Archivo de la categoría: Sociedade

Renacer ou ocaso das Burgas

O pasado 7 de Abril o colectivo “Aos comercios 1920” organizou unha xornada de sensibilizazón sobre o estado no que se atopa o patrimonio que engloba ao conxunto As Burgas – Casa de baños – Praza de abastos. Ao longo do día máis de duascentas persoas participaron da actividade e mostraron a súa opinión

Sabías que enterrado baixo o colexio das Josefinas se atopa un Hypocaustum romano? Non vos alporicedes, esta estrutura termal quedou correctamente conservado baixo o actual colexio, co obxectivo de ver a luz nalgún momento da historia. Este e outros tesouros do que todavía se considera o enclave monumental por excelenza da cidade, aínda están a tempo de seren rescatados. Pero non é só o valor patrimonial o que convirte As Burgas nun lugar sinalado, senón tamén o seu valor cultural e social. Antano, gran parte da actividade da cidade xiraba entorno a esta fervenza milagrosa que dende hai 4.000 anos constitúe o xerme da devoción que moitos sinten pola nosa cidade.

_MG_9038
Fonte de As Burgas    (fotog: Cris Armadanzas)

O colectivo quixo poñer de manifesto o mal estado no que se atopan algúns dos antigos eixos da actividade da zona. Grazas a eles puiden coñecer vestixios que que moitos descoñecen sobre a vida ao redor dos lavadoiros da Praza de Abastos, a Casa de Baños, as Panaderías das Burgas e o Hypocaustum.

_MG_9150
Visita guiada   (fotog: Cris Armadanzas)

 

Durante todo o día os integrantes estiveron concienciando á xente sobre os monumentos que xa non existen e os que aínda poden ser devoltos á vida, e pola tarde ofreceron visitas guiadas para que curiosos e turistas souberan destas xoias do pasado. A afluenza ao longo do día foi multitudinaria e moitos puideron desfrutar encantados destes anacos da historia. Por outra banda un grupo de pandereteiras puxeron o toque musical cunha foliada e cánticos contra a corrupción, poñendo o foco sobre a necesidade de repensar a situación de limbo na que se atopan As Burgas.

Pero, de onde procede o abandono claramente visíbel de parte deste conxunto histórico? Deixadez, crise económica, inacción política… poden ser moitos os factores implicados. Hoxe aínda se pode ver o cartel sobre as actuacións proxectadas na antiga casa de baños, ao carón do río Barbaña, mais a falta de consenso deixaron o que ía ser un dos enclaves turísticos e patrimoniais máis relevante da cidade, nun solar abandoado propio dun videoclip underground.

_MG_9171
Piscina romana das Burgas      (fotog: Cris Armadanzas)

Quizáis a cidadanía tamén deberíamos reivindicar e participar do que queremos que se faga, como reza unha lenda no xardín que rodea á fonte termal: “La custodia de estos jardines queda confinado al público”. Para rematar, a preciosa instantánea da reporteira gráfica Cris Armadanzas ámosanos un atardecer de feitizo, de nós depende que este ocaso sexa só paisaxístico, e que coa mesma forza que a auga nace da fonte, renaza tamén a maxia deste lugar único, no que din, entre outras lendas, que se lavas tres veces a cachola, casas cun ourensán.

Vou ver se hai sorte.

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas

 

Integrantes de “Aos comercios, 1920: Escua, AUCE – Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, A.C. Oscar Allos, Radio Liverdade, A Kasa Negra, Sustinea, A Bela Auria, Marcha Mundial Mulleres Galiza, Amigos da Terra, AC Algaravía, A Galleira Ourense.

Febre Gaélica en Ourense

Revive o acontecemento histórico que o pasado 18 de marzo tivo lugar na nosa cidade. A desputa do partido no que se enfrontaban as seleccións de fútbol gaélico de Francia e Galicia convertiuse no primeiro encontro deste deporte en ser retransmitido en vivo fóra de Irlanda

Fai un mes a TVG2 desprazábase ata o campo da Universidade do Campus de Ourense para emitir en directo os dous partidos de fútbol gaélico que as seleccións femenina e masculina de Galicia e Francia desputaron respectivamente entre sí. Chegamos ao campo e respírase ambiente festivo, gradas repletas, e unha morea de aficionados e curirosos ansiosos de ver e saber.

_MG_8356
Saque inicial do Galicia-Francia (fotog: Cris Armadanzas)

 

Que é exactamente o fútbol gaélico e de onde ven?

Para que entredes en contexto e aínda que o nome deste deporte fai tempo que soa con forza entre nós (xa son poucos os completamente alleos a súa realidade) aquí vai unha retrospectiva.

Técnicamente e de forma resumida, o fútbol gaélico (en irlandés peil) mestura fútbol e rugby nun campo rectangular onde as porterías en forma de H permiten anotar tres puntos na parte baixa (un gol tradicional), ou sumar un único punto lanzando o balón entre os paus verticais. Para mover o esférico poden empregarse tanto as mans coma os pés.

En canto a orixe e repercusión, este deporte é moi popular noutros países ao norte do noso, primordialmente en Irlanda, onde é considerado deporte nacional e goza de moitísimos espectadores, o 34% das audiencias deportivas para ser exactos. Alí, as regras modernas de xogo estrablecéronse en 1886, sen embargo crese que a súa pegada remóntase nin máis nin menos que a idade media.

_MG_8511
Xogadores de Francia (esq) e Galicia (der) (fotog:Cris Armadanzas)

O último pilar nesta ecuación é a filosofía, acadando a perspectiva de cohesionador social. Segundo regras non escritas o fútbol gaélico é por definición un deporte non profesional. Este deporte xógase por afición e en base a unha serie de valores e códigos cuxo obxectivo é o respeto a tódalas condicións humanas. Para que serve o deporte senón para vivir a diversidade e desfrutar da actividade física nun entorno competitivo limpo? Ultimamente temos visto o alto nivel de crispación que se da noutros deportes, eminentemente no fútbol, onde incluso en categorías onde compiten os máis pequenos a violencia parece xogar, por desgraza, tanto coma os rapaces. Pero a emoción non está nas disputas da grada, senón no campo, e as xogadoras e xogadores de fútbol gaélico ofrecen un espectáculo entretido e digno. A tensión, o movemento, o contacto… o espectáculo en definitiva, non está reñido coa deportividade e o “fair play”, e neso creo que estamos de acordo toda a sociedade.

Traxectoria en Galicia

Volvendo ao noso país, o percorrido do fútbol gaélico remóntase ao ano 2010, momento no que naceu na Coruña o Fillos de Breogán, que actualmente consta de equipo masculino, feminino e mixto, e incluso con filial, o Árbatros de Oleiros. En Ourense dase un caso particular, xa que o primeiro equipo que apareceu foi o feminino, baixo o nome de Auriense F.G. que foi medrando ano a ano e conta agora tamén con equipo masculino e mixto. En canto á selección o seu primeiro contacto internacional foi contra a Bretaña en xullo de 2012 onde fixeron boas migas ámbolos equipos. Posteriormente a selección galega lograría colarse nos xogos mundiais de fútbol gaélico, os GAA World Games de 2015, que se celebraron en Abuh Dabi, e repetiron o ano pasado en Irlanda, desta vez, ambos equiopos (masculino e feminino) conseguiron traer ambos trofeos á casa. Por diante agora hay un longo camiño por percorrer, e moita perspectiva. Sonada foi a entrega da camiseta da selección galega que o embaixador Irlandés, coñecedor do orixe galaico do noso presidente, lle regalou a Mariano Rajoy.

Podedes revivir o partido do pasado 18 de marzo aquí. Especialmente emocionante foi o principio, no que se escoitaron os himnos das dúas nacións, e sobre todo, o trepidante encontro das seleccións femininas.

_MG_8496
Imaxe da irmandade entre os xogadores e xogadoras de cada país (fotog: Cris Armadanzas)

Se vos pica a curiosidade e queredes comprobar na vosa propia pel como se sinte este deporte, podedos consultar nesta ligazón os equipos de fútbol gaélico en Galicia e ónde atopalos. Animádevos! Os equipos esperan por vós.

Autor: Roberto Nespereira Pereira

Fotografía: Cris Armadanzas