Archivo de la categoría: Artigos

De Freud a Fraiz VI

—Imos cancelar ese pedido de 4.000 carros de combate.

—E iso?

—Estivemos negociando cos dirixentes do outro estado e decidimos que podíamos arranxar as nosas diferencias dialogando. Espero que non che moleste esta decisión así a última hora.

—Para nada. Alégrome, eu sempre digo que  é mellor falar as cousas civilizadamente.

—Pero ides deixar de gañar moitos cartos…

—Vahh,… que  son varios centos de millóns de dólares comparado coa satisfacción de salvar vidas inocentes.

… e así é como os estados negocian coas empresas de armas.

 

Nas últimas semanas sospeitase que en  certo territorio gobernado por un réxime dictatorial estase empregando armas químicas en zonas civís… pero cambiemos de tema, e deixemos a José Manuel Baltar e a sua afección por rociar as beiras das estradas con glifosato, para outro día.

 

O veganismo é una filosofía de vida moito máis antiga do que se cree. Xa durante  Alta Idade Media  era moi común entre a poboación europea. Pero  as  mortes por desnutrición, as extenuantes xornadas tirando do arado a man e a misteriosa  epidemia que se desatou nos locales da Asociación de Amigos da Rata Negra; foron minguando os seus adeptos ata que deixou de ser tendencia.

 

Amancio Ortega donou a hospitais españois cerca do 0,4% da sua fortuna. A ver si o resto de empresarios toman nota, porque a parte de pagar salarios dignos, respetar os dereitos laboráis, crear emprego, non usar man de obra infantil e non evadir impostos…, en que axudan a sociedade española?

 

A cultura do esforzo é a única vía que lles queda aos mediocres que non lograron conseguir os seus obxetivos aproveitándose dos demáis.

Tomás Fraiz Velázquez

O DESPREZO

As cinzas dun vello conflito ourensán

Cada Domingo de Resurrección unha curiosa escena repítese na cidade do Miño. A recreación dun dos episodios dun preito que durante séculos perturbou a paz de Ourense, a guerra entre o bispo e o concello. Estamos a falar do Desprezo, a derradeira lembranza desta antiga rivalidade.

Unha longa rivalidade

Todo comeza aló polo século XII cando a “raíña” de Portugal, a condesa Teresa, outórgalle en 1122 un privilexio ó bispo ourensán Diego no que o nomea señor da cidade. A finais desta mesma centuria temos á primeira mención ó Concello, en 1188, cando o rei de Galicia e León, Fernando II, confirma os fueros e privilegios da cidade.

13
A catedral de Ourense era o símbolo do poder do señor feudal (Andrea Pérez Justo)

O obxectivo do Concello na Idade Media non é outro que acadar o reguengo, o que liberaría a cidade do xugo episcopal e faría señor o Rei (“non hai mellor señor que o que está lonxe”, dicían). A loita municipal desencadeará un preito que chegará a tinguir de sangue ás rúas de Ourense, coma sucedeu en 1295 cando os parentes do bispo Pedro Eáns de Novoa queiman a casa dos Franciscanos na que se refuxiaban varias membros do órgano municipal ou os anos da violencia durante o goberno do bispo Pedro de Silva (1447-1462). Quizais un dos incidentes máis famosos foi o ocorrido en 1412 cando “las ovejas se rebelarón contra el pastor” e o prelado Francisco Afonso foi asasinado nas ribeiras do Miño, no coñecido coma Pozo Maimón. Aínda fai poucos anos estaba viva unha lenda entre os ourensáns que dicía que se ías ó pozo Maimón (preto de Reza) e dicías, “morreu o bispo?” unha voz de ultratumba respondía: “o bispoooo!”

O Desprezo

Aló polo século XVII o concello consegue ó fin a desexada condición de reguengo, mais isto non impediu que o prelado seguise tendo unha grande influencia na urbe. Conta a tradición que a mediados do século XVIII houbo que arranxar a escalinata da Igrexa de Santa María Nai, polo que o bispo demandoulle o goberno municipal o pagamento das obras das escaleiras do templo, mais este non se quixo facer cargo e respondeulle o antigo señor algo así coma “ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus”.

14
Casa do Concello de Ourense (Andrea Pérez Justo)

En 1628 a cidade de Ourense consegue de iure o reguengo, sendo o bispo Juan Venido o derradeiro señor eclesiástico da urbe. Púñase fin asía a case cincocentos anos de loita municipalista.

As festividades da Semana Santa achegábanse e vendo que o Concello non ía sufragalos gastos o bispo e cabido catedralicio déronse presa en realizar as famosas obras. Segundo di a lenda durante a procesión de Santa María Nai, o Domingo de Resurrección, ocorreu o feito seguinte: cando a corporación municipal en pleno dispúñase a entrar no templo o bispo ordenou pechalas portas e pasarlle as trancas para que non puideran entrar os edís, ós que non lle quedou máis remedio que volver por onde viñeran. O pastor cobrara súa vinganza sobre as súas ovellas. O ano seguinte os membros do Concello, temerosos de que o suceso volvese a repetir, agardaron a entrada dos fieis da procesión na igrexa ó pé da “maldita” escalinata, o bispo que isto viu saudou ca cabeza ós políticos (disque en sinal de respecto) e entrou a celebrar a misa.

11
Escalinata de Santa María Nai (Andrea Pérez Justo)

Dende aquela cada ano repítese este acto coñecido coma O Desprezo cada Semana Santa. Segundo di a lenda a cidade segue esperar que algún veciño anime o alcalde a subir as escalinatas e saudar o bispo, e puñan fin así a derradeira lembranza daquel vello conflito.

Autor: David Sabucedo Cardero

Fotografía: Andrea Pérez Justo


Para saber máis:

Mosquera Pans, Miguel. LENDAS DE OURENSE, Ed. Cumio, Pontevedra 2011.