Archivo de la categoría: Artigos históricos

O saber por bandeira

“A bandeira é a encarnación, non do sentimento, senón da historia”

Woodrow Wilson

Fai uns días atrás estabamos en plena guerra das bandeiras, un episodio que se repite cada certo tempo en España, non vou entrar en debates sobre o tema porque este non é un artigo de opinión, pero sempre que vexo este tipo de espectáculos que tanto nos gustan neste país fágome a seguinte pregunta: a xente sabe que significan seu símbolos ou de onde veñen? Pois deso falarei a continuación, pois seguro que a maioría de vós descoñecedes a historia das nosas bandeiras, eu ata antes de facer este traballo tamén.

bandeiras Carlos III
Pabellóns navais de Carlos III

Comecemos pola bandeira española xa que é unha das que máis debate xera. A bandeira constitucional, a denominada coma “rojigualda”, é relativamente nova coma emblema nacional, se ben a comparamos con outras bandeiras europeas coma a francesa ou a de Reino Unido. Para remontarnos ao seu orixe temos que ir ao século XVIII, o rei Carlos III buscaba un novo pavillón naval que se diferenciara ben na mar, xa que o de España era branco, para iso sacou a concurso o deseño dun novo, resultando gañador un obradoiro mallorquino. Entre doce bandeiras o rei escolleu a vermella, amarela e vermella coma emblema para a mariña de guerra, disque foi escollida porque esas cores estaban nas bandeiras das coroas de Castela e Aragón e na do reino de Navarra, corría o ano 1785. Durante o reinado de seu fillo, Carlos IV, o uso do novo estandarte estenderase aos distintos edificios da armada. Haberá que esperar a guerra da Independencia contra os franceses para que a “rojigualda” sexa empregada en terra polos denominados “patriotas”, pero non será institucionalizada coma símbolo nacional ata o reinado da raíña Isabel II aló polo 1843.

Outra símbolo que máis ou menos todos coñecemos é a bandeira tricolor republicana, que luce as cores vermella, amarela e morada en tres franxas horizontais, as dúas primeiras cores son as da bandeira monárquica, pero de onde ven o morado? Esta cor foi dende as revolucións liberais do XIX ligada á oposición á monarquía, e tamén relacionada ca bandeira do reino de Castela. Durante a I República española non se modificou  a insignia e seguiu a bicolor, inda que existiu o proxecto de introducilo morado pero non frutificou. Sería na II República cando se adoptou esta bandeira, concretamente os 13 días da proclamación desta, e en decembro de 1931 foi institucionalizada na constitución republicana. Os republicanos quixeron darlle a cor morada unha representación da antiga coroa de Castela, que segundo di no decreto de institucionalización é a “región ilustre, nervio de la nacionalidad”, así xunto cas cores vermella e amarela da vella insignia, que tamén se correspondían cá bandeira da coroa de Aragón, as históricas realidades políticas que compuñan España estarían representadas. Esta sería a oficial ata 1939, cando a República desapareceu trala Guerra Civil.

bandeira da II República
Bandeira da II República

Tralo conflito fratricida a bicolor sería posta de novo coma símbolo de España, xa que o bando franquista  asumiraa dende 1936 coma seu símbolo, uníndolle en 1938 a aguia de San Xoán ao escudo. Xa na Transición a bandeira vermella, amarela e vermella foi escollida coma insignia do novo réxime democrático (quitándolle a aguia franquista), pero inda a día de hoxe crea debate.

Vaiamos agora á insignia máis nosa, a bandeira de Galicia, da que hoxe en día non sabemos en verdade como xurdiu, habendo dúas teorías ao respecto, como vedes estes temas teñen miga. Parece ser (e nesto coinciden as distintas historias) que xurdiu a finais do século XIX. Uns din que a orixe dela esta na bandeira da provincia marítima da Coruña, sendo esta asumida polos numerosos emigrantes que partían cara América coma a bandeira de Galicia, ao parecer por unha confusión destes. A outra teoría di que foi creada durante o Rexurdimento , cando comeza a idea de crear un símbolo nacional de Galicia, sendo os preferidos a bandeira branca ca cruz vermella de Santiago e a branca ca franxa azul, que representaría a nosa terra camiñando cara a liberdade. Sexa como for en 1892 no xornal Gaceta de Galicia, de Santiago de Compostela, apareceu un artigo no que se fixaba o aspecto actual deste símbolo que deseguido foi asumido polo galeguismo, aparecendo outro igual en El eco de Galicia de La Habana en 1898. A bandeira galega sería prohibida no século XX polas ditaduras de Primo de Rivera e Franco, ata ser asumida legalmente a comezos da etapa autonómica, nunha lei de 1984, coma o símbolo da Comunidade Autónoma de Galicia.

senyera de catalunya
Senyera de Catalunya

Vaiamos agora a Cataluña, nos últimos anos estamos afeitos a ver nas distintas manifestacións independentistas a denominada “estelada”, coma símbolo deste movemento, esta insignia naceu a comezos do século XX, creada en 1903 polo catalanista Albert Ballester, residente en La Habana, que fusionou a bandeira tradicional catalá cas de Cuba e Puerto Rico,recentemente independizados de España,  coma aviso a navegantes de que Cataluña sería a seguinte. Por outro lado está a “senyera”, a bandeira oficial de Cataluña, cuxas raíces están nas armas do antigos reis da Coroa de Aragón, e que foi asumida coma símbolo da patria catalá tralos movementos nacionalista de mediados do XIX.

estelada
Estelada (bandeira indenpendentista catalá)

E por último, pero non por iso menos importante, botémoslle unha ollada a “ikurriña” vasca, bandeira creada polo pai do nacionalismo euskaldun Sabino Arana e seu irmán Luis.

Para a súa elaboración baseáronse no escudo do señorío de Biscaia, o fondo vermello e a cruz branca aparecen nel, e a cruz verde que simbolizaría ao “roble” e as vellas leis da patria vasca. A verba “ikurriña” tamén foi creada por eles, sendo un neoloxismo da voz vasca ikur (símbolo). Nun principio só era representativa da terra biscaíña, pero acabou sendo asumida polo resto dos territorios vascos, da denominada Euskal Herria (a Terra do Éuscara).

ikuriña vasca
Ikurriña (bandeira vasca)

Se gastastes un anaquiño do voso tempo lendo estes liñas espero que vos servira de algo, cando menos o esperemos virá outro bis da guerra das bandeiras e así teredes argumentos para debater con aqueles cuxos únicos razoamentos son coma os da canción parodia aquela: España, España! Bandera, bandera!

David Sabucedo Cardero

O pirata da canción

Vida e obra do chamado derradeiro pirata de occidente

Autor: David Sabucedo


 

“Bajel pirata que llaman,

por su bravura El Temido,

en todo el mar conocido

del uno al otro confín.”

La Canción del pirata

(José de Espronceda)

 

Estes versos do poema de Espronceda son de sobra coñecidos, nesta obra o autor pretende salientar a idea da liberdade absoluta,  a vida ao marxe das normas que nos marca a sociedade, representando estes ideais na figura do pirata, pero sabedes que famoso persoeiro inspiroulle para facer esta obra? Pois del vai este artigo, coñezamos a vida do chamado derradeiro pirata de occidente, Benito Soto Aboal.

Coñecín a Benito Soto fará xa uns dez anos. Diredes iso é imposible! Tedes razón, souben da súa existencia mellor dito, foi tras ler a novela Morning Star, de Xosé Miranda, na que a figura do pirata galego era parte importante da obra. Dende aquela quixen saber máis da historia deste persoeiro, e agora vouna compartir con vós. Espero que Soto me perdoe (alá no burato do inferno que estea), xa que seguro que este relato non fará xustiza a súa historia.

O noso protagonista nace alá por 1805, concretamente o 22 de marzo, no barrio mariñeiro da Moureira, en Pontevedra. Foi o sétimo fillo dunha familia de catorce irmáns, seu pais eran descendentes dunha longa saga de mareantes pontevedreses.

Retrato de Benito Soto
Retrato: Benito Soto.

Dende cativo  o Benitiño aprendeu,  axudando a seu pai e seu tío, os dous negocios familiares: a pesca e o contrabando (destacando neste último). Eran anos difíciles, a guerra contra os franceses destruíra a península Ibérica e cada un saía adiante como podía. En 1823, con dezaoito anos, embarca rumbo a La Habana, na procura de fortuna. No Novo Mundo a vida non era moito máis doada, eran os tempos das revolucións independentistas nas colonias hispanas. Soto enrólase en barcos corsarios cubanos e negreiros, onde se inicia na arte da piratería. En 1827 chega a Río de Janeiro, onde embarca no  negreiro brasileiro Defensor de Pedro. A tripulación do buque era moi cosmopolita, estaba integrada por brasileiros e portugueses na súa maioría, pero tamén había franceses e algúns españois (dous deles tamén galegos). O 22 de novembro de 1827 o Defensor de Pedro parte cara a África ecuatorial para aprovisionarse de escravos negros, na viaxe o pontevedrés destaca pola súas dotes de mando e manexo da tripulación, empeza a indagar quen estaría disposto a unirse a el no seu futuro proxecto e planea facerse co barco en canto a situación sexa axeitada.  A ocasión deuse ó chegar a terras africanas, Benito e seus seguidores toman o control da nave unha noite e deixan ó capitán e algúns oficiais tirados en terra firme, unha vez rematado o motín é escollido novo capitán. Comezaba o momento de facer fortuna na mar, nacía o mito da Burla Negra.

Negreiros
Negreiros
A Burla Negraatacando o Mornig Star
Burla Negra ataca a fragata Morning Star.

A primeira vítima dos novos piratas foi a fragata británica Morning Star, o 19 de febreiro de 1828, que levaba mercadorías e pasaxeiros a Londres dende América, no asalto fixéronse cun rico botín, no que destacaban xoias da India e moedas de prata. O seguinte da lista de asaltos foi a fragata americana Topaz, o 29 de febreiro, a cal tras varias horas de persecución foi asaltada e saqueada, facéndose con saquiños de pedras preciosas e unha talega de pesos cubanos. Nestes dous asaltos Soto demostrou ser un cruel asasino,  á tripulación e pasaxeiros do Morning Star mandounos matar a todos (mulleres e nenos incluídos) e acto seguido afundila nave para acabar cas probas, mais nesta ocasión os seus homes non cumpriron cas ordes,  e só barrenaron o casco da nave para que o mar fixese o traballo sucio; na Topaz ordenou masacrar a tripulación e prenderlle lume ao barco, e esta vez as ordes foron cumpridas todas. Tras botar contas do gañado nestas abordaxes, Benito viu que xa tiñan dabondo e decidiu que era bo momento de xubilarse, polo que ordeou a volta a Galicia. Durante esta derradeira viaxe asaltaron varios barcos, os británicos Sumbray e New Prospect e a fragata portuguesa Ermelinda, esta vez os asaltos non produciron vítimas xa que os piratas estaban “xubilados”.

Mais non todo era ledicia no reino do pirata, xa tan pronto asumira a capitanía do barco o ferrolán Ferreira disputáralle o mando, para solucionalo Soto puxo en práctica o dito “morto o can rematou a rabia”, unha noite el e un dos seus fieis foron ó camarote do seu inimigo e cosérono  a balazos, despois guindaron o corpo pola borda. A outra pedra ca que tropezou o reinado do Benito foi o motín dos portugueses na viaxe de regreso a España, máis este foi descuberto a tempo e rematou ca detención e morte dalgúns dos conspiradores.

O 10 de abril chegaron a Pontevedra, onde Soto contactou cos seus parentes, alí disque foi recibido cunha festa por todo o alto en Marín, na igrexa de Santa María do Porto. Na casa do seu tío deixou o tesouro de xoias e pedras preciosas que lle correspondían coma capitán. Seguindo as indicacións de seus socios pontevedreses marchou á Coruña a vender alí as mercadorías roubadas, na cidade herculina déronlle unha letra de 25000 pesos a conta do vendido para cobrar en Xibraltar.

Tras isto puxeron rumbo ao estreito, mais a fortuna abandonou ós piratas nesta travesía, ó chegar a augas andaluzas confundiron o faro de Tarifa co da illa de León en Cádiz,  e o barco embarrancou, este suceso chamou a atención das autoridades gaditanas.  Soto e algúns compañeiros fuxiron a Xibraltar dende Cádiz, librándose da prisión, os demais piratas non tiveron tanta sorte e foron apresados en canto  empezou a correlo rumor das súas andanzas. Na colonia inglesa a sorte de Soto non foi a mellor xa que non puido cobrar a letra, para colmo resultou que o primeiro barco asaltado, o Morning Star, non afundira con toda a xente de abordo, os superviventes do asalto lograran facelo chegar a Londres, alí denunciaron o caso e as autoridades inglesas puxéronse en contacto coas españolas para que os piratas foran levados ante a xustiza. Os tripulantes do Defensor de Pedro que se atopaban en España foron xulgados en Cádiz, os máis achegados a Soto foron aforcados o 11 e 12 de xaneiro de 1830. As autoridades anglo-españolas buscaron ao galego, ao cal capturan no peñón o 6 de xuño de 1828, alí os británicos acusárono de piratería e condenárono a morte, sendo aforcado un chuvioso 25 de xaneiro de 1830. Tiña 25 primaveras.

Tralos feitos quedou a lenda dos piratas da Burla Negra, nome que os británicos lle deron  ao Defensor de Pedro por equivocación. Moito se falou de onde estaría agochado o tesouro que Soto lle deu a seu tío en Pontevedra, algúns dicían que a pantasma do pirata se aparecía na horta familiar rabuñando a terra na procura do seu botín. Xa para rematar disque Benito, antes de ser axustizado, mirou con soberbia ao xentío reunido para velo morrer e berrou: A función rematou!

Para saber máis:

«Mar Brava», González de Vega, G. Ed. B, Barcelona, 1999

«Morning Star», Miranda, X. Ed. Xerais, Vigo, 1998