AQUELES VELLOS ARREPIOS I

“Fai séculos que a Razón gañoulle a batalla á Superstición.
Pode que o resultado non fixese que o mundo mudara a mellor.
Pero polo menos podemos saír da casa pola noite sen temer á escuridade.”

Din que fai moito tempo, cando a humanidade comezaba a andar polo mundo, as nais preocupadas polas saídas nocturnas dos fillos contábanlle a estes que na escuridade andaban os monstros e era perigoso saír. Esa crenza fixo que os rapaces pasaran as noites aterrados e non foran capaces de por un pé fora do lar o marchar o sol. Arrepentidas do que fixeran, as mesmas nais fixeron amuletos e dixéronlle ós atemorizados cativos que eses obxectos protexeríanos contra todo mal. Así naceron as lendas dos noso folclore.

Agora quero que fagades comigo unha viaxe, a non tan atrás no tempo. A eses anos nos que non había televisión. A ese época na que a luz eléctrica aínda non “matara” a Santa Compaña. Imaxinade un día coma este do mes de novembro. Fora xa é noite, os días cada vez son máis curtos, cada vez a luz dura menos e a escuridade invade o mundo durante longas horas. As familias reúnense a carón do lume da lareira, o máis preto posible para tentar combatelo frío. As lapas danzan sobre a lousa, e o crepitar do fogo acompaña as verbas do avó, que comeza a contar, con voz pausada, unha historia que sucedeu fai moito nalgures. Mentres o vello narra eses feitos os máis cativos da casa miran polo xanela, salpicada polas pingadas da fría choiva. Co maxín enchoupado polas arrepiantes historias, cren ver nos montes que rodean a vivenda os monstros das lendas do avó; eses espantos que os espreitan cando dormen, e queren levalos con eles fóra, a escuridade da noite:

O fío vermello

Foi un día de outono, xa no serán. Un matrimonio viña de carretar. Carretaban outonizo, e cargaran o carro, e volvían á casa. Xa se facía noite. E a muller ía vestida cunha chambra vermella. Cunha chambra ou cunha camisa, non sei ben, non o lembro. Pero vermella, iso si, vermella. Volvían os dous pola congostra e o home dixo que esquecera a galleta (forcado de dous gallos) e que volvía buscala. Xa era case noite, a muller tiña medo e pediulle que deixase a galleta, que a acompañase, que tiña medo do lobo da xente, soa polos camiños, que xa volvería pola galleta outro día. O home non a oíu e díxolle: -Se ven o lobo da xente espétalle a túa galleta-.

ilustracion-do-romance-de-cego-o-lobo-da-xente
Ilustración do romance popular O Lobo da Xente.

A pouco de marchar o home, aparecéuselle o lobo da xente e botouse a ela. Roeuna nun brazo, e arrincoulle parte da camisa, da camisa vermella. Viu como levaba nos dentes un fío, entre dente e dente. Ela, para se defender, espetoulle a aguillada con forza. Espetoulla nas costas, e o lobo fuxiu. Chegou a muller á casa. E, de seguida, volveu o home e a muller contoulle o que lle pasara. O home dixo: -Non creo que volva nunca!- e, ao dicilo, viu a muller que entre os dentes lle colgaba un fío vermello.

A meiga chuchona.

Había en San Xulián de Sergude unha muller á que habíanlle morto tódolos fillos, e a derradeira nena que tivera levaba o mesmo camiño.

-Ten que ser cousa dunha aolladora ou dunha meiga chuchona- comentou a nai da muller, unha anciá que, como tal, sabía deses misterios da vida que vanse coñecendo cos anos.

Un sábado pola noite colleron na braña tres xuncos, cortáronos cunhas tesoiras á mesma altura e marcáronos: un, o da envexa; outro, o do enganido; e o terceiro, o da bruxa zugona. O domingo pola maña comprobaron que o xunco que secara era o correspondente á chuchona.

-Non cho dicía eu?-exclamou a nai- Ves coma é cousa da bruxería?

-E que podemos facer? Quen será a bruxa?

-Xa o saberemos. De momento hai que pórlle á nena unha castaña de indias, un dente de allo e unha ramiña de herba de San Xoán. E non a deixes soa, porque pola noite vai vir o seu berce unha mosca negra, enorme. Esa é a meiga chuchona que ven a zugárllelo sangue á nena. Conxúrala dicindo: “San Silvestre, meigas fóra”, e dálle ao mesmo tempo cunha ramiña de loureiro, aínda que sería mellor de abeleira pero non a temos. Dálle sen piedade, que anque a mates non se perde nada.

mucho-hay-que-chupar-representacion-de-bruxas-d-goya
As “Meigas chuchonas” de Goya.

A muller e seu marido esperaron sen deitarse ao carón do berce. Xusto á medianoite viron chegar unha mosca grande e moi negra. Mentres a muller pronunciaba o conxuro, o marido zurroulle á mosca ca poliña de loureiro.

Ao día seguinte apareceu morta na súa cama unha vella de Tabeiao. Era a meiga chuchona que ía chuchárllelo sangue aos pequenos! E a partires de entón a nena púxose boa.

A Compaña

Un señor dixo a súa criada:
-Mañá tes que ir á cidade a mercar varias cousas; mais, como é lonxe i é día de misa, ten coidado de madrugar para oír a do alba na parroquia veciña.

A serventa espertou, moi andada a noite, e abrindo a xanela, viu gran claridade.
-Como me venceu o sono!-murmurou.

Vestiuse axiña, e votou a andar. Pero, a medida que adiantaba, íase convencendo de que aquela claridade non era do día, senón da lúa, que, sen nubes e en tódala súa plenitude, semellaba rivalizar co sol.

-Que medo!-exclamou-. E se volvo atrás, andarei dúas veces o camiño.

Seguiu, pois, ata chegar á igrexa; sorprendeuse de achala aberta, e dixo para si:
-Boa sorte me acompaña, pois chego cando vai comezar.

Entrou, e a sorpresa foi maior ao observar moita xente reunida, mais a xente non lle parecían daquela terra, senón seres estraños e descoñecidos.

-Meu Deus! Onde estou! Que xente é esta?-tatexou chea de terror.

Murmuraban ou rezaban en voz baixa, cun rumor semellante ao que causa nas follas das árbores o vento polas noites. Tiñan nas mans fachos de luz fosfórica, que axiña poido comprender que non eran outras cousas ca ósos humanos.

a-compana-dos-mortos
A Compaña dos mortos.

A pobre rapaza comezou a tremer, e notándoo unha anciá compasiva, achegouse a ela e díxolle:

-Que buscas, malpocada?
-Veño oíla misa da alba.
-A alba aínda está lonxe. Esta é a compaña ou procesión dos mortos. Se queres escapar con vida, ten conta de saír, antes de que vexas pórse en movemento estas pantasmas, e o atravesala porta do templo, deixa caer ao chan a mantilla.

Fíxoo así a criada; deuse presa en saír, despois que viu que empezaban a moverse aquelas visións, e o chegar á porta, desprendeuse da mantilla e deixouna caer.

Posuída de espanto, non se atreveu a continuala súa viaxe, e volveuse precipitadamente á casa do amo. Caeu enferma do susto e morreu aos tres días. Súa mantilla foi atopada no atrio toda mallada e despezada; as pantasmas descargaran nela a súa rabia, non podendo exercitala en quen a traía.

Redacción e tradución: David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

-Xosé Miranda e Antonio Reigosa, Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror. Ed. Xerais 2004.
(O fío vermello).

-Xosé Ramón Mariño Ferro, Leyendas, mitos y creencias de Galicia. Ed. El Lago. 2008
(La meiga chuchona).

-Xoán Antonio Saco i Arce, Literatura popular de Galicia. Ed. Deputación Provincial de Ourense 1987.
(La Compaña).

Galicia Encantada: mitos, contos e lendas galegas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s