Archivo de la categoría: Artigos históricos

THE FAMILY

O CLAN VALENCIANO QUE INSPIROU AO CREADOR DE “EL PADRINO»

Autor: David Sabucedo


 

“Coma moitas persoas facían cousas malas,
pero iso non os convertía en malvados”
(Mario Puzo)

En 1968, cumpridos xa os 48 anos, o escritor italo-americano Mario Puzo era un novelista que non deixaba de loitar para saír adiante. As súas dúas primeiras obras, The Dark Arena (1955) e The fortunate Pilgrim (1965), foran catalogadas coma clásicos e tiveran boa acollida mais non lle reportaran gran beneficio, apenas cinco mil dólares cos que non era capaz de manter a súa familia. Un ano despois a sorte mudoulle, a súa nova novela catapultaríao ao éxito e consagraríao tanto no eido da literatura coma do cine, aquela obra titulouna The Godfather, chamada en España, El Padrino.

mario-puzo
Mario Puzo

O «Literato da Mafia»

Seguro que se a calquera persoa pregúntanlle quen é Mario Puzo case ningunha sabería responder, mais se lle preguntan por El Padrino a maioría, aínda que non vira o filme, sabería de que lle están a falar. Esta inmortal saga de Coppola, baseada na súa novela, levou dous premios Oscar á mellor película (El Padrino e El Padrino II), e Puzo foi premiado con dous Oscar coma co-guionista das mesmas, foi nominado pola terceira parte pero desta vez non tivo fortuna.

oscar-a-mario-puzo
Mario Puzo posa co Oscar (Corbis Bettman)

As súas obras inspiradas no mundo da Hampa déronlle o sobrenome de “Literato da Mafia”, pero este era un mundo que lle espantaba. Súa compañeira Carol Gino dicía que non se parecía ás súas personaxes: “a lealdade, a bondade e a compaixón das súas personaxes eran un reflexo da súa propia personalidade, non o era a maldade, este derradeiro aspecto viña dos seus pesadelos non dos seus soños”. El mesmo dicía que a súas novelas eran unha versión romántica do mundo criminal.

Unha das paixóns de Puzo era a historia do Renacemento italiano. No ano 1983 realizou unha viaxe ao Vaticano, e quedou tan fascinado polo que viu que decidiu facer unha novela deste estado.

A primeira familia do crime

Mario cría que os Papas eran os primeiros Dons, é dicir, os primeiros xefes dos clanes mafiosos de Italia, e o máis importante de todos eles fora Alexandre VI, patriarca da familia Borgia.

O autor sentía gran fascinación por esta familia orixinaria de Valencia, tanto que as súas historias inspiráronlle para elaborar as súas novelas. Estaba convencido que foran a primeira familia criminal da historia.

Alexandre VI naceu en Xátiva no ano 1431 co nome de Rodrigo, era membro da familia Borja, que en século e medio deu a historia dous Papas e un santo: San Francisco de Borja e os pontífices Calixto III e o propio Alexandre.

rodrigo-borgia
Retrato de Alexandre VI.

Cando se trasladou a Roma o seu apelido foi italianizado coma Borgia. En 1492 é proclamado Papa, comezando unha carreira na procura de levar a súa familia ao cumio do poder político en Italia.

Pese a ser crego Rodrigo tivera catro fillos os que recoñecera e trasladara con el ó Vaticano: Juan, César, Lucrecia e Jofre, estes serán unha das principais ferramentas das que se valerá o pontífice para acadalos seus soños de poder. O exemplo máis claro dáse ca súa filla Lucrecia, que foi casada ata catro veces por mor dos pautos políticos que máis lle conviñan ao seu pai.

A cambiante política de alianzas dos Borgia valeulle a esta familia que seus inimigos crearan unhas serie de bulos que remataron dando vida á lenda negra que hoxe acompaña seu nome. En 1497 Alexandre racha o pauto de matrimonio entre Lucrecia e Giovanni Sforza de Milán, aos 16 anos a rapaza xa se divorciara dúas veces, o Papa acusou ao seu xenro de impotente e homosexual para invalidar o casamento. Isto fixo que os Sforza responderan a súa vez con outra acusación: segundo eles Rodrigo Borgia e seus fillos, Juan e César, mantiñan unha relación incestuosa con Lucrecia e obrigárona a separarse porque Rodrigo queríaa só para el. O certo é que o propio Pontífice non axudou a rematar cas faladurías da xente, xa que pouco despois do seu divorcio súa filla quedou embarazada e daba a luz a un neno, o que se coñeceu coma o Infante Romano; o pobo de Roma atribuíulle a paternidade a Alexandre, e este non só non o negou senón que contribuíu a alimentar máis o conto dicindo que ese neno era de seu fillo César.

A violencia non podía faltar no currículo deste clan. O veleno era unha arma moi empregada por eles, falábase do Veleno Borgia, un bebedizo letal cuxa receita era unha creación familiar gardada con gran segredo. Neste eido o membro que máis destacou foi César, o bautizo de sangue desta personaxe seica foi a morte de seu irmán Juan, que en 1498 aparece acoitelado no río Tíber; outro familiar que sufriu as iras do Duque Valentinois (título co que se lle coñecía) foi seu novo cuñado Afonso de Aragón, a penas un ano despois de que casara ca irmá de César, este ordénalles a uns sicarios que o apuñalen ata a morte. César, pese a ser unha persoa celosa e envexosa, era un gran xeneral, coma capitán dos exércitos pontificios realizou exitosas campañas militares en Italia. Este triunfos fixeron que Maquiavelo se inspirase nel para escribir O Príncipe.

O propio final deste clan non podía ser outro que violento. En 1503 tras acudir a unha cea con outros cardeais o Papa caeu enfermo e morreu. César, que tamén fóra, enfermou pero deuse recuperado. Coma os modernos Boss ou Dons da mafia o seu reinado foi corto pero intenso, e coma unha especie de xustiza poética foi o veleno, súa arma favorita, o que lle puxo fin.

Uns vellos compañeiros de viaxe.

Para Mario Puzo estas historias eran ouro e fonte de inspiración. El e a súa compañeira, Carol Gino, comentaban xuntos as aventuras desta familia, incluso o escritor chegou a recrear algunha delas e adaptounas ás súas novelas. El tiña a súa propia opinión dos membros do clan: Lucrecia era unha boa rapaza; César era un patriota que quería ser un heroe; e Alexandre un pai compracente, un home de familia.

mario-puzo_carol-gino
Mario Puzo e súa comapañeira Carol Gino.

Cando sufriu un infarto en 1992 retirouse a Malibú, alí recuperouse escribindo sobre os Borgia. Ese libro foi o proxecto da súa vida pero sempre o aprazaba, xa que dicía que non quería desprenderse daqueles personaxes. Un bo amigo del, o historiador Bert Fields, que o tiña asesorado sobre o Renacemento sempre que o vía preguntáballe sobre a novela: “Cando vas publicalo libro dos Borgia?”

Nos seus derradeiros anos de vida ofrecéronlle axudarlle a rematalo libro, mais el non quería axuda de ninguén. Poucos días antes de morrer diante da súa moza, Carol, sacou un feixe de folios amarelos do derradeiro caixón de seu escritorio, ela pensou que eran apuntamentos da súa última novela, Omertà, recentemente publicada, pero aquelo era o traballo dos Borgia, a paixón de toda unha vida. El deullos e fíxolle prometer que remataría o libro, xa que despois do que lle tiña axudado ela sabía tanto dos Borgia coma el mesmo. En 2001, dous anos despois da morte de Puzo, saía a luz The Family, a historia da primeira familia criminal, os Borgia.

Para saber máis:

Mario Puzo, Los Borgia. Ed. Planeta, Barcelona 2006

A orixe do Samaín

Autora: Nuria Sánchez Álvarez


 

“Érase una vez hace mucho tiempo, seguro que en sueños habréis visto el lugar, pues esta historia terrible que os voy a contar, sucedió cuando el mundo era antiguo. Seguro que os habéis preguntado: ¿las fiestas de dónde vinieron? Si no, ahora vais a saber lo que fueron…”

Non é raro que aínda me lembre destas soadas frases pertencentes ó prólogo da película “Pesadelo antes de Nadal”, do que o xenial Tim Burton é responsable, e que alá cando era eu pequena me endosaran como unha “película infantil”. A verdade é que á miña prima non lle deixaran vela, e iso que contaba a mesma idade ca min, aludindo a que logo tería pesadelos (lóxico pensar iso, tendo en conta o título do filme). Pero eu vina, pois o certo é que a min sempre me gustaron esas cousas: os esqueletos, os cemiterios… Cecáis había algo de romántico en todo iso…

THE NIGHTMARE BEFORE CHRISTMAS 3D
Imaxe do filme Pesadelo antes do Nadal.

En fin, en dito filme o amigo Tim tentaba ofertar unha entretida explicación a dúas das festas máis recoñecidas do noso mundo occidental: Halloween e o Nadal. Ben, a repercusión global do Nadal é algo que non ten parangón, dende logo; pero mentiría se dixera que Norte América ten Halloween como un dos seus maiores orgullos patrios. Algúns europeos van rir… pero máis me vou rir eu vendo como moitos deses europeos están volvendo a recuperar unha festa que xa era deles cos cambios que os norteamericanos operaron nela. Ah! Que pasa? Non sabiades que Halloween era de orixe europea? Bueno, agardo que o final deste artigo non só teñades aprendido un pouco máis acerca de por que festexades o que festexades, senón tamén que, tanto en orixe coma en repercusión, Halloween pode ser algo que naceu, que vive e que pervive porque é patrimonio humano da cultura da nosa especie. Pode ser que incluso unha das mellores representacións de Halloween se leve a cabo aquí, en Galicia… Queredes saber de que estou a falar? Pois…

“Ahora vais a saber lo que fueron…”

Saberedes que un dos elementos máis representativos de Halloween é a cabaza, verdade? Ou a chamaba “Lanterna de Jack”, ou “Jack ‘o Lantern” que é a pronunciación anglosaxoa de “Jack of the Lantern” ou “Jack o da lanterna”… en fin, todo ven a querer dicir o mesmo. A cuestión é que esta nomenclatura ven de Irlanda, de onde é orixinaria a lenda de Jack. Que ou quen carallo é Jack? Cóntovolo: Jack era un home que vivía, imaxinádevos, nun dos pobos granxeiros da Irlanda profunda, e do que ó parecer a característica más notoria era que o tipo era malo, moi malo. Tanto, que era máis astuto que o mesmísimo diaño, e cando un día se atopou casualmente con el, foi quen de enganalo para que lle prometese non levarse a súa alma cando morrera. As versións difiren: unhas contan que estaban a beber xuntos nunha desas tavern típicas irlandesas, e para evitar pagar ó taberneiro, Jack convenceu o diaño para se converter en moeda e pagarlle con ela, pero cando o fixo, Jack rapidamente o pechou dentro da súa carteira. Outras versións din que o convenceu para subir a unha árbore e que logo trazou unha cruz no seu tronco, sendo este o símbolo de Deus, impedindo así o diaño baixar. O caso é que finalmente Jack morre, pero non sendo aceptado no Ceo, tampouco puido ir ó Inferno, así que non lle quedou outra que comezar a vagar pola terra polo resto da eternidade. Pero a lenda non estaría completa sen a lanterna, pois parece necesario que as fantasmas vaguen só pola noite, así que Jack necesitaba una luz que o guiase na escuridade polos camiños dos vivos. Foi o mesmo diaño o que lle deu unha brasa ardente do Inferno e Jack a meteu nun nabo, que era a hortaliza de temporada por aquel entón na Irlanda.

jack-el-linterna
Cabaza de Halloween.

Unha hortaliza pode ligamos a orixinal festa de Samaín celebrada en Irlanda co Halloween dos Estados Unidos, porque este país debe unha boa parte da súa herdanza demográfica o incrible fenómeno migratorio irlandés que tivo lugar no século XIX e que levou a moitos irlandeses a América fuxindo da fame e levando consigo as súas tradicións. Iso si, tiveron que cambiar nabos por cabazas, que era a hortaliza nacional de temporada. Pero, agarda, diredes, que é o Samaín? E que teñen que ver as hortalizas co culto os mortos? Pois moito.
Coméntovos: tanto as cabazas coma os nabos eran as hortalizas, xunto con outras, representativas da temporada de outono, xuntamente cando remataba a colleita. Non é fai moito cando a xente e as súas vidas dependían directamente do traballo e do produto da terra. Entón, os días comezaban a seren fríos e curtos, e as persoas tiñan a presa de se ir meter o colleito das súas casas, ao refuxio do lar. Tamén era tempo de almacenar todo o recollido e conservalo para o inverno, e de xuntarse ao calor do lume e comer potaxes ricos en graxa animal, contándose historias para pasalas largas horas mortas de escuridade e para espantar o silencio. Isto é algo que probablemente vos soe familiar a algún de vós… Pero antes de entrarmos en nostalxia e patriotismos, uns poucos datos históricos: a vinculación desta data da fin da colleita co culto aos mortos parece estar rexida pola festividade cristiá do “Día de Tódolos Santos”, pero a verdade é que esta festividade, pese a ser unha das máis importantes, non fai referencia a ningún acontecemento ou persoeiro concreto das historias dos santos cristiáns, aínda que hai que ter en conta que foi instaurada, como tantas outras cousas, despois de ser institucionalizado o cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano. E os romanos si tiñan unha festa específica para renderlle culto os seus mortos, eran chamadas as Parentalia, pero caían en febreiro… Logo, por que non situar o Día de Tódolos Santos tamén en febreiro? Ben, non hai que esquecer a enorme labor de sincretismo que o Cristianismo se veu na obriga de levar a cabo para converter aos pobos pagáns do resto de Europa, especialmente a aqueles chamados “celtas”, e que nunca formaron parte do Imperio (non polo menos de forma inclusiva). Os celtas deixaban trazos da súa cultura de maneira moito máis forte na costa occidental do continente, de Irlanda ata Galicia, pasando coma non por Francia. E os celtas computaban o tempo co seu propio calendario. Para eles, as estacións eran basicamente dúas: a da luz e a da escuridade, e marcaban os días entre os nosos outubro e novembro como o fin da estación luminosa e o comezo da estación escura. Chamábanlle a esta data o Samaín.
Ben. Sei que non quedou precisamente claro. Sei que moitos de vós seguiredes a pensar que que ten que ver o Samaín celta coas cabazas. Pero agora deixádeme que vos conte outra historia: a da Santa Compaña.

Como moitos posiblemente saibades, a Santa Compaña era unha lenda da que falaban os nosos avós e que sempre trataba do mesmo: alguén (ou eles mesmos) presenciando unha noite desapacible e probablemente estando cando e onde non tiñan que estar, ven pasar unha procesión (atención á asimilación cristiá) de persoas mortas que portan candeas ou inclusive ósos acesos. O que ocorre no encontro entre os mortos e o vivo soe ser que o morto acáballe vaticinando a morte de alguén, se é que non é o mesmo que se atopa coa Santa Compaña o que acaba agarrando un dos ósos prendidos e comeza a marchar con eles.
Arrepiante onde os haxa, os contos da Santa Compaña seguen a ser algo moi de Galicia. Non podemos negar que, dalgunha forma, esa retranca e ese humor negro do que facemos patria, esas palabras made in Galicia como meiga e morriña, probablemente teñan algo que ver cunha forte conexión co mundo dos mortos. Pero deixádeme, por un momento, que vos rompa o romanticismo, e por fortuna descubriredes, o importante que teñen as hortalizas de temporada: non fai moito que Galicia se recoñecía como unha das zonas más ruralizadas, atrasadas e pobres de España, un lugar onde, incluso pola súa xeografía, non chegaba a luz eléctrica, os transportes ou mesmo a educación. Todo isto favorecía a escuridade, en tódalas súas connotacións. Pero, sobre todo e por desgraza, favorecía á morte. Hoxe non é así, pero daquelas (no tempo dos avós e dos celtas) a morte era algo bastante frecuente. Así que, para evitala, as xentiñas procuraban gardar a súa colleita para o inverno, pechaban logo portas e ventás e prendían o lume do fogar. E arredor dese lume contábanse historias… Historias para escorrentar a fame, historias para escorrentar o medo, historias para escorrentar a morte. Por iso se poñen cabazas con candeas acesas no seu interior na porta das casas esa noite: para escorrentar as fantasmas coma Jack… Ou non?

santa
Santa Compaña.

Tódalas festividades que o longo do noso planeta, tradicionalmente ao redor do mundo se dedican aos mortos, son accións de honra e de recordo, de amor e de nostalxia. Non sei onde ouvín algunha vez que as lanternas eran para guiar os espíritos dos seres queridos de volta a casa, que a noite de Samaín, a noite de Mortos, era un día para volver a desfrutar da presencia dos que se foron. Si hai algo de galego niso. Como hai algo de pracer no pranto, e ten que haber algo de luz na escuridade. Cecáis as pantasmas non sexan outra cousa que a materialización do medo que os vivos temos á morte.

Pode que sexa o residuo das conexións físicas que mantivemos con eles cando estaban vivos, ou a nosa propia conexión co noso destino inevitable, o que crea as pantasmas. E pode ser que Jack, ese malvado e pendello o que non quixeron en ningures, inspire terror e desconfianza a algúns, pero o que sabemos sen dúbida é que este é un mundo escuro e frío ás veces, e que calquera pódese perder nel. Así que por iso imos seguir acendendo luces.

 

Tamén te pode interesar:

Aqueles vellos arrepíos I

Aqueles vellos arrepíos II