Archivo de la categoría: Teatro

Resaca escénica

Cando fun ver Perplexo ó Carballiño, tívenlle que pedir á miña nai que por favor levase ela o coche de volta, xa que ó saír do espectáculo, tremíame o pulso. Aquela tarde subín nun carrusel de emocións grazas a IlMaquinario Teatro e a súa lectura escénica do texto de Marius Von Mayenbug, e non fun a única: lembro que nada mais se prendeu a luz de sala que anuncia o final, un neno berrou dende as primeiras filas “Mamá ¡ha sido alucinante!” . Non fomos os únicos. Esa montaxe acadou 5 premios María Casares consagrando á compañía coma unha das máis prometedoras do panorama galego. Despois de Perplexo, fin de festa. E toda festa digna non se concibe sen unha digna resaca.

O pasado fin de semana puxen a proba de novo ós meus nervios no Auditorio Municipal de Ourense, asistindo ó terceiro dos catro días de funcións inaugurais da nova montaxe de IlMaquinario. En escena  Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez ,  e nesta  ocasión, Vadim Yukhnevich, toda unha presenza musical que os ourensáns e ourensás poidemos ver recentemente en Normas para vivir na sociedade actual, de Sarabela Teatro. O espazo sonoro é música en directo, o receptor de proxeccións é unha suxerente cortina , as luces da festa son sobrias lámpadas, o misterio é un outeiro de area. Comeza o espectáulo e dous actores interveñen dende as bancadas do público rompendo a cuarta parede e tamén o ritmo escénico que ata o de agora ven marca unha cantante entregada ao amor. Interrómpena para dialogar en clave de relación amorosa. O público está xa preparado para deixarse provocar. E de súpeto, outra rotura da cuarta parede e unha navallada narrativa: despois de todo, resulta que non estabamos alí para que nos contasen outra historia de amor. Somos espectadores das entrañas de IlMaquinario, xa que nos están a contar  en primeira persona do plural a decisión de non falar de amor, de mudar o rumbo dos acontecementos. Nunca é tarde para mudar de opinión e mais cando a vida ( ou quizais a morte?) se mete no medio. Non, non falaremos de amor, falaremos de perda e de memoria. A perda de Álex, unha muller-símbolo  que todos os implicados na obra coñecen, unha muller común , e ó mesmo tempo extraordinaria, que desaparece e que vive agora nas lembranzas que rescatan do tempo compartido con ela.

aitor-uve
Fotografía de Aitor Uve

A través dun despregamento de técnica actoral, preséntasenos a historia desta Álex, que non é outra que a historia dos que a precederon: súa nai, seu pai, avó e avoa, os pais e nais destes… estamos a mergullarnos na súa xenealoxía coma se construísemos un crebacabezas do cotiá, e achegándonos con ese particular anecdotario ao  progreso, ao caciquismo, á opresión da muller, á rebeldía, á morte, etcétera. Nesta ocasión, a compañía do director Tito Asorey, apostou por unha dramaturxia propia, valéndose da colaboración da dramaturga Ana Carreira. Trátase dun espectáculo ó cal se achegan dende eles mesmos, atacando a proposta  pola vía dunha ambiciosa riqueza temática.

As imaxes escénicas revélansenos con potencia: Unha mesa, que mais ben é un baúl, que emerxe soterrada da area;  o frenesí dunha bailarina que aumenta canto máis lle din que deixe de bailar;  descubrir a chegada da luz eléctrica a un pobo galego a través da pantalla dun móbil nunha retransmisión en vivo; un misto que se está a consumir ó mesmo tempo que se esvaece unha lembranza… E máis, tantas máis, que se esvaecen tamén da miña memoria e que vós podedes recuperar visitando os teatros e acompañando a IlMaquinario para reflexionar sobre a perda e para atoparvos na memoria.

RESACA poderase desfrutar o 16 de Febreiro en Lugo e o 17 de Marzo en Vigo, despois de pasar polo festival Escenas do cambio en Santiago de Compostela.

Autora: Carlota Mosquera Rodríguez

Resaca

Como comeza unha historia de amor? Como se supón que remata? Que deixa polo medio? A obra teatral Resaca non deixa, de seguro, a ningún espectador indiferente. A acción iníciase cunha voz recitando un suposto poema, que máis ben resulta un trabalinguas, a unha persoa querida, que gusta, e que se atopa entre o público. A partires deste intre, sucédense acontecementos cotiás reconstruíndo a memoria dos antergos daqueles que se atopan sobre o escenario. Historias reais recuperadas para poder tecer e reconstruír esa maraña que é a vida.

Confórmase o argumento en torno a unha persoa xa finada, amiga de todos os intérpretes, saíndo a relucir todas as conversas que tiveron con ela, facendo un hábil repaso de acontecementos que están agochados nos sitios máis recónditos da memoria. De feito, dáse o caso de que intentan describir todos con precisión os seus rasgos físicos e o seu carácter, mais todos varían un algo o seu alegato, sen poder chegar a un consenso absoluto.

resaca-2

Resaca xoga con esa idea de aquilo que queda despois dos feitos, unha especie de estela do acontecido, daquilo que cuspe o mar cara a costa. Reconstrúese a vida desa persoa falecida e a da súa familia, significando unha homenaxe sentida a esa árbore xenealóxica reconstruída a través da sucesión de escenas habilmente  recreadas no teatro.

A execución musical tamén está moi ben coidada, e ó ser tocada en vivo, colle un matiz especial, semellando reforzar moi ben a atmosfera que se quere buscar en cada momento e, como xa se dixo, esta é unha obra que remove conciencias, pois os acontecementos relatados son parte de moitas das familias que puideron asistir ó acto.

resaca-1

En definitiva, o espectador sae do lugar sen ter moi claro canto do alí contado pode ser real e canto ficticio, pero dende logo do que pode estar seguro é de que a resaca será moito máis levadeira se o alcohol é bo; se en vez de emborracharse para esquecer e facer do día seguinte un trámite estéril, anímase a vivir plenamente cada novo amencer;  se se anima, en definitiva, a emborracharse coa vida.

Autor: David Conde Seoane

Fotografía: Lucía Donado Calo