Archivo de la categoría: Nadal

Os nosos Papá Noel

As personaxes tradicionais do Nadal do Norte da Península

Autora: Alba Losada García


Todos coñecemos a ese gordiño bonachón vestido de cor vermella que na Noiteboa colma de alegría con regalos a todos os nenos: Papá Noel; pero este personaxe, aínda que é máis famoso, ten que competir cas figuras que describo a continuación,  pertencentes a nosa cultura, que curiosamente proceden todos da banda norte da península. Os seus nomes varían segundo o seu territorio pero comparten características e costumes similares.

De Oeste a Leste a primeira figura que nos atopamos é a da nosa terriña, Galicia:

 O Apalpador, o amable carboeiro do Courel

“Hoxe é noite de Nadal,

vaite ninín á camiña

que vai vir o Apalpador

a palparte a barriguiña”

(Versos tradicionais de Ourense)

Este xigante barrigudo e barbado é a figura dun carboeiro que baixa, segundo a tradición, na Noiteboa ou na Noitevella dende a serra do Courel a agasallar ós nenos con castañas quentes e algún regalo de vez en cando. O Apalpador como o seu nome indica, apalpa as barrigas dos pequenos comprobando se comeron ben durante o ano e se estes teñen o ventre cheo non pasaran fame durante todo o ano vindeiro.

Esteru, o bonachón montañés

“Y d’entonces tolas navidades, a la final de caa añu, Esteru va polos pueblos con su burru repartiendo juguetes y regalos a los neños pa que sean felices.”

(lenda tradicional cántabra do Esteru)

Un leñador forte e de grandes barbas que sempre leva boina e fuma en pipa. Esta figura vive nos montes cántabros cortando leña ata a chegada do inverno, cando deixa a tala e comeza a fabricar os xoguetes  ca súa hacha, que posteriormente repartiralle aos nenos da rexión, e dalgúns concellos astures marxeantes, a noite de Nadal coa axuda do seu compañeiro o burru.

g26p64f2
Esteru na compaña de seu burru

Olentzero, o carboeiro euscaldún

“Olentzero joan zaigu

mendira lanera

intentzioarekin

ikatz egitera.

Aditu duenean

Jesus jaio dela

lasterka etorri da

berri ona ematera.”

“Olentzero foise

ó monte a traballar

ca intención

de facer carbón.

Cando ouviu

Que naceu Xesús

Veu correndo

A dala boa nova.”

(canción tradicional vasca)

Un carboeiro de orixe navarro que trae regalos ós nenos de toda a área xeográfica de Euskal Herria (Esukadi, Navarra e País Vasco Francés) o día 25 de Decembro. Este barrigudo con chapela e pipa, tamén descrito na popular canción que lle dedican os cativos como “teimudo e sen intelixencia” (buruhandia, entendimendu gabea) vive na montaña illado da sociedade dedicado á fabricación do carbón vexetal, comendo e bebendo de ben, ata que chega o Nadal e baixa ás poboacións.

3-olentzero-4
Olentzero é representado coma un carboeiro co traxe tradiconal vasco.

O Anguleru, un Papá Noel de nova creación

“Nun esistiría nengún personaxe mitolóxicu, nin na nuesa comunidá autónoma nin fuera d’ella, que reparta regalos per Navidá”

(Víctor Raúl Pintado Rey, profesor Asturiano)

No Principado tamén atopamos unha figura parecida a estes Papá Noel, pero que non ten tanta tradición; senón que foi creada no 2008 pola asociación “Garabuxada” para achegar o Nadal á tradición asturiana. Este personaxe vai vestido cun traxe de augas amarelo propio dos pescadores de angula, oficio característico da mariña astur. Cas ganancias da venda das angulas compra regalos para os cativos que lles reparte a noite do Nadal.

l%27anguleru_2
Anguleru é a única destas personaxes que foi creada nos tempos recentes

Lembranzas dunha divindade pagá en Nadal?

Seguramente todas estas figuras estean baseadas nunha mesma personaxe, unha lembraza dun mito de tempos remotos, que cos anos  os costumes foron transformándoo para achegalo á cultura dos respectivos territorios e así poder gozar dunha tradición propia. Mais fóra de discusións de se son invención ou tradición está o sentimento que crean nos máis cativos das nosas terras, a ilusión.

A maxia do Nadal

Chega o Nadal. Esa data tan sinalada na que todos e todas volvemos a ser nenos e nenas. Voltamos a ter ilusión, a crer en Papá Noel e nos Reis Magos. Esa ilusión que pasado o 6 de Xaneiro desvanece das nosas vidas coma se nada houbese pasado.

E é así. E ano tras ano, repetimos aquela frase  de “Como me gustaría volver ser nena/o!”.  Porque estas datas son fermosas para os máis pequechos da casa. Todo cheo de luz e de cor, de agasallos e de cánticos que fan que sexa realmente máxico para eles e elas.

arbol-navidad-pinas
O Nadal enche de ilusión os máis cativos da casa.

Mais… como tornaron os tempos! Se botamos unha ollada cara atrás, e non me refiro a 20 ou 30 anos atrás, senón, retroceder a vista 70 u 80 anos. Á época na que os nosos avós e avoas eran cativiños. Daquelas os Nadais eran ben diferentes.

Para as persoas cristiás, o día de Nadal é unha data sinalada, pois celébrase o día do nacemento de Xesús, fillo de Deus, o referente dos e das crentes. Esa era a idea orixinal da celebración de tan sinalado día. Nembargantes, esa idea de festividade foi mudando co tempo e foise perdendo ese simbolismo.

xmas-coke-59-swscan08634
Papá Noel nun coñecido anuncio.

Nos tempos modernos e a través dunha coñecida marca de refrescos introduciuse na nosa cultura a figura de Papá Noel, aínda que ben é certo que nalgunhas zonas do noso país, como en Quiroga, Trives ou Os Ancares, xa existía unha figura similar a esta personaxe vermella: O Apalpador, que tiña como encomenda palpar as barrigas dos cativos e cativas para saber se foron ben alimentados durante o ano. De non ser así, deixáballes unha presa de castañas ou eventualmente algún agasallo para desexarlles un ano cheo de fartura e saúde.

Agora os nenos e as nenas, chegado o día de Nadal xa non celebran o nacemento de Xesús, agora celebran a chegada de Papá Noel e os miles e miles de agasallos que lle deixou baixo a árbore ou nos calcetíns.

Atrás quedaron os cantos das panxoliñas de porta en porta e ir ben vestidiños á misa de Nadal e adorar ao neno Xesús. Agora toca desfrutar desa boneca que, anda soa! Ou dese coche que da piruetas no aire cun ou, o máis moderno, esa tablet para cativos e cativas que non saben nin escribir!!

Pasan os días da festividade de Nadal e xa estamos agardando a que cheguen as súas Maxestades os Reis Magos que traen con eles agasallos a tutiplén. Os xoguetes de Nadal van quedando nunha esquina. Igual que quedaron as bromas do día 28 de decembro, o día dos Santos Inocentes. Esa data na que antigamente e con moito humor facíanse verdadeiras trasnadas uns aos outros; ás veces algo crueles, pero sempre tomadas con humor e alegría. Era o día propio!!

Con cara de ilusión e incertidume, os nenos e as nenas miran como pasan nun máxico desfiles aquelas personaxes que pola noite deixarán en cada casa de cada cativo/a os relagiños que lles pediron. Esa mirada ilusionante segue sendo a mesma que os nosos avós e as nosas avoas tiñan cando cantaban os Cantos De Reis nas casas veciñas para que lle desen algo de aguinaldo que por norma xeral soía ser en especies: Lambetadas, viño, chourizos, etc… e cos que logo se xuntaban todos e todas facendo unha festa. E a mañá seguinte, cando alguén lles preguntaba: “Neno/a, que che trouxeron os Reis Magos?”, contestaban de xeito resignado e natural: “un anaquiño de carbón”. Pois a miseria e a pobreza eran moitas.

2013010313121983138
Cabalgata de Reis da Coruña.

Sexa como fór, estas datas seguen tendo algo máxico, no que valores esquecidos durante o resto do ano xorden en cada luz, en cada vela prendida, en cada cara dun cativo e dunha cativa. As tradicións mudan, pero a maxia segue estando viva.

Bo Nadal a todas aquelas persoas que por estas datas desexarían voltar a ser cativos/as e saber desfrutar destas datas sen ningún prexuízo. A todos/as vós …. Feliz regreso á Maxia!!!!

Autora: Laura González Borrajo

Imaxe Principal: Jesús Regal (Faro de Vigo)