CAPHARNAÜM

Cine de calidade ou facer negocio da miseria?

Autor: Phillip Jeffries


Poucos días despois da clausura do Festival de Cine Internacional de Ourense, e podendo facer xa valoracións máis en frío, é momento de falar dun dos auténticos bombazos do certame: Capharnaüm.

Película de orixe libanés, dirixida por Nadine Labaki, o que aquí atopamos é unha metraxe que logrará remover as túas emocións, cunha sinopse que xa pon a pel de galiña antes aínda de ver nada dela, e que non podería ser máis engaiolante: “Tribunal internacional. Zain, un neno de 12 años, declara ante o xuíz. O xuíz: Por que demandaches aos teus propios pais? Zain: Por darme a vida.”

2776515.jpg-r_1280_720-f_jpg-q_x-xxyxx
Cartel do filme

Ao longo da metraxe coñeceremos a este rapaz, neno de idade descoñecida, pois os seus pais nin tan sequera tiveron a decencia de comunicar o seu nacemento no rexistro civil. A situación deste chico non podería ser máis dramática. De orixe máis que humilde, formando parte dunha familia que recorre a todo tipo de ilegalidades para poder gañarse a vida, e que non sinte ningún tipo de cariño nin por el nin polo resto dos seus irmáns, o noso protagonista leva unha vida chea de miseria, alcanzando o seu punto crítico cando os seus pais dan en matrimonio á súa irmá, de 11 anos, a un home de máis de trinta.

 

 

Será nese momento cando Zain, farto, decida marcharse da súa casa. Tras un tempo de vagabundeo, tratando de encontrar traballo nun parque de atraccións, remata coñecendo a Rahil, muller etíope, traballadora nese mesmo parque, coa que pasará a vivir, atopando o máis próximo a unha vida familiar que terá ata ese momento, con ela encarnando a figura de nai, e Yonas, o seu fillo, a de irmán.

Todo parece ir ben, pero os problemas voltarán cando ela desapareza, tendo que ser un neno pequeno o que se encargue de manter con vida a outro que o é aínda máis, pelexando contra todos os obstáculos e adversidades que a vida xeral xa pon de por si, é que, coma é lóxico, increméntanse cando é un neno o que ten que actuar coma se de un adulto se tratase.

Nun mundo tan polarizado coma o actual, esta Capharnaüm, non podía ser doutra forma, está a provocar unha auténtica división entre o público dunha maneira que fai tempo que non se vía. A pregunta é a seguinte: Estamos ante unha película que denuncia a situación que estase a vivir nos países de condicións semellantes ás retratadas na metraxe ou ante un produto manipulador que busca xogar coas emocións do espectador para que fale ben do que viu, sen importar a calidade real do filme?

A xente estase a dividir en dúas faccións. A dos que pensan que supón facer negocio da miseria allea e a dos que pensan que a película supón en todo momento unha denuncia á situación que millóns de nenos viven ao redor de todo o mundo.

Baixo o meu punto de vista, estamos ante o segundo caso, non dándose o primeiro para nada.

A película é máis que evidente que, no aspecto emocional, vai ao fácil, e o mellor exemplo disto é que sexan dous nenos pequenos os que rematan sendo os principais protagonistas do que vemos en pantalla; pero se consegue chegar ao espectador, aínda que sexa grazas a isto, acaso importa? Non é precisamente iso, que provoque en nós emocións, o que lle pedimos ao cine? E se aínda por riba se está a levar a cabo unha denuncia tan potente como a que Capharnaüm leva, na miña humilde opinión, a cabo, mellor que mellor.

Pode que mostrar a situación que alí estase a vivir a través de personaxes infantís (todo o tramo no que Zain coida de Yonas é entenrecedor a máis non poder) teña algo de truco, pero é completamente entendible dende o punto de vista de que só así é posible falar do que está pasando a todos os niveis aos que a película o quere facer.

Outro debate que tamén está a ser posible encontrar na rede é o de se a película está a pedir que a natalidade sexa controlada nos países máis pobres, pero isto é algo que non considero que ocorra na metraxe. Zain loita nun momento por lograr a escolarización, feito que finalmente non consegue. Os pais aseguran que tratan aos seus fillos como eles foron tratados. E por onde pasa precisamente que exista un cambio a ese nivel e en como as seguintes xeracións son educadas e criadas? Precisamente na educación. O que por miña parte vexo é unha denuncia de que a situación é así en determinados países pola ausencia de escolarización e de educación coas que estes contan, continuando a situación no caso de que isto non cambie, e non unha petición de que a natalidade sexa controlada.

Temas coma o das familias casando as súas fillas, cando estas aínda son nenas, só para conseguir algún tipo de beneficio, ou simplemente ter que gastar diñeiro nunca persoa menos; ou a situación da inmigración, que recordemos que é algo que estase a dar en todos os países do globo, e non só nos que presumen chamándose a se mesmos do primeiro mundo, tamén están presentes.

O proceso xudicial a través do que coñecemos a Zain só é unha escusa para que o neno poda contarnos a súa historia, que lle é mostrada ao espectador a través de flashbacks, reflexando un panorama, neste caso situado nas rúas de Beirut, no que a infancia é un mero produto, só benvido cando se pode sacar algún tipo de beneficio dela, cos pais desfacéndose da súa prole no caso de atopar algo que poida ser beneficioso para eles.

Porén todo o previamente dito, a directora, que na película realiza unha breve aparición coma avogada de Zain, consciente da cantidade de drama que estalle a presentar aos espectadores, non dubida á hora de incluír algunha que outra escena de ton algo máis cómico, co obxectivo de restarlle gravidade ao que está a ocorrer.

A película, que non terá o seu estreo en salas ata o mes de febreiro, acadou unha ovación de 15 minutos en Cannes, ademais do Premio do xurado neste mesmo festival. Para os Globos de Oro, a espera de ver que ocorre cos Oscar, xa foi nominada a mellor película de fala non inglesa. Aquí, en Ourense, pese a non facerse co premio a mellor película do festival, si levaría a mención especial do xurado, e o que para moitos é o galardón máis importante de calquera festival cinematográfico: O do público, cunha espectacular puntuación de 4,77 sobre 5.

Estamos ante unha metraxe que provoca arrepíos, pero que tamén é capaz de deixar esperanza, coma vemos nun final que loxicamente non imos a destripar, a través de actores e actrices non profesionais, na súa maioría, e que conseguen dar vida a personaxes que quedarán contigo moito tempo, principalmente no caso de Zain, interpretado polo neno de mesmo nome Zain Al Rafeea, conformando unha película máis que recomendable, e que estamos convencidos de que dará moito de que falar nos próximos meses, converténdose nunha das auténticas revelacións do vindeiro ano.


Tamén che pode interesar:

LinguaSkill e a Alienación

  • OPINIÓN – Pablo Gómez Portas

«Son falsos tus diamantes , brillan solo un instante»

El Columpio Asesino

A vida corre demasiado de presa ou se non que lles pregunten ao Arcipreste de Hita ou a San Juan de La Cruz, sempre preocupados pola fugacidade da vida e polo destino que aparece en forma de soneto nas súas composicións. Se vivisen no presente estes dous depositarios da literatura castelá daríanse conta de que xa non se trata só da fugacidade da vida, se non da fugacidade da aceptación, da alienación en si mesma. O filósofo e escritor esloveno Slavoj Žižek reflexiona en “La nueva lucha de clases, Los Refugiados y el terror” sobre este termo e indica que unha das cuestións que implica alienación é que o propio distanciamento forma parte da textura social da vida: Aínda cando vivo xunto ós demáis, no meu estado normal non lles fago caso. Permíteseme non manter un vínculo demasiado estreito cos outros. Móvome nun espazo social onde interactúo cos outros obedecendo a certas regras mecánicas externas sen compartir o meu mundo interior”. Esta derradeira afirmación, obrígame lectoras e lectores de “ Orballo, Revista de Cultura e Sociedade”, a explicar a seguinte noticia que me chamou poderosamente a atención, xa que explica por si mesma o concepto antes proposto:

A universidade de Cambridge lanzaba neste mes de novembro LinguaSkill, a solución definitiva para a corrección de exames de inglés coa fin de avaliar o nivel dos seus estudantes e así establecer unha nota concreta, o que lles permitiría acceder ós seus estudos ou traballo solicitados. LinguaSkill é unha ferramenta, ou máis ben aplicación, a través de ordenador que mediante unha programación de códigos e plantillas fai que os mestres xa non teñan que avaliar ditas probas, se non que xa se encargaría o tal Linguaskill de realizar ese traballo. Loxicamente  Cambridge English aportaba a idea de que esperaban que este tipo de corrección non se trasladase únicamente ás probas de nivel de inglés, se non que fose unha proba esencial para a obtención no futuro dos títulos de grado e con pretensións de levar a cabo esta aplicación a tódolos eidos do ensino dende a pimaria: exames finais, probas rutineiras e outros controis, é dicir; xa nin tan sequera plantexaban se o modelo educativo era o correcto se non que aceptaban que a avaliación debería pasar do maxistrocentrismo ó tecnocentrismo. Esta mesma semana lembrábase a noticia nunha emisora de radio española que falaba marabillas do ordenador en cuestión, o cal xa definitivamente ía a ser o baluarte en contra do “ le caigo mal al profe” á hora de corrixir os exames ademais do clásico tamén “ me tiene manía” xa que ía a ser unha ferramenta tecnolóxica  a que no futuro corrixira os exames. Resulta curioso interpretar que ditos estudantes de inglés, imaxino que moitos deles con pretensións de ser Mestres, sexan avaliados por unha “máquina” e o acepten sen ningún tipo de apelación a maiores da presunción de que ese “ le caigo mal a la profe” sexa unha verdade universal e polo tanto o lóxico e aplicar a razón kantiana ás actividades rutineiras da universidade de Cambridge.

Imaxínense lectores que sodes unha ou un estudante de Inglés en Cambridge con ditas pretensións de ser Mestres o que conleva inequivocamente que teñades que , nalgún momento da vosa vida, corrixir “ algún que outro exame”, e que un día un tipo que poderíamos chamar Jonh McAine, dávola información de que xa non ides a pasar o “arduo traballo” de corrixir exames de inglés e que un ordenador con nome de animal (interpretación persoal de que o nome do programa deixe de ter nome en galego e pase a chamarse “FrogSkill” ou máis ben “ DogSkill” aceptando que o seu uso lévese a cabo en máis áreas que na lingua inglesa) e de apelido “Skill” será o encargado de corrixilos. O principio comprendo que a situación será de xúbilo, mais logo, amigas e amigos, darédesvos de conta de que unha das cuestións máis fundamentais e que vos debería de atinxir  pasa a ser parte total doutro ente abstracto que cecais nin tan sequera cheguedes a compreder. Imaxinade tamén que as vosas habilidades pedagóxicas se poñan en cuestión (todo elo supoñendo que aínda deades clase claro) e que o tal Jonh McAaine no seu despacho, cheo de pantallas táctiles e mentres fuma un cigarrillo electrónico vos diga que non estades no nivel axeitado e acorde á precisión do ordenador en cuestión, e o cal forma parte inherente da super-estructura que nin un só estudante de inglés tivo a pretensión de dubidar na súa forma e contido e que o experimento ou máis ben praxe levada a cabo non era outra cuestión que a precisión, si amigos e amigas , lectores e lectoras, a precisión coma punta de lanza da sociedade, esa mesma precisión xaponesa que ambicionamos aquí en Europa, esa mesma precisión que non é máis que outro exemplo cosificación e que se cadra tende a superar tódolos nosos erros humáns que a fin de conta é o que nos define. Voltando a idea de Žižek de que a comunidade perdeu o seu valor e que un estudante de inglés ”homus english” é un ente anónimo que perde o sentido social na frase “ aínda cando vivo cos demáis non meu estado normal non lles fago caso”, ambiciosos homes e mulleres europeos: levaremos xa na nosa sangue a alienación por alienación ?