Archivo de la categoría: Poesía

Un poeta é aquel que albisca máis alá do seu crepúsculo e contempla as miúdas pingueiras de átomos solemnes que mudan a dor do contemplativo, a poesía é un refuxio para o antihéroe que entende o mundo mellor que ninguén máis non enturbia as augas para que parezan máis profundas. A algúns póñenselle os pelos de punta no solpor, outros, gardan o vacío existencial no seu corpo e mudan de pel se é necesario.
O poeta recita para sí mesmo a melodía da contracultura neste século que pide a berros unha transformación prudente. El naceu para ser destiño, para debuxalo, para ser o sinxelo interlocutor entre o ego e os atributos estoicos. O poeta non teme ser incomprendido, non pretende o rapsoda actual rimar en estructura metódica se non danzar arredor das palabras e erguer a testa ante a morte, sen medo, sabendo que non significa nada. A contracultura naceu para debuxar nas marxes das libretas, romper as estructuras do arte e elevar a calquera mortal a unha inspiración catártica xa sexa a partir de Rimbaud ou de Kiko Neves.

Pablo Gómez Portas

Clara Vidal, Poesía.

Pensa en min como suxeito policromado dun videoxogo.

 

Corro polo tren

no sentido contrario ao seu destino,

 

como querendo escapar do traxecto

porque partín                               e me afasta de ti.

 

Non controlo a máquina,

do mesmo xeito que non souben fixar o pasado

ou non sei evitar a estación futura.

 

A miña estada no vagón

corresponde á enerxía que me deixas,

á que queda.

 

Fuxo                                                 en contra

porque nada espera cando a locomotora decida

que chegou.

 

Vou sen rumbo.

 

Clara Vidal

Fotografía:  Inés Regueiro Roca 

 


  • Para saber máis da autora visiten o seu wordpress:

http://claravidalpoemas.wordpress.com

 

 

AS HORAS DIMINUTAS

 

“A memoria, onde se lle toque, doe”
Giorgios Seferis

 

Sabe a man pechada

do tacto

que é figura na memoria?

 

**

I

Baixo as miñas bágoas
xaz un corazón de can
que teme abandonos.

II

Entre as horas diminutas
ningunha conmove esta penumbra.

III

Un sospiro nasce e espeta contra o día.

Hai un intre no que a fatiga prevalez
e se teme o tempo.

IV

Aparentemente inzado
de rotinas,
descansa o irrevogable.

Que a súa fame de non falar escriba unha carta.
Pero de resplandor,
sen que amaneza.

V

Acompaño o pesadelo que coñezo e sei.
Gárdome da impotencia
ante a eficacia da dor.

VI

Eu quixen nadar no estremezo do instinto
pero cambia de lugar
coa brevidade do humano.

 

VII

Lembremos,
lembremos sen aviso
en que xeito fomos pasos entre as follas,
necesaria dor que repasara os vieiros.

 

(É escuramente delicada a memoria)

Amauta Castro

Fotografía : David Novoa