ESTIGMA, ESCENA IV

Unha obra de Manuel J. Maside


(O fillo entra ben vestido nun salón. Colle un LP dun estante e colócao no reprodutor. Soa o Grace de Jeff Buckley. Cruza a escena e de enriba dunha pequena cómoda colle unha foto da nai, vaise ao centro da escena e séntase no centro, no chan)

 

Fillo: A vida… A vida salouca, fainos vibrar, afúndenos na lama, danos labazadas, e soa… soa coma vento contra os cristais da xanela, mentres nós, dentro do cuarto, suamos todos os nosos medos e esperanzas, amamos, sufrimos, dámoslle á testa mil voltas ata quedar mareados, vomitamos bile sobre a alfombra, en fin… vivimos metidos nun cuarto ínfimo sen ver máis aló das nosas narices, nada máis. (Pausa. Ponse a camiñar polo escenario) As veces, coma león engaiolado, dou voltas por este rectángulo que é o salón, cas xanelas pechadas, as persianas pechadas, que non entre nin saia unha pinga de luz, que a miña respiración se condense no ambiente. Que os meus pensamentos se produzan no ar e se agochen baixo os mobles. Eu so, sen ninguén, sen absolutamente ninguén. (Pequena pausa) Teño progresado, teño progresado moito, as cousas cambiaron moito, coma un poema, coma unha canción pequena que cabe coma presa de ar dentro do puño. A soidade é unha elección, non teño por que facelo, fágoo porque quero. E se me bebo unha cunca ou dúas de licor, que máis da? Os bares están aí para a xente que quere estar soa. Ela quéreme, penso que si, mais eu, ás veces, desexo estar so, coma estiven tantas veces no pasado. Lembrar os soños e as maldicións, lembrar… ou esquecer… (Pausa) Ela quéreme, mais eu non sei se… (Alguén se aproxima á escena facendo bastante ruído) Mellor calar.

 

(Entra en escena Xoana. Vaino abrazar con amor. Música en silencio)

 

Xoana: Ola cariño, que tal o día?

 

Fillo: (Forzando un sorriso) Ben, non me queixo, dende logo.

 

Xoana: (Preocupada) Pois non se te ve demasiado ben. A ver, bota o alento.

 

Fillo: Non quero.

 

Xoana: Non te vou rifar. (O fillo bótalle o alento. Ela escapa do cheiro a licor) Carallo, bebiches bastante.

 

Fillo: Só dúas copas.

 

Xoana: Non o parece. (Pausa) Cariño, tes que deixar de beber. Sei que o precisas, pero no fondo non o precisas. Agora levas unha boa vida. Para que enlamarse nesta merda?

 

Fillo: Sáeche a vena cristiá (Ela anóxase e dálle as costas) Perdoa, Xoana, perdoa cariño, non cho dixen por mal. Pero é que ti non comprendes, preciso esas copas! Precísoas!! Preciso derramar bágoas nesa puta cunca, e bebelas mesturadas co licor, so así paso os días.

 

Xoana: (Dáse a volta, inda medio anoxada) Moi poético.

 

Fillo: (Decepcionado consigo mesmo.) Prefiro dicilo así que dicir que se non bebo éntrame a ansiedade, que devezo polo puto licor, que non entendo as tardes sen estar bébedo. Gústache así? Eu prefiro a outra forma.

 

Xoana: (Triste) Deste modo es máis sincero.

 

Fillo, É unha merda de todas formas. Avancei moito? Son un mantido e un borracho, un capullo integral.

 

Xoana: Pronto atoparás un emprego bo, e aportarás cuartos á economía desta casa. Non desesperes, todo ha de mellorar.

 

Fillo: Como?

 

Xoana: (Comprensible) Estás indo a bastantes entrevistas, antes ou despois chamarante dalgún sitio…

 

Fillo: (Ca testa gacha) Fai dúas semanas que non vou a ningunha.

 

Xoana: (Sorprendida) Que??

 

Fillo: Boto as tardes nas tabernas do centro, bebendo cos vellos e discutindo de política e fútbol.

 

Xoana: Pero si nin sequera che gusta o fútbol…

 

Fillo: Pero o licor si, Xoana, o licor si, e cando estás bébedo queres falar de calquera cousa, pero falar. Tería conversas co mesmo Hitler se fose preciso. Ese non é o caso, o caso e que bebo coma un condenado a pena capital antes de entrar no corredor da morte. Non teño outra ambición na vida máis que beber polas tardes e non sentirme no meu corpo xamais. (Xoana está en shock) Se tivese mil millóns de euros gastaríaos so en alcohol. Coma meu pai son un borracho, e coma miña nai non sei afrontar a realidade, seméllame demasiado difícil. Imposible.

 

Xoana: Pero estou eu, é que non che importo un carallo?

 

Fillo: Impórtasme! … Non sei, quérote, ti me queres. Pero non sei se isto é vida para min. Na rúa non bebía porque non tiña cartos, e agora que teño cartos so sei beber, nunca facer algo de proveito. Non sei se isto é vida para min. Quizais debería volver á rúa e morrer nunha esquina de frío no inverno…

 

Xoana: Pero, como podes dicir iso??

 

Fillo: (Berra) É o que sinto! É o que sinto, carallo!! (Máis calmo) Non sei cal é o meu sitio na vida (A Xoana as bágoas percórrenlle o rostro) Sabes? A miña nai díxome unha vez, chorando, que era unha filla de puta. Era a mellor persoa que vin na miña vida, así que se ela é unha filla de puta, eu so merezo morrer esquecido por todos.

 

Xoana (Chorando, perplexa) Non… non sei como podes dicir… iso… Non es feliz ao meu carón?

 

Fillo: Penso que está claro que non.

 

Xoana: Queres morrer?

 

Fillo: (Respira fondo) Non é iso, só é que non sei que facer, non o sei, a vida leva dándome polo cu dende que nacín. Non sei que facer.

 

(Pausa. Dan voltas pola escena mentres reflexiona, e volven ao mesmo sitio, máis calmados e sen bágoas)

 

Xoana: Cando estaba na seita esa, coma ti lle chamas, vin moitos casos semellantes ao teu. Quería involucrarme, pero non podía, simplemente dábame igual a xente. Ata que te coñecín a ti, e todo cambiou. A ti si que quero axudarte, non sei como, pero atoparei a forma.

 

Fillo: Acaso pensas que teño solución?

 

Xoana: Por que non? Es un humano, todos podemos trocar de modo de ser. Ti estabas na rúa, pensabas entón que poderías saír?

 

Fillo: Sinceramente, soñeino moitas veces, pero nunca crin que fora posible.

 

Xoana: Pero pasou, non si?

 

Fillo: Só porque ti quixeches, non porque eu puidera.

 

Xoana: Eu tirei todo o que puiden de ti, pero si non tiveras posto do teu lado, non tería ocorrido. Es unha persoa cunha vida tráxica, pero por iso debes ter máis ganas que ninguén de bendita normalidade.

 

(Pausa)

Fillo: Ti inda cres en deus?

 

Xoana: Nun deus á miña maneira, pero non no que me ensinaron coma única realidade posible.

 

Fillo: E ti pensas que crer en deus podería axudarme a saír disto?

 

Xoana: Podería, pero non o precisas. O teu ateísmo é ben fundado, por que trocar? Tes que crer en ti mesmo, que es o que vives no teu corpo e alma, só ti podes saír disto. Se queres podes ir a alcohólicos anónimos, quizais…

 

Fillo: Quizais que.

 

Xoana: Quizais axudaríate compartir as túas experiencias e medos con xente que pasa polo mesmo.

 

Fillo: Non preciso deprimirme máis, grazas.

 

Xoana: Non consiste en deprimirse, se non en sentir que non es o único, que estás acompañado na loita de saír do alcohol.

 

Fillo: Non preciso diso para saír, podo facelo so.

 

Xoana: E tesme a min.

 

Fillo: (Pensativo) É certo. (Pausa) Como reparaches en min?

 

Xoana: Non sei, algo terás. (Ri)

 

Fillo: Gústame verte rir.

 

Xoana: Non te poñas meloso, non é a túa actitude nin o teu espírito.

 

(Ao fillo cáelle unha bágoa pola face mentres, ao fin, sorrí. Abre os brazos e Xoana cae neles, nunha aperta sincera)

 

Fillo: Cheguei a pensar que non deberías estar ao meu carón. Que erro, precísote moito. Vaia pecado, blasfemia.

 

Xoana: Todo ha de ir mellor, xa verás…

 

(Quedan fundidos nunha aperta mentres soa Dream Brother de Jeff Buckley. Apáganse as luces)

es4
Fotog: David Novoa

Fotografía de David Novoa

Facismo e Capitalismo: A barbarie que nace da barbarie.

Autor: Paulo Vila


 

Nos últimos anos podemos observar tanto na Europa coma na Latinoamérica como o auge do fascismo está a converter-se numha ameaça tam perigosa que sería umha irresponsabilidade ignorá-la.

Após dous anos, em práticamente todos os países europeus, os fascistas começárom a reorganizar-se em partidos políticos, participar nas tertúlias políticas nos meios de des-informaçom da burguesia, empregando um discurso ultranacionalista, racista e xenófobo e incluso chegando a alcançar o poder político em alguns países.

Países coma Suécia, o partido nazi (Demócratas Suecos), Grécia (Aurora Dourada) ou na França (Frente Nacional), as forças reacionárias estam às portas do governo, na Alemanha (Alternativa para Alemanha), os fascistas manifestan-se nas ruas contra os inmigrantes, fomentando o ódio contra este coletivo e chegando a efetuar açons violentas contra eles. Noutros países coma Hungría, Polónia e Itália os partidos de ultradireita avançam também com força.

Mas o caso máis destacável na Europa é o de Ucránia, onde os nazis levam no poder dende o 2014 mediante um golpe de estado apoiado pola UE e os EUA. Neste país o Partido Comunista está ilegalizado e assassinam-se antifascistas, enquanto o resto de países olham face outro lado.

Do mesmo jeito acontece em Latinoamérica onde em países como o Brasil, o candidato de ultradireita e ex-militar, Jair Bolsonaro, pode chegar a converter-se em presidente.

É a propia democracia burguesa e o capitalismo os que conducem inevitavelmente a reaçom e ao fascismo. Podemos comprobar na maioría de países europeus, como os fascistas organizan-se (amparados polas forças repressivas e financiados polos própios Estados) atingindo rápidamente o aceso aos meios de comunicaçom burgueses, introducindo um discurso falso para dividir a classe operária e assim obter representaçom nas instituçons burguesas.

No Estado espanhol o fascismo nunca se foi, seguiu no poder após o lavado de cara na “transiçom” com a cumplicidade do PSOE e do PCE. Mantivo-se presente no poder judicial, legislativo, nos altos mandos das forças armadas, nas forças repressivas, nos meios de comunicaçom, na hierarquia católica, etc.

Após a “transiçom” o fascismo estivo durante décadas à expetativa, nom necessitava mostrar a sua natureza já que estava relativamente cómodo. Embora no atual contexto marcado polo questionamento da monarquía e avanço do independêntismo na Catalunha, o Estado espanhol, perante esta ameaça, fomenta de novo esse fascismo latente, tanto a nivel institucional (viragem de extrema-direita do PP, neofalangismo laranja ou VOX), coma nas ruas, onde as hordas fascistas co apoio das forças policiais golpeiam a manifestantes ou atacam as sedes dos partidos indepedentistas com total impunidade.

Enquanto, a «esquerda» reformista segue instalada na institucionalidade, como se nada acontece-se. Dende a irrupçom da “nova política” nas Cortes Espanholas, valeirou as ruas promovendo o falso relato que é possível democratizar umhas instituçons pertencentes a burguesia, abandonou a linguagem “revolucionária” por umha  linguagem trasversal e postmoderna e é responsável de que espaços que históricamente pertencem ao movimento operário rematem nas maos do fascismo.

É pois a socialdemocracia com o seu falaz discurso de reformar o sistema criminal capitalista, quem abre as portas aos fascistas após os seus estrepitosos e anunciados fracasos.

Desmascarar ao reformismo e a socialdemocracia é umha tarefa tam importante, para as forças revolucionárias, como é combater o fascismo nas ruas de forma permanente, sem vacilaçons, nem dúvidas.

Ante a perigosa deriva reacionária do Estado Espanhol, dende a esquerda revolucionária, consideramos prioritário a articulaçom dum bloco popular antifascista para fazer-lhe frente a besta fascista de maneira eficaz, mas nom para defender a ditadura do capital, nem a democracia burguesa, senom co objectivo de contruir umha alternativa socialista ao capitalismo.

A luita contra o fascismo deve ir ligada a luita contra o sistema capitalista. Eis a causa pola que, ao nosso juízo, entendemos que deve ser de máxima importância a creaçom dum espaço de luita anticapitalista e anti-imperialista.

“¿De que serve dizer a verdade sobre o fascismo que se condena, senom se di nada sobre o capitalismo que o origina?” Bertolt Brecht