Archivo de la categoría: Poesía

Un poeta é aquel que albisca máis alá do seu crepúsculo e contempla as miúdas pingueiras de átomos solemnes que mudan a dor do contemplativo, a poesía é un refuxio para o antihéroe que entende o mundo mellor que ninguén máis non enturbia as augas para que parezan máis profundas. A algúns póñenselle os pelos de punta no solpor, outros, gardan o vacío existencial no seu corpo e mudan de pel se é necesario.
O poeta recita para sí mesmo a melodía da contracultura neste século que pide a berros unha transformación prudente. El naceu para ser destiño, para debuxalo, para ser o sinxelo interlocutor entre o ego e os atributos estoicos. O poeta non teme ser incomprendido, non pretende o rapsoda actual rimar en estructura metódica se non danzar arredor das palabras e erguer a testa ante a morte, sen medo, sabendo que non significa nada. A contracultura naceu para debuxar nas marxes das libretas, romper as estructuras do arte e elevar a calquera mortal a unha inspiración catártica xa sexa a partir de Rimbaud ou de Kiko Neves.

Pablo Gómez Portas

Lecturas Desesperadas

Autor: Pablo Gómez Portas


 

Dicía Roberto Bolaño en Los Detectives Salvajes en voz de Joaquín Font que hai unha literatura para cando estás contento, outra para cando estás triste, tamén hai unha literatura para cando te sentes ávido de coñecemento ou para cando estás tranquilo, pero tamén, afirma o escritor chileno que hai unha literatura para cando estás desesperado “Esta última es la que quisieron hacer Ulises Lima y Belano”, persoaxes principais de Detectives Salvaxes, pesudónimos de Mario Santiago Papasquiaro e do propio Roberto Bolaño. Cando falamos de literatura desesperada, falamos de literatura maldita de feitos e de actos de desesperación emocional por parte do poeta que corre o risco de volverse tolo se se deixa levar pola espiral poética. A maior parte da literatura maldita tanto Lautremauntiana coma Bolañiana  está escrita para mentes adolescentes, mentes sensibles que buscan no coñecemento un recoñecemento interior da súa natureza “o poema perfecto” porén iso ten os seus perigos se antepoñemos a vida ó verso, o simbólico a realidade e polo tanto o lector e o escritor desesperados, como di Joaquín Font, corren o risco de ser uns desesperados “a secas” que  máis adiante e entre “Algodóns nos oídos” buscarán un remanso de paz na literatura escrita para o lector tranquilo. Máis é inevitable non cavilar sobre esta fonte de reflexións que clasifíca o lector segundo a súa tipoloxía. En Rendición de Ray Loriga, por exemplo, o  protagonista vese na encrucillada da súa vida; seguir o camiño marcado, a senda cómoda e correcta ou escapar da normalidade, “recordar onde deixáchelas armas” e ser o dono da túa idea, do teu sino. Curioso é canto menos que a primeira frase do libro garde moito de elocuente en canto a escritura maldita , Loriga inicia Rendición afirmando : Nuestro optimismo no está justificado, no hay señales que nos animen a pensar que algo puede mejorar. E velaquí lectores unha das bases da escritura poética desesperada, para que escribir para xentes felices pudiendo escribir para ansiosos de vida, de literatura de noites acaloradas de realísmo máxico e de momentos polo tanto únicos para logo levar a abella nos beizos?

3861185
Roberto Bolaño

 

A abella sempre se leva nos beizos cavilarán os lectores, sempre , sexa a tipoloxía de literatura que sexa, a literatura desesperada é unha máis, pode unha ou un ser sensible e tamén desfrutar do coñecemento de orde lóxica e corrente, non quero con esto levarlle a contraria a Roberto Bolaño en canto o que quere significar “Detectives Salvaxes” se non expoñer o que no fondo significa a súa obra contemporánea por excelencia , esa mesma obra que sucede a “Rayuela” de Cortázar e  que non é nada máis nin nada menos que a vontade de descubrir nun mesmo o diálogo interior ou a certeza da palabra  nos beizos, na mente e na memoria. Na obra de Bolaño fálase do México Bohemio, dos lugares e das rutas recorridos polos poetas , dos seus diálogos e das súas relacións, sempre en primeira persoa. A literatura sucédese nun esquema en forma de diario que o propio lector vai recompoñendo( en voz dos diferentes personaxes que forman a trama) o lector debe ir arranxando ese caderno de campo ata dar, con Cesárea Tinajero, e dicir; coa poesía en si mesma,  expóñovos polo tanto  o seguinte exercicio de “Realismo Máxico” no transcorrer da miña infancia na procura da miña propia Cesárea Tinajero. Anímovos a atopala , a  que vos atrevades a facelo, a entender a poesía dende o inicio (Raíz) e a entender a necesidade de crear outros mundos enteiramente máis reflexivos e verdadeiros sen connotacións simbólicas, sen elocuencias esaxeradas, deixando so discorrer un pequeno fío da literatura persoal pola matriz da historia:

 Recordo ás tardes de outono con tan so dez anos recorrendo o camiño que ía dende a escola ata a miña casa logo da actividade extraescolar de pintura e artesanías, esas tardes nas que debería ir camiñando pola estrada que pasa polo Pazo dos Marqueses de Mós e diante da igrexa de Santa Eulalia  e recordo tamén o que nese momento se me pasaba pola cabeza coma unha asimilación fugaz a denominada historia persoal, o punto de partida, unha idea previa a narración mental diaria, un síntoma inicial de ansia pola narración interior ( Ansia Bolaniana na procura de Cristina Tinajero?) cando  aínda era un neno:  “ Xa por fin é xoves e os días  son máis pequenos , hoxe foi un dia animado na escola , pasamos o dia de aquí para alá, das clases de matemáticas ás lecturas de Aldán e logo un documental nesa aula que tanto me gusta, cargada de mapas e bolas do mundo e mesmo dun esquelete para aprender o corpo humano e que me tele transporta a outro tempo.  O documental ía sobre a terra , as súas formacións rochosas os seus mares inmensos ás súas paisaxes de variadas formas e temperaturas, logo atopeime con ela pero quedei calado coma un paxaro cando se fai de noite…”

Icluso cando o paxaro camiña, nótase que ten ás.. A.M.L

É un simple exercicio no cal o meu eu transpórtase a infancia, a unha situación relativamente hipotética. É a poesía unha suma de situacións hipotéticas edulcoradas a posteriori con realismo máxico? Non atopo resposta máis seguro que si que hai algo de verdade, como de verdade tamén atopamos no cine de Julio Medem , un cinema no que o espectador transfórmase directamente nos personaxes que decoran a escea e polo tanto existe indubidablemente unha vontade de “realismo máxico” por parte do director, unha vontade por crear un cinema desesperado. Non pretendo ser pretensioso  en canto ás miñas evocacións a feitos pasados, reivindico os feitos pasados das persoas como unha narración de situacións e estados emocionais e por elo lévovos a outra etapa da miña adolescencia cando por primeira vez vin o filme do director Vasco “Os amantes do círculo polar” a primeira impresión e o recoñecemento de outros mundos, lonxe das xergas propias da adolescencia e lonxe tamén da idiosincrasia a que pertencía, a palabra tiña o valor de palabra “a man que escribe vale máis que a que ara”.

Tierra-Julio_Medem-1996-CSF-06 (1)
«Tierra» un filme de Julio Medem

A personaxe principal ,Ana, establece un diálogo en primeira persoa : A historia nárrase en círculos , Otto busca a Ana incansablemente, tenta atopala, Ana narra na voz da súa infancia:“Cuando hace frío la mayoría de las cosas van más deprisa, o llegan antes. Me refiero a las casualidades. Me encanta que haga frío. Una tarde de mucho frío leí una pregunta de amor, demasiada bonita para la letra de un niño. Aquel mensaje lo tenía que compartir, no sabía que hacer con él.” Ana e Otto son distintas posicións literarias, encontros que se van repetindo en forma de casualidades, Ana é a poesía en si mesma e Otto tenta atopala. Noutro dos filmes do director Vasco atopámonos ca personaxe de “Caótica Ana” a cal realiza pinturas absolutamente superficiais ca fin de canalizar o seu diálogo interior no que intervén a desesperación de recordar ás súas vidas pasadas, o seu padecer e o seu sufrimento nesas outras vidas. O espectador neste caso interpreta o potencial artístico e o pon en valor co pasado da protagonista, voltamos a Bolaño  en Los Detectives Salvajes cando afirma “Qué lástima que pase el tiempo ¿verdad?, qué lástima que nos muramos y que nos hagamos viejos y que las cosas buenas se vayan alejando de nosotros al galope“. Como se foi a Mari de Julio Medem , na desesperanza do sexo , unha semideusa que atopa na mente dun home de dúas persoanalidades un raio de luz, de luz entre tanta desesperaza, de ansia de luz polo tanto, e logo non hai na poesía moito de amor propio pola búsqueda da luz entre as tebras?

POR FAVOR, DÁME GUERRA


Un poema de Manuel J.Maside

I

O ar é difícil de respirar
Afogo nesta tarde de calor
Algo comprime o meu peito a golpes
Desexando estar ou non estar
Na dúbida
No consolo de deus
Un golpe maestro
E todo se fai area
Pides liberdade
E ollas anoxado ao mundo
Porque non hai
Nunca hai
Sempre están ocupados 
Aos que hai que pedirllo

Un verme sae da mazá
Un home grita ao ceo vermello
Non temos saúde
Estamos enfermos
Por simple vaidade
Perfume secreto no teu amor
Ollos que se perden na fronda
Augures, xa os escoitei antes
Límites, xa os roldei antes
Fodo e fodo na ferida
Bótolle moito alcohol
Estes versos semellan baleiros
Mais conteñen o meu sentir
Mundo perfecto
Déixame pregarche
Mundo imperfecto
Déixame facerche o amor
(Mentres Jim Morrison está morto
E a demasiados parécelle importar)

Perdo o norte, o sul
Pérdome a min mesmo
A lembranza está bastante ben
Cando só lembras ledicias
Axiña chegan os trebóns
Axiña a choiva quente
Os homes de deus, os pequenos demos
A saudade foi e será unha forma de vida
Ser barfly é un traballo a tempo completo
Ollar ao infindo, aos collóns dunha galaxia
Ollar ao son que reverbera nas veas
Somos fillos dun solpor quente
Unha noite sen fin
Somos noxo nunha cunca
Somos noxo nun barril

Libre e salgado o bocado
Petisco de almas humanas
Salouco con sabor doce
Milenios de diáspora e son

Só quedo eu e o vaso
Só quedo eu e o ceo
E o calor que cae sobre nós
Vaso, ti e máis eu
E que lle dean ao mundo enteiro

II

A cama danza
O ceo no teito é estrelado
Soamente eu e máis ese ceo
Acubillados da choiva
Asinada a pena de morte
De loito pola luz

Sopra o vento do mar
Un conto de antes
Unha lembranza
Unha situación revirada

Lume no corpo
Non quero durmir
Soñar esperto para sempre
Unha forma de ser

E ti e máis eu loitando
Pola hora na que ir a morrer
Punto morto
Saída final
O mundo escapa dos dedos
Somos o derradeiro solpor
Fotógrafa : Laura Hospes