Archivo de la categoría: Artigos

A nova música que chega: Invasión.

Autor: Phillip Jeffries


Se algo é tendencia por parte dun sector da poboación nos últimos anos no mundo musical iso é o negativismo. O dicir que xa non se fai música coma a de antes, que xa non aparecen esas cancións que merecen a pena ser escoitadas e que a creatividade xa morreu fai tempo de forma definitiva.

E se algo non deixan de amosar nos últimos anos a inxente cantidade de grupos que, por suposto, segue a aparecer, e que iso é unha completa mentira; que a música continúa máis viva que nunca e que a calidade segue aparecendo ata debaixo das pedras, sendo só necesario o buscar para atopar.

Unha desas novas bandas dispostas a demostrar o último é da que agora falaremos: Invasión.

Aparecidos na cidade de Barcelona en xullo do 2018, menos dun ano despois están a punto de presentar o seu primeiro disco, xa rematado, e aínda non dispoñible na súa totalidade na rede, pero que tivemos a oportunidade de escoitar en primicia.

Sen aínda título definitivo, o máis probable é que o álbum remate recibindo o nome de Avistamiento. O disco, formado por sete cancións, presenta as seguintes composicións:

1. Maladicción (4:06)

2. La colina (3:55)

3. Invasión (2:59)

4. Iba borracho (4:32)

5. Refugios (5:39)

6. Fantasía (3:59)

7. Puta inspiración (4:24)

En apenas media hora de música, Invasión amosa a súa carta de presentación, cun son moi definido, que deixa ben claras as súas influencias e o estilo que, moi probablemente, atopemos nos seus futuros traballos.

O disco comeza con Maladicción, e nela xa se pode comezar a intuír o dito anteriormente. De ritmo e instrumentación contundente, o corpo pídeche bailar con ela, a pesar da desesperación da que somos testemuña con respecto a súa letra, referencia ao suicidio incluída.

La colina continúa, nos primeiros segundos, o camiño iniciado no primeiro corte do álbum, chegando o cambio de dirección coa entrada da parte vocal, a cal nos presenta unha letra á que resulta moi fácil quedarse pegado. A destacar a súa potente batería e un punteo de guitarra moi interesante.

En Invasión, canción que comparte nome co grupo, temos o tema máis curto do disco. Un rock directo, deses que fan saltar á xente en directo sen parar, a pesar da dureza da súa letra, case diríamos que apocalíptica.

Estamos a piques de chegar ao ecuador do disco, e xa vemos que a relevancia dos textos no grupo é unha constante. Isto continuará así o resto do álbum, apoderándose a desesperación e a angustia vital do cantado polo grupo, pero sempre cun toque alegre que invita á esperanza.

No cuarto corte do disco, Iba borracho, atopamos unha textura e un tratamento do son moi ao estilo do dream pop, sendo a canción do álbum que máis se achega a esta corrente musical. Estamos ante un canto a esa vida nocturna barcelonesa, motivo e intento de alivio de/tras a ruptura dunha relación do máis evocador.

O momento máis sombrío e melancólico do álbum chega con Refugios, que comeza de forma acústica, e pode que sexa a canción que máis me gusta do disco. Moi recomendable escoitala cuns bos auriculares (ao igual que o resto do disco) para poder apreciar as distintas capas da(s) canción(s) e desfrutar dela(s) plenamente.

Este momento de baixada cambia de forma contundente con Fantasía, que inicia de forma acelerada e, tras varias mostras de calidade coa guitarra, introduce a voz a machete, cun estilo moi peculiar que podería incluso chegar a recordar ao Bunbury de certos momentos, cantando unha letra que suxire máis que mostra.

E remata a viaxe con Puta inspiración, que inicia cunha batería disposta a pelexar nos primeiros compases do corte, dando paso, coma polo seu título podíase intuír, a unha canción sobre a composición e a capacidade creativa; de onde proveñen as ideas que acaban dando lugar a calquera tipo de obra.

Cando un remata de escoitar o álbum, quédase coa clara sensación de que non hai ningunha canción que sobre, aportando todas algo ao conxunto, habendo a suficiente variedade de recursos e ideas frescas como para que ningunha das composicións se pareza a outra. Cun tratamento do son coidado ata o extremo, destacando moitas veces por presentar capas instrumentais que, por momentos, case ocultan a voz, nunha xogada moi do estilo do que fai J en Los Planetas, non hai dúbida algunha de que o disco está feito cun mimo e coidado espectaculares.

Cun videoclip xa no seu haber, que podedes ver baixo estas liñas, e algúns conciertos iniciais pola ciudade condal, o grupo comezará a presentar de forma “oficial” o disco, que publicarase no mes de abril, en maio.

Sen dúbida algunha, haberá que estar pendentes do que estes rapaces poidan facer no futuro, pois dificilmente a súa carta de presentación podería haber sido mellor. Dende aquí, desexarlles a mellor das sortes no seu proxecto e pedirlles que, de ser posible, fagan parada en Galicia durante a xira do disco, pois aquí lles acolleremos cos brazos abertos (donos de recintos que poidan albergar concertos, botádelle un ollo a Invasión e non deixedes pasar esta oportunidade!).


Redes sociais e formas de contactar co grupo:

Instagram: @invasionbanda

Spotify: Invasión

Facebook: @invasionmusics

Tamén dispoñible a música da banda en AppleMusic, Google Play, Amazon e Deezer.

VOX

Autor: Manuel Núñez Valeiras

Fotografía: Martín Dacal Domínguez


«Busco en los hombres aquel amor de la patria que hallo tan celebrado en los libros: quiero decir, aquel amor justo, debido, noble, virtuoso, y no le encuentro. En unos no veo algún afecto a la patria; en otros sólo veo un afecto delincuente, que con voz vulgarizada se llama pasión nacional.»

Benito Jerónimo Feijoo.

1. Amén. Non é baladí a advertencia do noso paisano, cando corremos tempos nos que os
sofistas voltan (nunca marcharan do todo) a ameazar con tomalo timón e facernos crer que nista noite tódolos gatos son pardos. Javier Ortega Smith sacode firmemente as mans, modulando con pericia a voz. Para iso estamos aí. A choiva tingue de inocente a reunión de algo máis de 200 cidadáns, que acoden emocionados a escoitalo secretario xeral de Vox. Moitos, polo aforo limitado, tivéronse que contentar có apaixoado sermón de Smith: fala de Patria, de Libertad, fala de derogar o imposto de sucesións, de liberalizala Educación. Fóra, á choiva, corean desparramadamente súas protestas os trinta «antifascistas». Que diaños é todo isto? É Vox o irracional monstro que durmía baixo as camas da aparente socialdemocracia española? Son fascistas?

2. A máxima que aquí seguirei, será a spinoziana «nin rir, nin chorar, senón entender»,
rogándolle ó lector que teña en conta que serán istas unhas breves pinceladas, o boceto dun mapa no que situar as cordenadas ideolóxicas de Vox, tratando de contribuír a desembrollar a confusión que impera sobre o asunto. As ideas que, de telón de fondo, entendo que están aquí presentes, son as ideas de Europa e de Hispanidade, cortadas e determinadas no presente pola influencia do Imperio Estadounidense, como veremos con respecto ó «caso Venezuela».

3. A archifamosa frase de Marx ó comezo de O 18 de brumario de Luis Bonaparte, «A Historia ocurre dúas veces: a primeira vez como unha gran traxedia e a segunda como unha miserable farsa», vale para poñernos sobre a pista. O sintagma «Vox é fascismo» implica que os plans e programas que definen a Vox están incluídos na clase lóxica «fascismo» (V ⸦ F), e a súa negación, «Vox non é fascismo» -no senso esencial e constitutivo- sería V ⸦ F. Sendo imposible unha análise exhaustiva, limitarémonos a pergueñalos rasgos esenciais do fascismo español dos anos 30. Sendo unha figura teórica fundamental Sorel, cás súas Reflexións sobre a violencia para Ledesma (xunto con Nietzsche), principal teórico do sindical nacionalismo español, ou o tradicionalismo católico de estirpe tomista de Primo de Rivera, a principal referencia no político foi Mussolini, que desde o xornal Avanti nacionaliza o socialismo, de onde procedía. É bastante obvia a interpretación do fascismo como unha herexía do marxismo, no senso no que o Islam é unha herexía do Arrianismo cristiano. Ambos opoñíanse radicalmente ó capitalismo e á democracia parlamentaria, buscando superalo decadente sistema liberal mediante a revolución. Pero o fascismo, Nietzsche, Bergson (e Catolicismo) mediante, rexeita o Materialismo Histórico, rexeita as ciencias para abrazalos mitos que lles permitiran emocionar ás masas, rexeitan o internacionalismo para exaltala patria, e rexeitan facela Revolución para conquistalo poder, pois ambicionan conquistalo poder primeiro para, xa logo facela Revolución, supoñendo -caendo no colmo da metafísica, por se non foran poucos os idealismos infantilistas que cito- que a loita de clases desaparecería no Estado mediante o nacional sindicalismo, persistindo así o esquema da Cidade de Deus de San Agustín. Lemos a Ramiro Ledesma en «Nuestro Manifiesto político» do 14 de marzo de 1931 no primer número de La conquista del Estado: «La primera visión clara del carácter de nuestra civilización industrial y técnica corresponde al marxismo. Nosotros lucharemos contra la limitación del materialismo marxista, y hemos de superarlo; pero no sin reconocerle honores de precursor muerto y agotado en los primeros choques. […] Frente a la sociedad y el Estado comunista oponemos los valores jerárquicos, la idea nacional y la eficacia económica. Afirmamos los valores hispánicos. Buscaremos la difusión imperial de nuestra cultura. […] Exclusiva actuación revolucionaria hasta lograr en España el triunfo del nuevo Estado.» Os plans de Vox non van por aquí. A defensa de España non foi patrimonio exclusivo do fascismo (véxase Quevedo e a súa España defendida). A España que reivindica Vox é moi diferente da que maquinaban os fascistas españois: unha España europea, feita ó neoliberal modo e lacaia dos EE.UU. Na concepción do papel do Estado, hai máis semexanzas con Primo de Rivera pola parte de Podemos que de Vox; isto non é lavarlles a cara. Nin moito menos. Quen son os seus referentes? Os representante dos máis salvaxes desenvolvementos do neoliberalismo das últimas décadas: Reagan, Thatcher, Sarkozy, e hoxe en día, Trump. O cabecilla intelectual foi Alejo Vidal-Quadras, apartado do PP tralo congreso de Valencia do 2008. E os plans desta xente, non poden ser fascistas, polo simple feito de que para eles «Capitalismo» é a mismísima Verdade (e o Camiño e a Vida) revelada polo Noso Señor Libre Mercado, que habita na Man Invisible e fai posible o miragre dos pans e dos peixes, alabado sexa o Imperio.

4. O acaecido en Venezuela é moi significativo á hora de calibrala idea de Hispanidade e de Europa que os nosos patriotas neoliberais manexan. Abascal deixouno moi claro ó posicionarse no tuit das 20:13 do 23 de xaneiro: tomando como partida e rispostando a un tuit do Vicepresidente dos EE.UU. Mike Pence, pidindo Abascal o apoio ó «pueblo venezolano» (que non sei que sexa tal cousa) no nome «de los españoles que amamos la libertad». Libertad para que? Mentres Podemos, disolvéndose nun gran significante vacío, recula (socialdemocraticamente) no seu apoio a Maduro, Vox ten moi claro con quen está: cun Imperio de estirpe e prácticas anglosaxonas, esencialmente depredadores por constitución histórica, inimigo consagrado non só de España senon de toda a Hispanidade. Non hai razón para supór que a xestión de Maduro vaia mostrar algún signo de vida intelixente, pero tampouco hai razóns para supór que a riqueza de Venezuela, nin a súa capacidade (a súa liberdade) para controlala e dispór dela, vaian aumentar cun golpe de estado dos EE.UU.; o único motivo (fóra dos obvios intereses das empresas españolas) para baixala cabeza, fincalo xeonllo e bicárllelos pés ó yanki, como Vox lles comanda ó Goberno español e á Unión Europea, é por seren xa, por anticipado, súbditos orgullosos do Imperio.

5. En tanto que inmersos na Historia, calquera tese definitiva está condeada ó fracaso. Mais creo que é posible encadrar a Vox na oleada de movementos nacionais neoliberalistas, que estaría a percorrer os estados occidentais trala crise financieira de 2008; nunha sorte de retorno sobre si mesmas, as distintas partes que conformaban as relativamente sólidas relacións comerciais europeas e transatlánticas, primeiro «lamberíanse as feridas», calibrando o dano de cadanseu corpo social, para logo mirar ás demáis partes con renovado (nunca ausente) recelo, especialmente ós representantes da socialdemocracia (ó partido Demócrata en EE.UU. e ó eixo franco-alemán en Europa); no presente, tales grupos estarían á caza da renegociación dos tratados comerciais, que xa non son suficientes para istas partes (chamadas pola prensa xeneralista «populistas»). Tales serín -lémbrese, grosso modo- os casos Brexit, Trump, Salvini, Le Pen. Caberían incluso en tal esquema as políticas agresivas de Putin e Erdogan. E todo isto beneficia ó Imperio, pois as negociacións son máis doadas se Europa é fráxil. Divide e vencerás. Vox busca para España ser unha porta para a implantación das condicións económicas e militares dos norteamericanos, en coalición cós estados  europeos periféricos, en dialéctica co eixo franco-alemán, por unha Europa neoliberal pero sen libre circulación de persoas. E con respecto a Hispanoamérica, a súa postura é inequívoca: persistir na traición e desprecio ós nosos irmáns hispanos, incitándoos a rendir a súa soberanía ós intereses colonialista do Imperio, a someterse, fincalo xeonllo, degustalo sabor do pó.