder militar. “Había necesidad de erigir a un jefe que, al frente de esta multitud, la organizase y dirigiese-y un hidalgo denominado Ruy Sordo fué el que obtuvo esa deferencia” ( Vicetto H.G.); tal coma sinala Vicetto en Historia de Galicia, era común que os cargos militares das irmandades fosen ocupados por fidalgos e cabaleiros, xa que estes eran quen tiñan a experiencia necesaria para tal menester.

800px-Cadaleito_de_Nuno_Freire_de_Andrade,_o_Mao,_no_Mosteiro_de_Santa_María_de_Monfero
Sepulcro de Nuno Freire «O Mao» no mosteiro de Monfero

Entón, sobreviviu á fin da revolta? De ter estado presente na batalla de Pontedeume é moi pouco probable que sobrevivira; en caso de non caer en combate e ser capturado non creo que os Andrade deixaran con vida ao home que quixo destruír a súa casa (se o señor chamábanlle o Mao sería por algo). Hai unha frase na crónica que é moi interesante: “como eran xente miúda e de pouco esforzo, acordaron de se derramar e irse algúns deles para o arcebispo”, poido ser que Roi Xordo mudara de bando no medio do conflito? De ser así non sería o primeiro que o faría, corenta anos despois, durante a denominada Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), o capitán Diego de Lemos rendeu o seu exército diante dos señores sen opor resistencia (1469), e un ano máis tarde vémolo co resto de cabaleiros e señores feudais asinando un pacto en contra do arcebispo de Santiago e os restos das irmandades urbanas (1471). Non era raro que estes pequenos cabaleiros e fidalgos empregasen ás irmandades para socavar o poder dunha familia rival, sendo o interese persoal a única motivación de unirse ás reclamacións dos vasalos e viláns. Entón se o noso “heroe” mudou a capa, non habería probas da súa vida anos despois?

 O rexedor da Coruña

Será na década dos 50 dese século cando un persoeiro homónimo ó líder irmandiño aparece na cidade da Coruña, Roi Xordo das Mariñas, que ocupa o cargo de rexedor do concello da cidade herculina en 1456 e 1458 e que no 1457 fai testamento no mesmo lugar. Este Roi Xordo era parente de Gómez Pérez das Mariñas, señor da casa de Suevos,  cuxas prácticas rivalizaban cos Andrade en canto a crueldade cos vasalos e abusos de poder se refire, aínda por riba ámbalas dúas casas eran rivais e loitaban polo control do mesmo espazo de poder (lembrades aquelo de empregar as irmandades contra meu inimigo?).

fernán pérez o mozo
Sepulcro de Fernán Pérez (Monfero)

Entón, son este dous «Rois Xordos» a mesma persoa? Non era estraño que dous personaxes compartisen o mesmo nome naquel tempo, por exemplo: o conde de Trastámara e o de Lemos tiñan o mesmo nome Pedro Álvarez Osorio, e ámbolos dous foron coetáneos e non se podían ver diante sen rematar a espadazos un co outro, polo que isto non é unha proba que sinale que o noso protagonista sobreviviu a represión dos Andrade. A proba que nos faga saber se este tratase do mesmo que comandou as irmandades podería estar na súa morte. No ano 1458 estoura unha guerra entre a casa de Andrade e a das Mariñas, por aquel tempo os líderes dos dous clanes era por un lado Fernán Pérez «O Mozo» (fillo de Nuno Freire de Andrade) e Gómez Pérez, tío de Roi Xordo das Mariñas que, durante o conflito,  perde a vida nun dos ataques: “E matastes a Ruy Sordo de las Mariñas (…) regidor de la ciudad de la Coruña, al cual, después de muerto, dice que vos, el dicho Fernán Pérez de Andrade, le cortastes una mano y la habías traído dos días en la punta de una lanza (…)” (Carta de Henrique IV A Fernán Pérez de Andrade). A humillación póstuma que o señor de Andrade faille a Xordo mutilando o seu corpo podería sela proba definitiva, o pago polo sufrimento causado a súa familia é o dunha morte non fidalga, culminando a vinganza que seu pai non poido facer.

O Espartaco galego

Se no século XIX a historiografía rexionalista galega buscaba os fitos da historia de Galicia nos feitos dos grandes señores feudais e nas vitorias militares do noso pobo, coma a Francesada de 1809, o século XX vai traer a nova historiografía nacionalista, onde a ideoloxía de esquerdas será dominante, e que vai na procura dun Espartaco na nosa terra, ese heroe social que quixo rematar cos abusos do poder establecido na súa época. Que Roi Xordo non fose ese home que críamos non implica que non existiran estes persoeiros. No esquecemento está o escribán Xoán Branco, Capitán Xeral da Irmandade de Betanzos en tempos da Gran Guerra Irmandiña, el foi que acudiu ás Cortes a pedir permiso ao rei para facer irmandades en Galicia en 1465, e debeu ser un dos impulsores da chamada “Revolución Irmandiña” e por mor diso matárono anos despois; na mesma Irmandade de 1431 están os irmáns que faleceron na batalla de Pontedeume  ou logo sufriron a represión, persoeiros anónimos que dan forma o mito de Roi Xordo, porque quizais a clave sexa diferenciar o mito da persoa. Morrera na revolta ou nunha guerra nobiliaria moito despois o certo é que a vida do Roi Xordo histórico defínea a seguinte frase do cronista coruñés Vasco de Aponte ca que resume a vida doutro capitán das irmandades, Alonso de Lanzós, e que é aplicable á vida de Xordo: “Quixo acabar ca casa de Andrade e esta acabou con el”.

Para saber máis:

-López Carreira, Anselmo. Os Irmandiños, textos, documentos e bibliografía. Ed A Nosa Terra Vigo 1992.

-Pardo de Guevara, Eduardo. Los Señores de Galicia. Galicia Histórica. Ed Fundación Pedro Barrié de la Maza A Coruña 2000.

ESTIGMA , Primeira Escea

Unha obra de Manuel J. Maside


ESCENA 1

 

(O salón dunha casa. Na cadeira de brazos  unha muller, a nai, con instrumentos de calceta na man, mais totalmente queda, ca vista perdida no público. No chan, xogando cuns coches de xoguete, o fillo)

 

Fillo: Nai, que lle pasa? (Pausa) Xa está maliña coma sempre, nai? (Pausa) Pódeme contar que lle pasa, non llo digo a ninguén… De verdade, confíe en min.

 

(Pausa. Segue a xogar)

 

Nai: Fillo, ti… non sabes… ti… non sabe.. eu…

 

Fillo: (Volve mirar á nai) Non sei que lle pasa, nai, nunca mo di, nunca fala, so queda aí pasmada, eu… non sei que facer. (Triste, ca testa baixa) Se a lo menos me contara algo…

 

Nai: Ti… non sabes… eu

 

(O fillo volve a xogar, metido no seu xogo, a muller segue estática. Entra o pai no salón)

 

Pai: (Canso pero ledo, sen reparar na nai) Ola, familia (Vai onde o fillo e saúdao cariñosamente) Ola, fillo, como estás? (Vai cara onde a nai) Ola nai, que tal… (Repara no estado catatónico. Anoxado) Outra vez, outra vez?? Xa está outra vez a tola esta papando moscas no seu mundo?

 

Fillo: Pai, non lle rife, ela está enfermiña outra vez, non lle rife.

 

Pai: (Moi anoxado) Non rifo, non rifo… soamente me cago en todo!! Puta tola, por que casaría con ela? Por que carallo escollería a esta tola entre todas as mulleres? Cagoental! Estou ata o carallo desta muller, ata o carallo! Non fai nada, non coida de ti, non cociña, a cona, muller, a cona!!

 

Fillo: (Chorando) Pero, pai! Ela está enfermiña, non ten culpa, ela é boa, é boa!

 

Pai: (Moi preto da orella da nai, que permanece inmóbil) Quen me pon unha cervexa, quen?! O carallo, póñoma eu? Vai tomar polo cu. (O fillo chora desconsolado) E ti que choras, papaostias? Marcho desta casa.

 

(O pai marcha da escena. Queda o fillo chorando desconsolado e a nai igual de paralizada)

 

Fillo: Nai, que lle pasa? El é… el non lle merece a pena… pero a min pode falarme… (Unha bágoa cruza o rostro de pedra da nai, logo baixa a testa) Eu non sei que facer por vostede, se me dixera que lle pasa…

 

Nai: Eu… non sei… eu… so quero… morrer…

 

Fillo: (Chora inda máis) Non quero perdela… (Berra) Non quero perdela!! (Marcha correndo da escena)

(Queda a nai sentada na cadeira de brazos, levanta a testa, olla ao público e seca ca man as bágoas. Entra un home vello en traxe e ponse ao seu carón, charlan)

 

Home: Moitas bágoas, non si?

 

Nai: Unhas poucas, as de sempre, comezo a estar seca.

 

Home: Cando o vas facer?

 

Nai: Dáme tempo.

 

Home: Vaste despedir? Eu non o faría, é peor.

 

Nai: Por el dáme igual, é un fillo de puta, ten razón, pero é un fillo de puta, pero o neno.

 

Home: Non é un fillo de puta, ti non satisfás os seus desexos.

 

Nai: Coñezo os teus razoamentos, todo a culpa é miña.

 

Home: E o fillo? Chorando desconsolado por ti? Non é culpa iso tampouco?

 

Nai: (Volve chorar) Supoño que si, é culpa túa.

 

Home: Eu so che digo a verdade.

 

Nai: Supoño que si, que é culpa miña.

 

Home: Lamento dicircho, pero sabes de sobra que es un lastre para a túa familia, estalos fodendo ben. Un home que desespera e un fillo que non para de chorar.

 

Nai: Por que deus fixo isto comigo?

 

Home: Non metas a deus nisto. A que rebenta vidas es ti.

 

Nai: Se marcho, o me fillo terá un estigma ante a sociedade dunha nai tola que se matou.

 

Home: O estigma vai telo igual, ou pensas que non se enterarán pronto por aí que ten unha nai trallada da cabeza?

 

Nai: Certo. Pero inda así, quizais inda me precisa, uns anos máis.

 

Home: A ti? (Ri) A ti quen carallo te precisa?

 

Nai: Gozas con isto?

 

Home: É o meu traballo, en serio, soamente fago o meu traballo.

Nai: Parece que gozas.

 

Home: Antes dixeches que o teu home é un fillo de puta… Mataríalo?

 

Nai: Que dis?? Xamais faría dano a ninguén, e menos a el.

 

Home: Perfecto, soamente quería deixalo claro.

 

Nai: Non son unha criminal!

 

Home: Ben. De todas formas vai pensando cando e como.

 

Nai: Non vas axudarme?

 

Home: (Sorrí cinicamente) Por suposto! Agora penso que ven o teu fillo. Ata logo!

 

(Marcha o home. Entra polo outro lado o fillo. Corre a onde a nai e dálle un bico)

 

Fillo: (Secando as bágoas) Nai, é por culpa miña?

 

Nai: (Chora e dálle tamén un bico mentres sorrí amable) Como vai ser por ti? Es o mellor que me pasou xamais. Se por min fose estaríamos xuntos toda a vida… Que fuches facer?

 

Fillo: Nada, nai… Fun chorar.

 

Nai. Ai, meu fillo, non chores por min!! Eu xa son vella e teño manías. Ti vive a vida sen ollar as miñas tolemias.

 

Fillo: O pai é malo, bérrache, non entende que estás mal.

 

Nai: (Con curiosidade) Por que dis que estou mal?

 

Fillo: Véxote mal, pasmada, cos ollos tristes, queda. Unha vez vin na aldea dos avós unha curuxa nunha póla á que lle pillara a luz do día lonxe do niño. Tiña os ollos grandes coma pratos, e estaba queda coma unha estatua. Ti estás igual de mal, ou a lo menos iso semella, como nunca me falas non sei que che pasa.

 

Nai: Non me pasa nada, as veces póñome nerviosa, nada máis.

 

Fillo: Non pareces nerviosa, semellas noutro mundo, case morta.

 

Nai: (Sorrí) A outro mundo vou, a onde están os meus pensamentos máis escuros, loitando uns cos outros nunha batalla fratricida, e fáltame o ar, e preciso vento, e marcho a un cantil con vento onde ollo o sol morrer no mar, i eu mesmo quero… En fin, son pensamentos meus, non quero que te preocupes, soamente son cousas que me pasan pola testa, como a calquera. Non te preocupes.

Fillo: Non entendín moi ben todo iso.

 

Nai: Normal fillo, a túa nai ten pensamentos moi complexos, de adultos.

 

Fillo: Eu tamén penso ás veces.

 

Nai: En que pensas?

 

Fillo: Nun mundo mellor.

 

Nai: Para a xente pobre?

 

Fillo: Non, para nós os dous, un paraíso onde podamos vivir tranquilos o resto da vida.

 

(A nai bota a chorar e aperta ben forte ao fillo, que lle devolve a aperta)

 

Nai: (Berrando) Por que serei tan filla de puta, por que??!!

 

(Apáganse as luces)

David Nóvoa Sequeiros
I Escea/ Fotog: David Novoa

 

Fotografía: David Novoa