V ANIVERSARIO DO FESTIVAL DA LUZ:COLLEITANDO MÚSICA E SOLIDARIDADE

 

Un ano máis, e van cinco, a música e a solidariedade xeran unha enerxía lumínica que se manifesta, nun festival que como indica o seu nome, ilumina poderosamente a paisaxe lúdica galega, cunha potencia que o fai visible en toda España.

E o «Festival de la Luz» que se celebrará o 9, 10 e 11 de setembro na aldea de Andabao- Boimorto (A Coruña), na casa natal de Luz Casal, a súa anfitrioa. “Queremos que la cultura entre en el rural de forma a través de un festival marabilloso, singular y único” dixo na presentación Luz Casal, e esa pretensión converteuse en realidade, posto que o «Festival de la Luz» é por dereito propio un festival único, para todas as idades,  que en edicións anteriores  colleitou un éxito de público que así o demostra.

A música é sen dúbida o «cultivo» con maior poder atractivo e por elo nesta edición, durante os tres días que dura o Festival , máis de 40 artistas e grupos subiranse ó escenario instalado nunha parcela de 3 hectáreas.

O día 9 farano, Heredeiros da Crus, Riff Raff, Superoito, Agoraphobia e Mayor Tom. O día 10 farano Luis Eduardo Aute, Asfalto, Vanessa Martín,Miguel Costas, The Pink Tones (Homenaxe a Pink Floyd), Susana Seyvane, Sober, Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Gúzman, Guadi Galego, Anaut, Chris Barron, Pedro Guerra, Monouliousdop, Soledad Vélez, Fredi Leis, Adrían Costas, Zoar, Banda de Gaitas de Boimorto, Los Vinagres e Rafa Morcego Dj.  O 11 é a quenda para Hombres G, José Mercé, Elefantes, Rosa Cedrón, Willie Nile, Cosmosoul, Triángulo de Amor Bizarro, Malvela, Los Cigarros, Jackson Brownie& Raúl Rodríguez, Cuarteto Caramuxo, The Lakazans, Manuel Malou, The Family Folks y Samba.

A estes artistas hai que engadir os gañadores do Concurso de Maquetas «Cultivando Música» organizado por Estudios Mans e a Asociación Cultural Festival de la Luz, que este ano inclúe unha categoría infantil.

O festival quere potenciar alternativas económicas e sociais para o medio rural. O “Mercado de la Cosecha” será o espazo dentro do recinto do festival destinado a mostrar servicios e iniciativas que xeran novos recursos pensados para mellorar a calidade de vida no rural. O público poderá desfrutar da mellor gastronomía de Galicia, cunha ampla oferta de restauración, que abarca dende a cociña máis tradicional ás propostas máis sorprendentes. A Zona Infantil  dará cabida a todos os que queiran divertirse nesta área dinámica, lúdica e de tradición.

O “Festival de la Luz”  doará a súa recadación en taquilla a Oxfam Intermón en beneficio dos afectados polo actual conflito en Siria. O prezo do abono para os 3 dias é de 15 euros + gastos de distribución e 10 euros as entradas dun día, e pódense conseguir en A Coruña en Viajes Galitur, Rúa de Juan Flórez, 40. 1500.

 

NONITO PEREIRA REVUELTA

JACOBSLAND, UNHA ROMARÍA VIQUINGA

“A furore normannorum libera nos Domine/ Da furia dos homes do norte libranos Señor.”

(Oración altomedieval)

Di a tradición nórdica que Odín é o deus dos camiños e patrón dos peregrinos, el mesmo recorre acotío os camiños do mundo na forma dun home vello de longas barbas brancas; vestido cun abrigo escuro, sombreiro vello e portando un caxato ou vara. Non sei se as peregrinacións de Odín  levaríano nalgunha ocasión a percorrer O Camiño dos camiños, aquel que leva a Compostela, pero dende logo seus fieis viñeron en numerosas ocasións a Galicia atraídos polas riquezas que posuía o santuario do Apóstolo. Inda a día de hoxe os terribles homes do norte desembarcan no noso país.

Na primeira fin de semana de agosto catro drakkars (embarcacións viquingas) chegan a ría de Arousa e intentan tomar terra na localidade de Catoira, onda o pé das vellas Torres do Oeste a poboación nativa tenta impedir o desembarco. Cando xa pasou máis dunha semana da Romaría Viquinga semella que non paga moito a pena falar deste feito, neste mundo onde a información ten que chegar ao público case ao momento de estar ocorrendo o suceso en si, mais neste caso para min non vale ese dito de “pasado o día pasou a romaría” xa que considero que a historia recreada nesta festa é de moito interese, e calquera día é bo para falar dela. Esta celebración, que xa leva case 60 anos celebrándose, recrea as numerosas campañas que cada verán os piratas normandos realizaban nos países cristiáns. De sobra son coñecidas as incursións que fixeron en Francia ou Inglaterra, series televisivas modernas coma Viquingos baséanse nas aventuras dos escandinavos naquelas terras, pero o certo é que Galicia foi un enclave de atracción para estes pobos que denominaban ao noso país coma Jacobsland (Terra de Santiago).

vikingos2
Barcos normandos nunha miniatura medieval.

A primeira vez que os lordemanos (coma se coñecían aquí) chegaron a Galicia foi no 844, e volverían en cinco ocasións máis ao longo de dous séculos. A historia que se recrea en Catoira baséase na derradeira campaña dos escandinavos na nosa terra, que levou a cabo o caudillo Ulf “O Galego” (alcume que lle ven dado polas súas correrías en Galicia) no século XI. Este persoeiro esta dacabalo entre o mito e a realidade, parece ser que durante uns 40 anos pululou polas nosas costas dende que participara noutra incursión en 1015 baixo o mando de Olaf Haraldson, daquela fora saqueada toda a ribeira do Miño dende Tui a Ourense, e ámbalas dúas cidades foron arrasadas. Nos anos seguintes este Ulf, ao parecer, chegou a combater coma mercenario xuntos cos seus homes ao servizo dalgún conde galego que se rebelara contra o rei de León, mais non esta probado (inda que si é certo que naquela época os señores galaico-leoneses empregaron nalgunha ocasión os servizos de guerreiros viquingos). O caso é que “O Galego” en 1048 entrou cas súas naves pola ría de Arousa e saqueou a rexión. Para rematar con esta ameaza, xa que unha vez entrado na ría podíase remontar o Ulla ata Santiago, o bispo compostelán Cresconio reuniu un exército e enfrontouse ós homes do norte, ós que derrotou e expulsou. Unha vez que estes volveron as súas terras o prelado galego mandou construír unha fortaleza onda Catoira para defender a ría dos ataques destes piratas, O Castelo Honesti, que nos tempos modernos chamamos Torres do Oeste.

Parece ser que case mil anos despois daqueles feitos as oracións dos aterrados europeos daquel tempo foron escoitadas, xa que agora os viquingos volven a Arousa unha vez o ano, pero a súa sede de sangue e riqueza mudou pola de festa.

David Sabucedo Cardero

Para saber máis:

Morales Romero, E. Los viquingos en España. Ed. Miraguano, Madrid, 2006.

-Badal Salvador, M.A. El señor de Lordemanos. Ed. De Librum Temens, Madrid, 2011. (Novela).