A nova música que chega: Invasión.

Autor: Phillip Jeffries


Se algo é tendencia por parte dun sector da poboación nos últimos anos no mundo musical iso é o negativismo. O dicir que xa non se fai música coma a de antes, que xa non aparecen esas cancións que merecen a pena ser escoitadas e que a creatividade xa morreu fai tempo de forma definitiva.

E se algo non deixan de amosar nos últimos anos a inxente cantidade de grupos que, por suposto, segue a aparecer, e que iso é unha completa mentira; que a música continúa máis viva que nunca e que a calidade segue aparecendo ata debaixo das pedras, sendo só necesario o buscar para atopar.

Unha desas novas bandas dispostas a demostrar o último é da que agora falaremos: Invasión.

Aparecidos na cidade de Barcelona en xullo do 2018, menos dun ano despois están a punto de presentar o seu primeiro disco, xa rematado, e aínda non dispoñible na súa totalidade na rede, pero que tivemos a oportunidade de escoitar en primicia.

Sen aínda título definitivo, o máis probable é que o álbum remate recibindo o nome de Avistamiento. O disco, formado por sete cancións, presenta as seguintes composicións:

1. Maladicción (4:06)

2. La colina (3:55)

3. Invasión (2:59)

4. Iba borracho (4:32)

5. Refugios (5:39)

6. Fantasía (3:59)

7. Puta inspiración (4:24)

En apenas media hora de música, Invasión amosa a súa carta de presentación, cun son moi definido, que deixa ben claras as súas influencias e o estilo que, moi probablemente, atopemos nos seus futuros traballos.

O disco comeza con Maladicción, e nela xa se pode comezar a intuír o dito anteriormente. De ritmo e instrumentación contundente, o corpo pídeche bailar con ela, a pesar da desesperación da que somos testemuña con respecto a súa letra, referencia ao suicidio incluída.

La colina continúa, nos primeiros segundos, o camiño iniciado no primeiro corte do álbum, chegando o cambio de dirección coa entrada da parte vocal, a cal nos presenta unha letra á que resulta moi fácil quedarse pegado. A destacar a súa potente batería e un punteo de guitarra moi interesante.

En Invasión, canción que comparte nome co grupo, temos o tema máis curto do disco. Un rock directo, deses que fan saltar á xente en directo sen parar, a pesar da dureza da súa letra, case diríamos que apocalíptica.

Estamos a piques de chegar ao ecuador do disco, e xa vemos que a relevancia dos textos no grupo é unha constante. Isto continuará así o resto do álbum, apoderándose a desesperación e a angustia vital do cantado polo grupo, pero sempre cun toque alegre que invita á esperanza.

No cuarto corte do disco, Iba borracho, atopamos unha textura e un tratamento do son moi ao estilo do dream pop, sendo a canción do álbum que máis se achega a esta corrente musical. Estamos ante un canto a esa vida nocturna barcelonesa, motivo e intento de alivio de/tras a ruptura dunha relación do máis evocador.

O momento máis sombrío e melancólico do álbum chega con Refugios, que comeza de forma acústica, e pode que sexa a canción que máis me gusta do disco. Moi recomendable escoitala cuns bos auriculares (ao igual que o resto do disco) para poder apreciar as distintas capas da(s) canción(s) e desfrutar dela(s) plenamente.

Este momento de baixada cambia de forma contundente con Fantasía, que inicia de forma acelerada e, tras varias mostras de calidade coa guitarra, introduce a voz a machete, cun estilo moi peculiar que podería incluso chegar a recordar ao Bunbury de certos momentos, cantando unha letra que suxire máis que mostra.

E remata a viaxe con Puta inspiración, que inicia cunha batería disposta a pelexar nos primeiros compases do corte, dando paso, coma polo seu título podíase intuír, a unha canción sobre a composición e a capacidade creativa; de onde proveñen as ideas que acaban dando lugar a calquera tipo de obra.

Cando un remata de escoitar o álbum, quédase coa clara sensación de que non hai ningunha canción que sobre, aportando todas algo ao conxunto, habendo a suficiente variedade de recursos e ideas frescas como para que ningunha das composicións se pareza a outra. Cun tratamento do son coidado ata o extremo, destacando moitas veces por presentar capas instrumentais que, por momentos, case ocultan a voz, nunha xogada moi do estilo do que fai J en Los Planetas, non hai dúbida algunha de que o disco está feito cun mimo e coidado espectaculares.

Cun videoclip xa no seu haber, que podedes ver baixo estas liñas, e algúns conciertos iniciais pola ciudade condal, o grupo comezará a presentar de forma “oficial” o disco, que publicarase no mes de abril, en maio.

Sen dúbida algunha, haberá que estar pendentes do que estes rapaces poidan facer no futuro, pois dificilmente a súa carta de presentación podería haber sido mellor. Dende aquí, desexarlles a mellor das sortes no seu proxecto e pedirlles que, de ser posible, fagan parada en Galicia durante a xira do disco, pois aquí lles acolleremos cos brazos abertos (donos de recintos que poidan albergar concertos, botádelle un ollo a Invasión e non deixedes pasar esta oportunidade!).


Redes sociais e formas de contactar co grupo:

Instagram: @invasionbanda

Spotify: Invasión

Facebook: @invasionmusics

Tamén dispoñible a música da banda en AppleMusic, Google Play, Amazon e Deezer.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.