Autor: David Sabucedo Cardero
Imaxinade por un intre que estamos nunha casa da cidade da Coruña na década dos 50. Na cidade herculina atopábase Jorge, un cativo estadounidense con raíces galegas que estaba de visita na casa familiar. Unha das cousas que máis lle gustaban ó rapaz era escoitar as lendas de pantasmas que lle contaban súas tías coruñesas. Aquela noite, trala cea, súa tía Pura contoulle a seguinte historia:
“De nena a nosa casa quedaba preto do monte. Pola noite, moi tarde, ás doce, vía eu por alá enriba unha ringleira de luces.
-Pai-dicíalle eu ó meu pai-, cantas luces van por alá enriba!
-Cala, miña filla, cala, que é a Compaña. Son as ánimas que andan en pena polo mundo.”
(Leyendas, mitos y creencias de Galicia)
Logo volveremos con Jorge e súa tía pero antes falemos do tema sobre o que trata a lenda anteriormente narrada, a Santa Compaña.
As da Noite: “Andad de día que la noche es mía”
Pouco ten de Santa este grupo de ánimas en pena, o certo é que na tradición popular nunca se lle deu tal nome, xa que foi este unha invención erudita do século XX: Compaña, Hoste, Estantiga, Estadea, As da Noite, Compañía, etc. eran as máis comúns formas polas que o pobo denominaba a esta procesión de mortos que busca seu lugar no Alén.

A Compaña é de ámbito parroquial, é dicir, a parroquia e os seus camiños é o lugar polo que vagan estas animas do purgatorio. Pódese dicir que existe unha parroquia de mortos e outra de vivos, nesta os defuntos fan de mensaxeiros para os vivos, sinalando a que veciño veñen recoller. Non só aparecen en procesión, ás veces os mortos celebran misas polas noites, Misas de Ánimas, nas que sempre precisan un vivo para que axude o defunto sacerdote cos oficios; ánimas soas que teñen que emendar unha mala acción realizada en vida (o movemento dos marcos da terra é a máis común); ou esqueletos que convidan ós vivos a banquetes no alén emulando a historia de don Juan Tenorio.
Dependendo da lenda a Estantiga sae tódalas noites ou algunhas especiais; sae toda a noite ou só unhas horas, o horario laboral das pantasmas deu lugar a ditos coma: “entre as doce e unha anda a mala fortuna”, “entre as nove e as dez deixa a noite para quen é” ou “andad de día que la noche es mía” (este último é da veciña Asturias). Como mínimo ten que estar composta por cinco membros que camiñan en dúas ringleiras seguindo os sucos que as rodas dos carros deixaron nas corredoiras; estas van vestidas cun sudario branco e os pés descalzos; nas mans portan unha luz, xa sexa unha candea ou un óso prendido, tamén portan un caldeiro, unha campá, un estandarte, unha cruz e un peto de ánimas (o encargado do peto é un coxo). O portador da cruz é un vivo que esta escravizado polos defuntos, este nunca pode mirar atrás, ten acudir tódalas noites estea onde estea e garda silencio sobre as súas actividades nocturnas; o coitado mirra fisicamente, perde peso e a cor da faciana, quedando pálido coma os mortos que acompaña, tal tristura e malestar sente que en ocasións cústalle a vida, a única forma de librarse da súa cruz e pasarlla a outro. En ocasións na Hoste vai unha figura alta e moi fraca, que ten cara de esqueleto, ela é a Estadea, quen en verdade dirixe a procesión e que en ocasións chega a darlle nome, disque esta pantasma é o defunto máis antigo da parroquia.

Non todo o mundo é capaz de velas animas, as lendas contan casos de dúas persoas que están xuntas e un pode velas e o outro non, aínda así existen formas de protexerse desta aparición e que todo o mundo pode usar. En primeiro lugar hai sinais da proximidade da compaña: zoar do vento, cheiro a cera, ouvir unha campaíña soar, etc. As formas de protexerse son múltiples: debuxar un círculo no chan cunha cruz no medio, cruzarse de brazos para evitar que che dean a cruz, deitarse no chan cos brazos estendidos (este método ten seu risco xa que os mortos poden pasarte por riba esmagándote). Unha práctica que aínda a día de hoxe faise en case tódalas casas do país é colocar a poliña bendita no Día de Ramos na porta da casa, símbolo que serve para espantar todo mal que tenta entrar nas nosas vivendas, sendo este un dos derradeiros restos dun mundo a piques de desaparecer.
O creador dun Monstro Pop
No ano 1968 Jorge dende New York telefonou a súa tía Pura na Coruña, quería pedirlle un favor: precisaba cartos para poder levar a cabo un proxecto que levaba tempo argallando, unha película de terror cunha trama nunca antes vista, onde unha nova criatura converteríase no pesadelo do público. Os argumentos que lle deu deberon ser moi convincentes xa que Pura Romero accedeu a financiar parte do filme do seu sobriño, A Noite dos Mortos Viventes (Night of the living dead).

Jorge Alejandro Romero naceu en New York en 1940, súa familia paterna era orixinaria de Galicia, mais seu avó xa emigrara a Cuba sendo mozo e seu pai, que nacera na Coruña, trasladárase a EEUU antes do nacemento de Jorge, máis coñecido coma George A. Romero.
Romero pasará a historia do cine por ser o creador dun Mostro Pop, o zombi. Un ser cuxa creación tivo coma punto de partida as historia do folclore galego que súas tías contábanlle de cativo, coma o propio cineasta recoñecería anos despois. Coñecer a relación entre o primeira película deste xénero e Galicia debémoslla a un autor que tamén acadou a fama a nivel mundial grazas á criatura de Romero, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, cuxa obra Apocalpisis Z foi best seller en EEUU. Para Loureiro son varias as influencias que ten este monstro xa que bebería da tradición haitiana (de onde é orixinaria a verba zombi) e de raíces galegas e xudeas, o golem da tradición hebrea medieval sería o antecedente do zombi creado polo home e que comparte co morto vivinte un único punto feble na testa.

O filme Night of the living dead sería todo un éxito xa que custou 144000 dólares e recadou 42 millóns (a tía Pura amortizou con creces a inversión), converténdose na rocha nai da que nacería todo un xénero que hoxe está en pleno apoxeo con series, películas, novelas, cómics, etc. que arrastran lexións e lexións de seguidores e que teñen coma epicentro o arquetipo cultural creado por Romero.
A culpa non só é de Fenosa
Hai unha historia moi coñecida que é a dun antropólogo que vai a unha aldea de Galicia onde lle pregunta a unha señoriña: “Cando deixou vostede de crer na Santa Compaña?”, e ela respóndelle: “Hai fillo, pois cando chegou a luz”, aquí a verba “luz” podería ter un dobre sentido, a chegada da razón ou da electricidade.
Na nosa época están a desaparecer os antigos mitos. Os vellos xa non lle transmiten ós cativos as historias e lendas dos seus devanceiros, coma facía Pura co seu sobriño, en parte polo taboo co que a sociedade moderna marcou este tipo de crenzas e que fixo que a moitos dos nosos maiores déralle vergoña falar deles; o avance tecnolóxico tamén trouxo novas formas de lecer ás familias, onde seus membros (polo menos os máis novos) prefiren matalas noites cunha maratón de The Walking Dead que cas historias do avó de trasnos, demos e aparecidos.
Tamén che pode interesar: