Archivo de la categoría: Artigos

The Man from Earth

Autor: Phillip Jeffries


Todas e todos temos algunha película fetiche (na maioría dos casos, varias). Unha largometraxe que nos chega moi dentro, por unhas razóns ou por outras. Son bastantes as que podería citar no meu caso (A grande beleza, Érase unha vez en América…), pero de haber unha nesta categoría que escollese en caso de estar obrigado a quedarme só con unha, esa sería The man from Earth. Isto non significa que sexa a miña película favorita, nin moito menos, pero si é un proxecto polo que sinto un cariño especial, e por iso consideraba tan importante o feito de adicarlle a miña primeira publicación nesta revista.

Estreada en 2007, e apenas contando con presuposto (que a práctica totalidade da metraxe transcorra nun único espazo da boa conta disto, entrando grazas a este feito nun xénero tan particular como o de “películas nunha única habitación”, que moi posiblemente tería o seu máximo expoñente no clásico 12 homes sen piedade), constitúe o auténtico paradigma do que ser unha película independente significa. Afastada das canles habituais polas que as películas normalmente distribúense, a súa expansión debeuse ao boca a boca cibernético, grazas ás descargas P2P, co propio produtor da largometraxe agradecendo a distribución a través de BitTorrent.

Dirixida por Richard Schenkman, o guión saíu das mans dun Jerome Bixby que comezou a concibir o libreto xa nos anos sesenta, rematándoo a piques de morrer, en abril do noventa e oito, sendo no seu caso unha película póstuma.

O que nesta largometraxe atopamos é a John Oldman (nun xogo de palabras no caso do apelido que ten todo o sentido do mundo, como xa veredes no caso de ver a película e saberedes se xa o fixeches), profesor universitario que, tras comunicar que abandona o seu posto de traballo, ve a súa casa “invadida” polos seus compañeiros docentes, en busca dunha explicación a esta renuncia. Tras moito insistir estes colegas, as continúas negacións do noso protagonista a explicarse ceden, e comeza a auténtica maxia da película.

Contar que é o que sucede a continuación e destrozarlle a experiencia á xente que aínda non viu este proxecto sería doado, pero non é o que vai a ocorrer aquí. O obxectivo deste texto é precisamente recomendarlle á xente que non tivo a posibilidade de ver este filme que o faga, en caso de ser posible, e non teño a menor dúbida de que, nunha situación coma esta, o que mellor se pode facer é aproximarse á película sabendo o menos posible sobre ela.

The man from Earth constitúe un ensaio sobre a verdade. Ata que punto podemos crer o que alguén estanos a contar? E se estamos ante unha persoa na que podemos confiar, que aínda por riba aporta probas acerca do que está a dicir, pero o que conta é completamente imposible? Nuns tempos coma os presentes, nos que tanto se fala tan continuamente dun termo como o é a posverdade, esta largometraxe non podería vir mellor.

Ver como van trocando os pensamentos dos invitados e as súas reaccións ante o que están a escoitar é algo realmente marabilloso, e non teño ningunha dúbida de que é unha película coa que podería ser moi interesante facer algún tipo de “experimento”, sendo vista en grupo, e preguntándolles ás diferentes persoas ao ir avanzando a metraxe se pensan que o protagonista está a dicir, ou non, a verdade.

A conversa nesa casa non podería ser máis interesante, ao igual que os personaxes alí reunidos, todos eles intelectuais, e moi distintos entre si, aportando diferentes puntos de vista e contrastes entre os presentes. Xa sen ningunha necesidade de ter unha trama, poderíamos quedarnos horas e horas escoitándolles falar e o interese seguiría a ser máximo.

Só un grupo de persoas reunido no salón dunha casa é necesario para crear unha boa película cando esta atópase respaldada por un bo guión; nin de grandes efectos especiais ou presupostos desorbitados precisamos, e o mellor exemplo o atopamos aquí.

A primeira reacción será preguntarse a un mesmo “que acabo de ver?” ao rematar a película, e moi posiblemente a segunda sexa dicirlle a alguén de confianza que tamén ten que ver esta largometraxe, para poder falar dela. Convencido estou de que, na maioría dos espectadores, The man from Earth deixará unha sensación ao finalizar que poucas veces han experimentado co mundo cinematográfico de forma previa.

É posible que o seu tramo final non guste a máis dun, decantándose ao remate polo explícito, nun momento un tanto forzado, cando todo podería quedar moito máis aberto, suxerido, sendo o espectador finalmente o encargado de tomar a decisión de pensar que Oldman di a verdade ou non, pero é máis que evidente que, ao mesmo tempo, a decisión de tomar partido por parte da largometraxe supón todo un golpe de efecto que deixará bastante descolocados aos espectadores, feito sen dúbida algunha de maneira intencionada. Como vemos, ata a conclusión pode ser obxecto de debate nesta película, na que ningún minuto sobra e na que de principio a fin veste envolto.

The man from Earth é un conto, narrado con mestría, e co que será imposible deixarlle de prestar atención ó que está sucedendo en pantalla. Unha película que, desde a súa humilde base, nun primeiro momento provocou un gran impacto, chegando a parecer que podíamos atoparnos ante un novo hito da ciencia ficción, pero que finalmente sufriu as consecuencias da súa propia independencia, quedando coma un produto de culto a día de hoxe bastante descoñecido. Un auténtico tour de force pola parte de David Lee Smith, o seu protagonista, que carga sobre os seus ombros co peso de toda a película, brindando unha interpretación maxistral. Unha película, en definitiva, 100% recomendable, que non deixará a ninguén indiferente e que fará as delicias de todos os seguidores do xenro da ciencia ficción.

VIKINGS EN GALICIA

Os fillos de Ragnar Lothbrok atacan Compostela

Autor: David Sabucedo


Na serie de televisión Vikings nárranse as aventuras do lendario rei viquingo Ragnar Lothbrok e seus “cachorros”, alcume que este caudillo nórdico dáballe aos seus fillos. A serie céntrase nas campañas que os escandinavos fixeron en terras británicas e galas, mais, sabías que os fillos de Ragnar tamén atacaron Galicia?

A Odisea de Björn Ragnarsson “Costado de Ferro”

“No seu tempo os normandos viñeron de novo as costas de Galicia”

(Crónica Albetense)

Corría o ano 858 cando unha flota viquinga que atacara as costas de Francia chegou á Península Ibérica, reinaba naqueles tempos en Oviedo Ordoño I. Ao mando dos cen navíos que a compuñan estaban os fillos de Ragnar Lothbrok, Bjorn (o que chamaban Pel ou Costado de Ferro porque na batalla non había quen o ferira) e Hasting Ragnarsson (este último aínda que non sae en Vikings si ten aparición en The Last Kingdom), o motivo da visita ó noso país era saquear Santiago de Compostela, cidade que xa por aquel tempo tiña fama en toda Europa de ser un lugar cheo de riquezas.

Ordono1of_Asturias
Ordoño I (Wikipedia)

A frota viquinga dirixiuse á ría de Arousa e presentouse no porto de Iria Flavia, que os nórdicos atoparon abandonada polos seus habitantes que acudiran a refuxiarse en Compostela. Tralo saco da sede iriense avanzaron cara Santiago e puxeron sitio á cidade do Apóstolo, onde os veciños tiveron que pagar un rescate para evitar que correra a mesma sorte que Iria. Mais unha vez feito o pago os viquingos non cumpriron o trato e tentaron entrar, foi nese momento cando un exército cristián ó mando do conde Pedro presentouse no lugar e derrotou en batalla ós invasores. Bjorn e Hasteing lograron fuxir, mais as baixas en homes e barcos foron importantes (perderon unhas trinta embarcacións), e puxeron rumbo ás costas de España.

“Dirixíronse logo a España, e devastaron toda a súa zona marítima saqueando a espada e lume” (Crónica Rotense)

Unha vez nas costas de España (naquel tempo tiña esta denominación a España musulmá, e o reino cristián tiña o nome de Galicia) saquearon Lisboa, onde “fixeron moitas mortes”, Alxeciras (cidade cuxo ataque sae na serie) e Asila, xa no norte de África. Parece ser que en Niebla tiveron un encontro cun exército musulmán que os volveu a derrotar. Tras estes ataques cruzaron o Estreito e chegaron o Mar Mediterráneo. Os seguintes obxectivos dos nórdicos sería a cidade norte-africana de Nekor, a levantina Orihula e as illas Baleares.

sensacine
Fotograma da serie Vikings. Björn no centro da imaxe. (sensacine)

Tras pasalo inverno en Francia, onde saquean numerosos enclaves, diríxense a Italia onde terá lugar un episodio que creará o mito de Bjorn “Costado de Ferro”. Parece ser que o destino central desta campaña dos fillos de Ragnar no Mediterráneo era Roma, cabeza da cristiandade, mais os normandos confundírona ca cidade de Luni, que posuía grandes murallas e numerosas igrexas. Véndose incapaz de tomala por asalto o caudillo viquingo viuse obrigado a tirar de astucia: finxiu a súa morte e mandou emisarios á urbe dicindo que antes de falecer convertérase ó cristianismo e quería ser enterrado en sagrado, o bispo aceptou e permitiu que uns poucos escandinavos traspasasen os muros portando o ataúde do seu xefe; unha vez dentro da igrexa, e en plena cerimonia, o “morto resucitou” e, tras saír da caixa, asasina o bispo mentres seus homes abren as portas das murallas permitindo entrar o resto da tropa que saquea Luni. Disque Bjorn gardou a cabeza do bispo pensando que era a do mesmo Papa. Na serie é seu pai, Ragnar, quen emprega a mesma estrataxema para tomar París.

Ataques vikingos en la península ibérica y el Mediterráneo documentalium
Mapa das incursións de Björn e Hasting (Documentalium)

“Despois de chegados a Grecia, logo de tres anos volveron a súa patria” (Cronicón Sebastiani)

 

Wikinger
Frota viquinga s.IX (Wikipedia)

Parece ser que a expedición continuou cara Grecia e incluso Exipto, na serie de televisión faise referencia ós contactos de Bjorn co mundo bizantino e árabe, pero a día de hoxe ponse en dúbida que chegaran tan o leste. Segundo ás crónicas ao cabo de tres anos de odisea volveron o seu lar, pero antes tiveron tempo de parar unha última vez na Península Ibérica. Desta volta tocoulle ao Reino de Pamplona, onde segundo contan os cronistas musulmáns chegaron cos barcos ó “pé do reino” (é posible que remontaran o Ebro) e secuestraron o rei García Iníguez, polo que obtiveron un rescate de 70000 dinares. No 862 os restos da flota estaban de volta nas costas atlánticas francesas, das cen naves só chegaron vinte, cargadas cun rico botín.

 

Vikings en Galicia

No ano 2015 o arqueólogo da Universidade de Uppsala Neil Price veu a Galicia, cun equipo de rodaxe, na procura das pegadas dos fillos de Ragnar na nosa terra para a grabación do documental “Vikingos: Ao descuberto”, emitido pola canle TNT a vez que a serie para contextualizar o mundo de Ragnar Lothbrok. Price foi asesorado polo investigador galego Manuel Gago e a historiado Irene García, canda eles visitaron a basílica de San Martiño de Mondoñedo, as Torres do Oeste (Catoira) ou a Torre dos Mouros (Carnota), unha fortaleza datada entre os séculos VIII-IX. Un dos lugares ó que acudiron foi o xacemento de Os Moutillos (O Vicedo), onde se cre que houbo un asentamento nórdico e apareceron restos de pedernal, que poido ser lastre dos barcos que os viquingos deixaron na costa para embarcar os tesouros roubados, e unha áncora de pedra que poido pertencer a unha destas embarcacións.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Os Moutillos, O Vicedo (historiadegalicia.gal)

Para Price “o que hai de distinto nas incursións viquingas en España é a resistencia que se atopan, que é moito máis intensa, moito mellor coordinada e máis eficaz que a que estaban afeitos”. A mesma sede compostelá é unha lembranza da campaña dos fillos de Ragnar en Galicia, xa que antes da súa chegada a cabeza do bispado estaba en Iria Flavia, e vendo a debilidade que esta presentaba o estar tan preto do mar o rei Ordoño I pídelle permiso o Papa para trasladala a Compostela.

Anaco do documental Vikingos: Al descubierto

 


 

Para saber máis:

-Morales Romero, Eduardo. Os viquingos en Galicia Ed Biblioteca de Divulgación. Serie Galicia Nº20, Santiago 1997.