Chega o Nadal. Esa data tan sinalada na que todos e todas volvemos a ser nenos e nenas. Voltamos a ter ilusión, a crer en Papá Noel e nos Reis Magos. Esa ilusión que pasado o 6 de Xaneiro desvanece das nosas vidas coma se nada houbese pasado.
E é así. E ano tras ano, repetimos aquela frase de “Como me gustaría volver ser nena/o!”. Porque estas datas son fermosas para os máis pequechos da casa. Todo cheo de luz e de cor, de agasallos e de cánticos que fan que sexa realmente máxico para eles e elas.

Mais… como tornaron os tempos! Se botamos unha ollada cara atrás, e non me refiro a 20 ou 30 anos atrás, senón, retroceder a vista 70 u 80 anos. Á época na que os nosos avós e avoas eran cativiños. Daquelas os Nadais eran ben diferentes.
Para as persoas cristiás, o día de Nadal é unha data sinalada, pois celébrase o día do nacemento de Xesús, fillo de Deus, o referente dos e das crentes. Esa era a idea orixinal da celebración de tan sinalado día. Nembargantes, esa idea de festividade foi mudando co tempo e foise perdendo ese simbolismo.

Nos tempos modernos e a través dunha coñecida marca de refrescos introduciuse na nosa cultura a figura de Papá Noel, aínda que ben é certo que nalgunhas zonas do noso país, como en Quiroga, Trives ou Os Ancares, xa existía unha figura similar a esta personaxe vermella: O Apalpador, que tiña como encomenda palpar as barrigas dos cativos e cativas para saber se foron ben alimentados durante o ano. De non ser así, deixáballes unha presa de castañas ou eventualmente algún agasallo para desexarlles un ano cheo de fartura e saúde.
Agora os nenos e as nenas, chegado o día de Nadal xa non celebran o nacemento de Xesús, agora celebran a chegada de Papá Noel e os miles e miles de agasallos que lle deixou baixo a árbore ou nos calcetíns.
Atrás quedaron os cantos das panxoliñas de porta en porta e ir ben vestidiños á misa de Nadal e adorar ao neno Xesús. Agora toca desfrutar desa boneca que, anda soa! Ou dese coche que da piruetas no aire cun ou, o máis moderno, esa tablet para cativos e cativas que non saben nin escribir!!
Pasan os días da festividade de Nadal e xa estamos agardando a que cheguen as súas Maxestades os Reis Magos que traen con eles agasallos a tutiplén. Os xoguetes de Nadal van quedando nunha esquina. Igual que quedaron as bromas do día 28 de decembro, o día dos Santos Inocentes. Esa data na que antigamente e con moito humor facíanse verdadeiras trasnadas uns aos outros; ás veces algo crueles, pero sempre tomadas con humor e alegría. Era o día propio!!
Con cara de ilusión e incertidume, os nenos e as nenas miran como pasan nun máxico desfiles aquelas personaxes que pola noite deixarán en cada casa de cada cativo/a os relagiños que lles pediron. Esa mirada ilusionante segue sendo a mesma que os nosos avós e as nosas avoas tiñan cando cantaban os Cantos De Reis nas casas veciñas para que lle desen algo de aguinaldo que por norma xeral soía ser en especies: Lambetadas, viño, chourizos, etc… e cos que logo se xuntaban todos e todas facendo unha festa. E a mañá seguinte, cando alguén lles preguntaba: “Neno/a, que che trouxeron os Reis Magos?”, contestaban de xeito resignado e natural: “un anaquiño de carbón”. Pois a miseria e a pobreza eran moitas.

Sexa como fór, estas datas seguen tendo algo máxico, no que valores esquecidos durante o resto do ano xorden en cada luz, en cada vela prendida, en cada cara dun cativo e dunha cativa. As tradicións mudan, pero a maxia segue estando viva.
Bo Nadal a todas aquelas persoas que por estas datas desexarían voltar a ser cativos/as e saber desfrutar destas datas sen ningún prexuízo. A todos/as vós …. Feliz regreso á Maxia!!!!
Autora: Laura González Borrajo
Imaxe Principal: Jesús Regal (Faro de Vigo)