Todas las entradas por ORBALLO

Revista Cultural da cidade de Ourense de contido cultural e social,

LIAM, O GERREIRO DA ESPERANZA

Autora: Ariadna Covela Iglesias

Ilustración: Mar Ocampo


Cando a alegría tocou na porta da tristura, ela xa saira.

Tomaba café negro sen azúcar e encaraba as mañás cunha mistura de fortaleza e resignación. Camiña soa, pensamento dicotómico, todo en branco e negro. Isto non lle impide sorir, ou mesmo rir de si mesma. Caeu no túnel da depresión endóxena fai anos, namorou un cento de veces e odiou a cada home por saír sen despedirse. Amantes ingratos, sexo por desidia, alcohol con pílulas.

O día a día entre bocetos e receitas pseudoveganas. Pasaba dos 40, a presión da cultura da imaxe importaballe pouco, sen embargo, o pulmón apretaba por unha bronquiectasia diagnosticada e non tratada. Subía montañas e baixaba aos infernos se se terciaba, para amamantar de enerxía ao pequeno Liam.

Calmaba multitudes anoxadas polo panorama social da pequena cidade onde moraba mirandoos de frente. Difícil era achegarse a ela, pero cando a coñecías, custaba despedirse dunha alma tan pura.

Cando tiña 18, rapou a cabeza, subiu a un autobús e pasou nel 3 días para coñecer Bruselas, xusto despois da mención Cum Laudem do Bacherelato. Bicou a mamá, prometeu escribir, chamar e coñecer outra terra sen prexuizos.

Repetiu a fuxida, 10 anos despois, esta vez a Suramérica, terra dos incas, Perú máxico, Perú inquietante, Perú inmensamente violento. Experimentou a pobreza en estado puro, a necesidade, o desterro. Namorou de novo, eterna fuxida, pinturas e acrílicos dun home experimentado. Si, experimentado na mentira, no interés e na cobiza. As virtudes deste home apareceron anos despois, cun cento de amantes, e algo de reflexión. A depresión non ía arrastralo, ela caeu e levantouse. El esperou un tren, o da partida emocional. E deixoulle un recordo de por vida, Liam, só Liam. O guerreiro.

O pequeno guerreiro deu luz e vida nun país complexo. Natureza desbocada, almorzos de palta e chicha, certa prosperidade. Algo de calma. Cero pílulas. Crianza e experimentación. Tempus fuget.

A maternidade colmouna de paz, deulle sentido a súa propia existencia, cun senso poida que agocentrista, poida que non, pero ben seguro, o cordón co seu pequeno mudou a esta muller de ferro, marioneta perplexa, ánima de nómada. Liam demanda,si. Peito a demanda, canción de berce, leito de esperanza. Liam medra entre dous pais que non se aman xa, e lonxe de comprenderse acusan un vacío como amantes, e pior aínda, como amigos, que se cheira ao lonxe.

Ela baixou ata os 43 kilos, con 30 anos caeu enferma. Subiu a un avión e regresou soa a querida terriña. Desenfocada, ausente, alma en pena. Deixou a Liam coa tribú. Deixou un cachiño de vida no Perú. Destetou ao seu anxo e fuxiu, novamente. Tocar terra en Madrid despois de 5 anos en terra dos incas, foi para ela como Regreso al Futuro, como caer nun ovni, como ver en 3D..

Sacudida enormemente pola separación do pequeno, entrou en bucle, intento de suicidio, terapia, máis pílulas, eloxios dos terapeutas. Oh! que grande e intelixente, gran sensibilidade, alma de poetisa. Merda consumida encapsulada. Así se sinte ela.

Merda pinchada cun pau. Toca empezar de novo. Aluga e arranxa un apartamento, consegue un traballo, ou tres, camiña a diario a carón do Miño, e a diario chora por Liam, e a diario consegue videochamalo e ser parte da súa crianza, nos moldes do século XXI, a distancia i por correo. Infinitamente real, infinitamente afogante. Infinitamente triste.

Consumese o fume do cigarro, consumeselle a alma, pasaron 4 anos, Liam segue coa tribu, ela mantén o seu fogar e as súas finanzas a duras penas, nunha cidade de caciques, lonxe da tribú. Nun entorno de postureo vomitivo, nunha especie de espiral de caléndulas, hedras e crisantemos.

O barullo desmedido non deixa que ela se perda, a xente de ben volve pouco a pouco, desconfiada pola certa loucura dela, atraída polo profundo sentimento de lealdade, e pola tranquilidade que emana cando está ben. A enfermidade non é doada, semanas de subida, semanas de baixada. 10 días de euforia, 15 de cama adentro, e 7 de equilibrio. Funciona así, en ciclos diverxentes. Pucos entenden, algúns se quedan pese a todo. O único permanente, a ansia por recuperar a Liam, as bágoas e o sentimento de valeiro.

Mudou ao cha verde con mel, e encaraba as noites cunha mistura de perplexidade e euforia. Durme soa. Soña cun futuro alentador perto do seu fillo. Loita e desesperase. Medicada, confundida, aterrada. Saiu do túnel da depresión. Non quere amantes, busca complicidade en quen lla ofrece, sen sobrepasar os límites da liberdade persoal.

Non foi Ourense, tampouco foi Bruselas ou Perú. Foi ela, eterna viaxeira, louca da vida. Fuxida desmedida Dade conta dos vosos actos, e sede consecuentes. Cando fuximos por dentro, un guerreiro pode saír lastimado.

Ela xa non o permite. Xa non fuxe, xa non berra. Dade conta da vosa propia loucura, que os nenos comprenden, que eles son guerreiros da nosa fuxida, nos rescatan dos infernos, nos trasladan ao circo da relaidade, póñennos en contra de nosoutras mesmas, e devólvennos aire para respirar e sonrrisas para regalar. Quedade loucos e loucas, que cando a nostalxia toca na porta do presente, de vernos sanos e enteiros, serán os nenos, os guerreiros, quenes pechen por dentro.

A Liam, o guerreiro. Con amor, mamá.
Ilustración Mar Ocampo

Catro erros e un gran final

Autora: Alba Reigada


Non vou entrar en quen mentiu máis ou menos, quen falou mellor, quen sacou máis fotiños ou papeis, ou libriños (sabemos quen, os enxeñosos memes de Rivera son brutais). No que si vou entrar é en que o debate de onte en TVE non representa a unha parte grande da sociedade española.

Catro homes, tres en traxe e gravata, un cuarto en camisa… Faltaba algo e sobraba todo. E só era a foto inicial.

O primeiro erro é que os candidatos á presidencia sigan sendo iso, candidatos, e non haxa ningunha candidata. O funcionamento interno dos partidos e as súas bases deberían comezar a canalizar o sentir dunha gran parte da sociedade, que si, pese a quen lle pese, é feminista. Enténdase feminista pola igualdade de dereitos entre mulleres e homes, é dicir, o seu significado real, non hai outro.

O segundo erro: que ata última hora estivese no aire que se fixese un debate na televisión pública cos candidatos dos catro partidos con máis representación no Parlamento. Foi lamentable. Por se o xornalismo non se usase o suficiente para intereses políticos, tamén era necesario faltarlle ao respecto á televisión pública, que quedase ben claro que usar a RTVE para fins electorais está xenial, pero para comunicar da un pouco igual. Iso, lamentable.

– Como lamentable foi o terceiro erro, aínda que este xa é vello coñecido. Un debate que non foi tal. Eran as dereitas contra Sánchez, e Iglesias falando só e recitando a Constitución. Nada máis.

Bueno, algo máis si. Cataluña e os indultos, e Torra, moito Torra.

– O que nos leva ao cuarto erro. A falta de respecto a todas as comunidades autónomas que non son Cataluña.

Non é cuestión de que se vaia «romper España», non. España xa está rota pola desigualdade. E non é que non o vexan. As máis de 50.000 persoas da manifestación da España vaciada deixárono ben claro o 31 de marzo en Madrid. Pero claro, esa xente só interesa para pedirlle o voto. Para falar en prime time no primeiro debate electoral antes do domingo, non gusta, non é tema que teña morbo, non vale para insultar ao adversario, nin para sacar fotiños. Para iso só vale Cataluña, e os indultos, e Torra.

E chegando ao final veu o mellor.

O peche de Xabier Fortes dicindo «coma sempre, moi boa noite» foi épico.

Agora que o penso, vai un erro por cada candidato…A calquera se lle quitan as ganas de votar.