“Quen non coñeza a súa historia está condenado a repetila”
Lupino non deixaba de dar voltas á habitación, a cabeza non lle paraba, a situación empezaba a desbordalo e os incesantes ladridos nocturnos dos cans da cidade non axudaban a concilialo sono, unha e outra vez maldicía ao emperador por encomendarlle o asentamento deses malditos bárbaros…
No ano 376 d.C. á guerra contra os invasores hunos destruía o reino dos godos asentados na Escitia (na actual Ucraína), o que levou a moitas tribos desa nación a fuxir dos seus fogares. Esta masa de refuxiados buscou acubillo no seu veciño, o civilizado imperio romano. Tiñan o soño de que Roma, o antigo inimigo, lle concedese novas terras onde seguir cas súas vidas de campesiños en paz. Os refuxiados godos, tras instalarse na marxe esquerda do Danubio (fronteira natural do Imperio), mandaron legados ó emperador de Valente (gobernador do Imperio Oriental) coas súas peticións. Os romanos aceptaron de inmediato xa que vían nestes novos amigos unha fonte de recrutas para seu exército, mais tamén existía certa xenreira cara un pobo co que combateran no pasado, xentes “bárbaras” que non tiñan nin a mesma relixión ca eles (a maioría dos godos inda non eran cristiáns), algúns temeron que metían o lobo no curral das ovellas. O encargado de organizar o traslado e asentamento dos godos foi o xeneral Lupino, xefe do exército da rexión.
Os romanos mandaron barcas para que os inmigrantes cruzaran o Danubio, tal era a presa por deixar os perigos da súa banda do río que moitos godos tentaron cruzar a nado, perecendo no intento xunto con moitos outros que caían das abarrotadas embarcacións en plena marcha. Unha vez superado o cruce da fronteira as autoridades tentaron facer un censo de poboación, pero tal era a cantidade de xente que pronto a tarefa tornouse imposible. Os refuxiados foron instalados en campos de concentración e áreas de acollida, baixo a férrea vixilancia do exército, que non os deixaba moverse con liberdade.
Nos primeiros días nos campos a administración provincial enviaba víveres, pero ao pouco tempo deixaron de facelo xa que non dispuñan de recursos suficientes. Isto trouxo unha gran fame á poboación alí internada, e coma sempre a máis ruín das castes humanas ve coma sacar proveito da desesperación. Os romanos comezaron a intercambiar carne por escravos, tal era a urxencia das familias por comer que entregaban os seus fillos á escravitude e prostituían as súas fillas, de onde sacaban esa carne os escravistas? Digamos que Lupino atopou unha solución para rematar cos ladridos nocturnos. Mentres isto sucedíalle aos godos instalados na “civilización”, outras moitas tribos daquel pobo chegaban a fronteira pedindo auxilio, pero Roma non llo concedeu, xa tiñan cubertas de sobra as súas necesidades.

Ante esta situación de fame negra, os líderes godos decidiron acudir á cidade a reunirse co gobernador, seguidos de gran parte do seus paisanos que esperaban poder comprar comida no mercado. Unha vez chegados a Marcianópolis (cidade onde residía Lupino) o exército impediu a entrada dos esfameados bárbaros, a tensión acumulábase, as discusións entre estas xentes e os soldados desencadeou unha loita onde pereceron numerosos romanos, unha rebelión dera comezo. Unha vez entraran no Imperio os inmigrantes tiñan que entregalas armas, mais xa fora por desidia dos funcionarios imperiais ou por negativa dos godos, estes non cumpriron co desarme. Tralo incidente das portas de Marcianópolis, Lupino marchou ao mando do seu exército a rematar ca revolta, mais os rebeledes combateron ca forza que lles daba a carraxe que tiñan polos seus mal anfitrións e derrotaron ao gobernador e os seus homes. Trala batalla os godos espalláronse polos Balcáns na procura de alimento. Coñecidos os feitos na capital oriental o emperador chamou ás lexións e dispúxose a rematar ca rebelión, o resultado da campaña foi o desastre da batalla de Adrianópolis, na que o mesmo césar Valente pereceu ca maioría dos seus soldados, os godos tiveran que conquistar con sangue o seu futuro, xa eran ceibos de ir buscar súa terra prometida, un lugar onde poder vivir en paz, mentres que Roma recibiu unha ferida mortal da que xamais se recuperaría.
Unha vez contado este triste, e en moitos aspectos noxento, capítulo da historia europea, non vos ven á memoria algún acontecemento dos nosos días? Agardemos que o desenlace sexa diferente, mais tamén é certo que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra.
David Sabucedo Cardero
Para saber máis:
La caída del imperio romano. Peter Header
Ed. Crítica, Barcelona, 2005.
Bárbaros: Los godos – Canal Historia