Archivo de la categoría: Artigos históricos

Cando o sangue chega ó Miño

“Porque todo home é obrigado a morrer por tres cousas: a primeira pola súa lei; a segunda polo seu Rei; a terceira pola súa grei e pola cousa pública da súa cidade e liberdade desta.”

Irmandade de Antealtares (1458)



Nuno de Ousende mira pampo para o estado no que quedara súa vivenda tralo impacto do proxectil, unha cousa estaba clara a tregua estaba rota, o que a diplomacia non resolvía teríano que facer as armas. O 15 de setembro de 1455 unha pedra guindada dende o tellado da catedral de San Martiño “viraba” a vivenda do procurador do concello de Ourense, Nuno de Ousende, líder do bando municipalista, marcando o comezo de seis días de violencia continúa na cidade das Burgas.

Dende facía séculos a vella guerra bispo-concello tinguira de sangue as rúas da cidade, á chegada do bispo Pedro da Silva en 1448 marcaría outro capítulo deste conflito. Silva, tras tomar a mitra auriense, imporá pola forza seus dereitos coma señor feudal, pasando por riba de veciños e concello.

O verán de 1455 fora moi tenso nas relacións dos veciños co bispo e seus homes, xa que dende a catedral, o Pazo e o Curral do Bispo (as fortalezas do interior da cidade), e o Castelo Ramiro (nas aforas) estes non deixaban de asoballalos, facendo que Ourense se converterá nun polvorín a piques de estourar e botar por terra a tregua, acordada recentemente, entre o señor feudal e o órgano municipal. O apedramento da  casa do procurador foi a faísca que iniciou todo, xa que este era o símbolo da loita do concello por acadar a autonomía fronte o señor. O día seguinte os homes do Pazo e o Curral asasinan a un comerciante na rúa dos Arcediagos; e dende o tellado da catedral asetean e apedran varias casas da urbe (entre elas as do Conde de Santa Marta).

13
Almenas no tellado da Catedral de San Martiño.            Fotografía: Andrea Pérez Justo

Esa morte será o feito que leve ao concello a rachar a tregua oficialmente e a autoproclamarse autónomo fronte o señor episcopal, dende ese día só habería un señor de Ourense, o rei (que estaba moi lonxe). Tras dous días de “calma chicha” volve a tormenta. O concello reúnese na Praza do Campo (hoxe Praza Maior), a esta xuntanza acoden moitos veciños, mais no transcurso desta 150 homes do Castelo Ramiro irrompen na cidade e atacan os alí reunidos, matando e ferindo a quen se puxera por diante; ao mesmo tempo os do Pazo do Bispo saen e prenden lume as casas que hai o redor desta fortaleza.

11
Torre dos Brancos do Pazo do Bispo.                            Fotografía: Andrea Pérez Justo

Estes terribles acontecementos levan o concello a actuar de inmediato, primeiro asinan un acordo co Conde de Santa Marta de axuda militar (facendo valer aquilo de “o inimigo do meu inimigo é meu amigo”).

14
Vista da Praza Maior dende a rúa Arcediagos.           Fotografía: Andrea Pérez Justo

A noite do sábado 20 de setembro as tropas municipais e do conde atacan os Pazos e o Curral, queimando as portas e entrando na residencia do bispo, a cal saquean, a batalla non produce baixas pero si numerosos feridos da milicia do concello. O domingo 21 os veciños exaltados pola vitoria anterior acoden en masa á toma da Torre Vella da catedral (onde se atopa a catapulta), producíndose unha nova vitoria do pobo, pero a un prezo maior, xa que durante a refrega morre un veciño. A revolta veciñal desta fin de semana saldaríase ca toma por parte do concello das fortalezas do interior da cidade, quedando coma único bastión señorial o castelo Ramiro, xa fora de Ourense, e unha relativa paz social que duraría uns poucos anos.

Un mes despois dos feitos un correxedor real viría a cidade no nome do rei para xulgar o ocorrido, mais foi acusado de ser moi pouco imparcial, adiviñades de que lado se postulou? Si do señor feudal (non esquezamos que inda estamos na Idade Media), pero este xuízo non alterou a situación acadada trala revolta. Este episodio  ocorrido na cidade do Miño sería a brisa que antecedeu á tempestade que sacudiría Galicia enteira, comezaban a levantarse aires de Irmandade.

David Sabucedo Cardero

 


Para saber máis:

A vida e a fala dos devanceiros.

Ferro Couselo, X. Ed. Xerais, Vigo, 1967.

A cidade de Ourense no século XV.

López Carreira, A. Ed. Deputación Provincial de Ourense,Ourense 1998.

O somos gallegos o no nos entendemos

Se hai algo que caracterice ó pobo galego é o localismo exacerbado, o galego sempre quererá que a súa casa, aldea, vila ou cidade sexa mellor que a do veciño. Esta característica témola dende sempre e condicionou a nosa historia. No século XII o Códice Calixtino (célebre fai uns anos) xa sinala, cando fala das xentes de Galicia, que estes son litixiosos. George Borrows (ó que lle debo un artigo propio) na súa obra A Biblia en España fai mención do exaltado patriotismo local dos galegos nas súas visitas a Pontevedra, onde os veciños mostráronlle a xenreira que tiñan a Vigo e as súas xentes, e a Santiago, cidade da que di  “ten o sentimento localista máis forte de España”. Algúns historiadores sosteñen que este sentimento de orgullo pola “patria chica” foi unha das razóns que impediron o desenvolvemento dun sentimento nacional a gran escala en Galicia, como si ocorreu noutros territorios de España.

En Castela hai un refrán que di “O somos gallegos o no nos entendemos” (o cal empreguei para dar nome a este artigo), que ven a referirse a esta falta de unión entre entre os habitantes de Galicia. Este dito ven duns feitos ocorridos  moitos séculos atrás, e para algúns investigadores é o comezo da rivalidade norte-sur de Galicia, hoxe en día representada no eido futbolístico polo Celta e o Deportivo. A historia é a seguinte:

A comezos do século XV o rei de Castela (cuxo nome non ven o caso) quixo probala gloria da vitoria militar contra os infieis e declaroulle a guerra a Granada,  polo que chamou os seus exércitos. En Galicia foron chamados os tres tercios ordinarios, o de Santiago, comandado polo señor de Moscoso; o de Lugo-Mondoñedo, mandado polo señor de Quiroga; e o de Tui-Ourense, capitaneado polo señor de Soutomaior.

Sartego dun cabaleiro da casa de Soutomaior en Santo Domingo de Pontevedra
Sartego dun cabaleiro da casa de Soutomaior – Pontevedra.

Marchando os tercios dirección a Castela xuntáronse en Benavente o Moscoso e o Soutomaior, na reunión comezaron a discutir que tercio debía abrila marcha, defendendo ambos con tanta paixón o seu dereito e os da súa terra a ir diante que chegaron as mans, feito que derivou nunha batalla campal entre ámbolos dous tercios onde, segundo as fontes, pereceron mil almas de cada bando (hoxe en día podemos afirmar que o número de mortos é esaxerado).

Ruínas do castelo de Altamira, casa do Moscoso no concello de Brión
Ruínas do castelo de Altamira (Casa do Moscoso) – Brión.

Coñecidos os feitos, os señores locais e algúns cabaleiros galegos acudiron a intentar por paz entre os dous caudillos, o final tras moita discusión botaron a sortes quen iría por diante a auténtica guerra, sorríndolle a fortuna a Moscoso e os da Terra de Santiago. Estes feitos non quedaron sen castigo, o chegar a Valladolid o rei ordeou o detención dos dous nobres e deulle o mando dos tercios a outros capitáns, continuando as milicias de Galicia o seu camiño a guerra contra o musulmán.

Para a posteridade quedarían as verbas dun cabaleiro galego que véndose no imposible que resultaba por de acordo aos capitáns enfrontados exclamou: “Somos galegos e non nos entendemos”.

 

David Sabucedo Cardero