Archivo de la categoría: Artigos históricos

AQUÍ NACEU PORTUGAL

“Era el año 1128. Oficialmente las dos Galicias se separaban.”

Victoria Armesto, Galicia Feudal.

No corazón da rexión Norte de Portugal atópase a cidade de Guimaraes, tradicionalmente coñecida coma o Berce de Portugal. Este alcume venlle da capital importancia dos feitos que nela ocorreron e que foron claves para o nacemento do país, sucesos que están moi fortemente vencellados a Galicia e que mudarían para sempre a historia de ámbolos dous territorios. Coñezamos estes sucesos a través dun pequeno paseo pola urbe e a súa historia.

A propia toponimia da cidade ten que ver con Galicia, para coñecer de onde ven o nome de Guimaraes temos que viaxar moi atrás no tempo, a esa época que coñecemos por Reconquista: No século IX o caudillo galaico Vimara Pérez emprendeu a conquista e colonización das terras ao norte do río Douro, tomando a cidade do Porto; ao rematar a campaña creou o Primeiro Condado de Portugal, do que el e seus descendentes serían señores ata o século XI, cando o rei García de Galicia venceu ó derradeiro conde da liñaxe e integrou o condado no seu reino. Diredes vale xa sabemos como se fundo o condado portucalense pero, que ten que ver isto co nome da cidade? Pois todo, xa que Vimara Pérez fundou unha nova poboación no seu señorío e púxolle seu nome, Vimaraes, que co paso do tempo evolucionou en Guimaraes.

Vimara Pérez
Estatua de Vimara Pérez en O Porto.

Ó pasear polas rúas da Cidade Histórica (Patrimonio da Humanidade dende 2001) podemos admirar os fermosos edificios de épocas e estilos dispares no tempo, que van dende estreitas canellas medievais a pazos barrocos, ou edificios decimonónicos, construídos seguindo as técnicas tradicionais portuguesas. Se vos fixades nos balcóns poderedes ver en varios unha bandeira cunha cruz azul sobre fondo branco, o emblema do condado portucalense, o que é un claro exemplo da conciencia histórica dos habitantes da cidade, hoxe en día a bandeira condal comparte espazo ca bandeira nacional portuguesa por mor da celebración do campionato europeo de fútbol.

Balcons de Guimaraes
Balcóns da praza de Santiago ca bandeira do Condado.

Se tomamos camiño ao Pazo dos Duques de Bragança veremos os restos da muralla construída no século XIII polo rei don Denís (un dos grandes trobeiros galaico-portugueses) e chegaremos a praza de Muniadona Díaz, onde se atopa unha estatua da mesma muller. Esta señora foi unha personaxe moi importante do medievo de Guimaraes aló polo século X, xa que mandou edificar algúns dos edificios máis representativos coma son o Mosteiro de San Mamede (que actuou coma reclamo para a chegada masiva de xente á nova cidade) ou o castelo que, xunto co pazo ducal, é o monumento máis coñecido do lugar. Díaz foi muller do galego Hermenexildo Sánchez, o cal chegou a ser conde de Portugal.

Unha vez chegados a este punto temos que continuar ata o Pazo dos Duque de Bragança, a carón do cal está o castelo. Ante a entrada principal ao pazo está a estatua de Afonso Enríquez, o primeiro rei de Portugal. Ata o de agora conteivos algunhas curiosidades da cidade que en maior ou menor medida enlazan con nós, pero a historia do nacemento de Portugal é a que ten que ver con este home. Coñezamos como sucedeu:

Afonso Enríquez
Estatua de Afonso Enríquez (Guimaraes)

Aló polos anos vinte do século XII a condesa Teresa gobernaba o condado de Portugal (restaurado había uns anos), o territorio por aquel entón ía dende o Miño a Coimbra, e incluía Tui e Ourense. Esta muller era irmá da raíña Urraca de León e din as crónicas da época que sentía unha gran carraxe e envexa por ela. En segredo Teresa chamábase Rainha, e rexía seu territorio de maneira semi-independente. Estivera casada co conde Enrique de Borgoña, co que tivo dous fillo, Afonso e Urraca. Tras enviuvar viaxou a Compostela e namorouse dun fillo do Conde de Traba (o nobre máis grande de Galicia), Fernando Pérez, co que comezou unha relación amorosa, por aquelas ela tiña 32 anos e el 25. Isto foi un gran escándalo, xa que Fernando repudiou a súa muller e foise a Portugal, onde vivía con Teresa sen estar casados; foi tal a que se liou que din que o bispo de Viseu chegou a rifarlles en pleno sermón da misa polo gran pecado que cometían. Pese a todo a relación entre ámbolos dous continuou, e dela naceron varios fillos. No seu novo fogar portugués e apoiados pola Rainha, os Traba fixéronse co control do condado: Fernando foi nomeado gobernador de O Porto e Coimbra e actuaba coma o conde de facto; e seu irmán Vermudo era gobernador de Viseu (este casara ca filla de Teresa).

Fernando de Traba, Urraca de León e Teresa de Portugal
Fernado de Traba, Urraca de León e Teresa de Portugal.

 O excesivo poder do clan galego en Portugal molestou á aristocracia local, sobre todo ao arcebispo de Braga, o cal pensaba que estas estreitas relacións da Rainha cos galegos podía facer perder a súa sé ser a cabeza eclesiástica de Galicia en favor da Compostela de Xelmírez (aliado dos Traba). O arcebispo valéndose da axuda da fidalguía do sur do país, rebelouse contra Teresa e Fernando, co pretexto de defender o dereito ao goberno de Portugal do fillo desta, Afonso Enríquez. Os rebeldes fixeron de Guimaraes a súa base, polo que ata alí desprazáronse Teresa e os Traba para rematar co levantamento. O 24 de xuño de 1128 os dous bandos enfrontáronse no campo de San Mamede, preto da cidade, batalla da que saíu vitorioso Afonso Enríquez. Os dous amantes foron capturados e Traba foi expulsado do territorio portugués, mais levou con el a Teresa. Afonso foi nomeado conde e anos despois sería proclamado rei de Portugal.

Xa volvendo ao presente cada día de San Xoán se conmemora a batalla de San Mamede en Guimaraes, nunha festa medieval na que se recrean os feitos. A batalla é considerada pola historiografía  tradicional portuguesa coma unha guerra de independencia contra os reis de León, polo que este feito será tomado coma o inicio da historia do país coma entidade independente.

Agora xa sabedes porque os veciños de Guimares puxeron cheos de orgullo esta frase nos restos da vella muralla: “AQUI NASCEU PORTUGAL”.

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

-Armesto, Victoria. GALICIA FEUDAL, Ed. Galaxia, A Coruña 1994.

-.Conta-me História: Fundação de Portugal. (En portugués).

25 De Xullo «Dia da Patria Galega»

Para comprender o dia da Patria Galega como feito histórico e considerar esta actividade no eido do galeguismo  temos que valorar a plausible intervención das Irmandades da Fala logo da desaparición no 1912 da organización de corte rexionalista Solidaridad Gallega como punto de inflexión para a eclosión xa en termos políticos  e prácticos  do Nacionalismo galego e a súa andaina dialéctica; no térreo, primeiro da cultura e logo da política coa aparición do Partido Galeguista impulsado por Alexandre Bóveda. O galeguismo  vai a evolucionar de Rexionalismo a Nacionalismo cara o  ano 1916 coa  creación da “Irmandade de amigos da fala” da  Coruña , unha iniciativa de orde cultural que logo  espallaríase  pólas demais vilas galegas creando así numerosos puntos de difusión e reivindicación do movemento nacionalista. O periódico A nosa Terra será o difusor de ámbalas dúas organizacións e do galeguismo propiamente dito e coincidindo a  primeira publicación da súa segunda etapa co nacemento das Irmandades da Fala.

010xuntanza_if_monforte_269
IV Asamblea das Irmandandades da Fala , entre os asistentes Castelao , Antón e Ramón Vilar Ponte.

 Antón Vilar Ponte convértese  no seu máximo expoñente  e Vicente Risco será un dos ideólogos máis influintes dentro da Irmandade e na cal o  manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo que sería elaborado o 18 de novembro do 1918,  potenciará o xermen  ideolóxico nacionalista de verbo crescente e romántico cara as reivincacións de maior autonomía para Galicia , reivindicación de dereitos para o campesiñado e a definición dunha política librecambista defendida polo propio Vilar Ponte e a irmandade da Coruña en contra de aranceis e demáis barreiras económicas que impedían o desenrolo natural da nosa terra en aras do crecemento. Neste punto xa aparecen as distensións dentro das Irmandades aínda que tamén o érmolo de definicións e estudos de clara lucidez intelectual na procura de vías para a expansión do pensamento galeguista  dende as perspectivas conservadoras e progresistas.

Comézase logo a atisbar a creación dun órgano político activo que reivindica a consolidación na práctica dos intereses nacionais galegos. As Irmandades serán  un fervedoiro dialéctico entre as posturas que defenden tanto o sector tradicional-católico, liderado por Vicente Risco e as posturas adoptadas polos demócratas e republicanos de índole electoralista e que logo anunciaría Castelao elaborando os principios de nacionalismo , republicanismo e federalismo como a proposta necesaria para a Galiza dentro das democracias europeas de principios de século . A idea de Risco alimentada polo  antiliberalismo de Brañas e a fundamentación céltica de Murguía oporase a creación dun aparello político nacionalista e na proclama e  idealización da vida rural e agraria defendida polo grupo ourensán Nós, atopándose de fronte coa resposta ideolóxica de Vilar Ponte e o grupo coruñés de tendencia Laica e democrática.

risco
Vicente Risco

Pois ben, ademáis dos debates dialécticos en canto a postura adoptada pola Irmandade tamén houbo acordos e desacordos relacionados coa data proposta para a celebración do Dia da Patria,  as Irmandades da Fala propuxeron establecer o dia 25 de Xullo como dia da Patria Galega coincidindo así coa data adicada ao Santiago Apostol e outorgándolle ó dia sinalado un efecto simbólico e místico segundo afirmaba Risco,  cuxo argumentario tamén terá a sua posición alternativa  , entre eles a Sociedade Pondal e a Federación Galega de Sociedades que pretenden converter o  17 de Decembro no dia nacional de Galiza establecendo como feito simbólico a execución do mariscal Pardo de Cela  por mandato dos reis católicos no 1483. En canto aos festexos na metade dos anos vinte do dia da Patria Galega, estes  espallaranse por toda Galiza máis serán refreados póla Ditadura de Primo de Rivera a cal cortaralle as ás ao movemento galeguista.

Coa chegada da república volveríanse  a celebrar os festexos do 25 de Xullo, os cales tamén contribuirían de maneira eficaz en canto a difusión para a a aprobación do estatuto de Galicia do 36 máis de novo o franquismo eliminaría o dia da Patria Galega  convertendo  a data sinalada no “Dia de España”. A reivindicación e consideración do dia da Patria  continuou no exilio , Castelao arenga a identidade nacional de Galiza e a defensa de traballadores e campesiños nun histórico mitin no 1948 en Buenos Aires mentres que na nosa terra celébrase a tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de Santo Domingo de Bonaval. Anos despois a UPG proporá o 25 de Xullo como dia nacional popular que remataría sempre en enfrontamentos coa policia, incluso mesmo coa chegada da democracia debido debates sobre a cuestión nacional galega e a posicións políticas encontradas.

Meu-libro-Sempre-en-Galiza.Para comprender o galeguismo e a toda esta corrente de seguidores do nacionalismo, de forma case antropolóxica e un tanto prosaica , Castelao fai un reclamo a  tradición e a personalidade galega en Sempre en Galiza na cal afirma: “A nosa tradición revélase no idioma , no xeito de vivir e de pensar , no sentido trascendente da vida e da morte, no afán de universalidade e de particularidade, no amor a xustiza e ás boas formas de convivencia, na identificación amorosa coa terra, na esperanza dun mundo mellor, na predisposición á poesía …A tradición e todo aquelo que xamáis nos traicioará” . Toda esta definición do que é a tradición  galega en conflicto coa historia , todos estes enfrontamentos dialécticos  entre as diferentes ramas do nacionalismo aquí expostos están cargados de dificultades que pretenden recordar ao lector a importancia do 25 de Xullo como unha data simbólica cargada de historia, literatura e emocións , de reivindicacións políticas en definitiva para dar voz aos galegos e galegas e da cultura e idiosincrasia do país.

Pablo Gómez Portas