ESTIGMA, V ESCEA

Unha obra de Manuel J. Maside


(Unha parada de bus. Nela agardan o fillo e unha muller maior. Non manteñen conversa algunha. Soa unha sirena por diante. Chega un home vello e séntase no medio dos dous)

 

Vello: Vai frío, non? Vai un frío do carallo.

 

(A vella ignórao. O fillo fálalle con amabilidade)

 

Fillo: (Sorrindo) Si, a verdade é que sopra ben.

 

Vello: Eu veño do cabo, e alí si que sopra, non se paraba, unha friaxe terrible. Debe d estar a nevar preto.

 

Fillo: Pode ser, é frío de neve. Alí na serra debe nevar, si.

 

Vello: Eu son de preto da serra, e de novo vin nevar moito. As saias dos montes, os cumes, todo branco. Eu tiven unha pulmonía de cativo que case voume para o outro barrio, pero saín cara adiante, penso que me fixo máis forte… (Mira ben para o fillo) Ti es de por aqui? Debes ser, claro, que falas o galego moi ben. Agora a xuventude non fala galego nada, é unha vergoña, é o noso. Eu fun un pioneiro, xa falaba distas cousas co Paquito de gobernante, xa dicía que hai que defender o noso, a nosa terra, lingua e costumes, porque se non, que somos? (Mirando para a vella) Verdade, señora? (A señora mira con noxo para outro lado, o vello segue a falar co fillo) Pois si, vai moito frío, xa o anunciaron no telexornal, que ía facer moito frío, para quedar conxelados (Ri) Ti de onde es?.

 

Fillo: De aquí, cabaleiro.

 

Vello: (Para si) De aquí, de aquí, claro… (De novo ao fillo) Sabes canto queda para que chegue o circular 3?

 

Fillo: (Mira no reloxo) Uns quince ou vinte minutos, tarda moito ese.

 

Vello: Si, tarda moito, tarda moito… Pois vou ao café da Rosa a tomar un cafeciño ben quentiño, cunhas gotas, que está máis rico (Ri e levántase) Ben, ata loguiño. Gracias, amigo. (Marcha da escena)

 

Vella: (Con cara de noxo) Cona, que pesado.

 

Fillo: (Sorrinte) Sen máis.

 

Vella: Este é ben coñecido, anda sempre por aquí, dando a tabarra, logo nin colle o bus nin nada, so fálalle á xente e bebe carajillos no bar. E as noites anda por aí bébedo perdido.

 

Fillo: Seino, teño falado con el máis veces, mais non se lembra de min.

 

Vella: E que se vai acordar? Entre o peneque que se pon e as maracas que lle soan no cerebro non se enteira de nada. As veces ata anda mexado. Que noxo…

 

Fillo: (Moi sorrinte) En fin, cousas que pasan, non todos somos perfectos, el está algo toliño o pobre, vostede é unha maruxa filla de puta… Todos temos o noso?

 

Vella: (Atónita) Que??

 

Fillo: Preguntouse se ten familia, ou se quizais está so na vida? Quizais non ten axudas, quizais pide esmola por aí para comer e beber, non terá moito, seguro. Pero vostede e as súas amigas maruxas fillas de puta so saben criticar, porque é moi divertido falar dos demais. Pensou que quizais ese home non ten diñeiro para pastillas da testa, nin ninguén que poida controlar que as toma.

 

Vella: (Anoxada e sorprendida ao mesmo tempo) Quizais… Pero tampouco é para insultar.

 

Fillo: Vostede estábao a insultar, non si? Dixo moitas cousas malas del.

 

Vella: Verdades!

 

Fillo: Verdades que nin vostede nin eu precisamos saber.

 

Vella: Estás tan tolo coma el! Esta conversa rematou.

 

(Pausa. Cada un mirando para un lado. O fillo, anoxado, volve á carga)

 

Fillo: (Anoxado) É que é a hostia, a puta hostia, un home con serios problemas ao que ninguén de nós axuda, e vostede so sabe polo a parir, cagoental! Non pensou nunca en axudalo?

 

Vella: Non, nunca pensei, non vou manchar as mans nese porco.

 

Fillo: Porca vostede! Eu tampouco o axudo, e faime sentir mal. Pero vostede, beata do cu, chámalle porco.

 

Vella: Non me sigas a insultar, que chamo á policía.

 

Fillo: Chame a quen lle saia do carallo! Vella porca.

 

(A vella fai ademán de irse)

Vella: E non son beata, creo en deus.

 

Fillo: Pois lea as escrituras, a ver que lle din de axudar ao próximo…

 

(A vella vaise maldicindo. Pausa. O fillo queda maldicindo para si. Aparece o vello de antes.

Vello: Ola, boas. Que frío vai hoxe, non?

 

Fillo: (Sorrindo) Si, a verdade é que vai moito frío.

 

Vello: Dende logo! Debe estar a nevar por aí preto.

 

Fillo: É frío de neve, si.

 

Vello: (Con un sorriso) Mira é que teño un problema, fun aí ao café da Rosa, a tomar un cafeciño con gotas, e esquecín a carteira na casa e non teño cuartos, e dinme que non me fían, disque me esquezo logo de pagar. Botáronme de alí como quen di. Se me prestaran un euro vinte, que é o creo que costa o café con gotas, se me puideras axudar, agradeceríacho moito.

 

Fillo: Non so o vou convidar, se non que voume tomar outro café con gotas con vostede. Que lle parece?

 

Vello: (Ca cara alumeada) Iso… Iso sería xenial…

 

Fillo: E cóntame que tal, falamos da vida, parécelle?

 

Vello: (Case mudo, abanea a testa) Paréceme, paréceme…

 

(Collen camiño)

 

Fillo: Fuma?

 

Vello: A un cigarriño non lle diría que non…

 

Fillo: Feito. Vostede de onde é?

 

(Marchan da escena. Apáganse as luces)

David Nóvoa Sequeiros
Fotog: David Novoa

Fotografía de David Novoa

Capítulo 54: Volver a empezar

Xa está aquí o primeiro Programa Orballo de Radio Allariz!

Programa Orballo do 26-10-2018

No capítulo de hoxe:

Neste primeiro programa comentamos as novidades que tivemos en Revista Orballo neste comezo de temporada. Con Manuel J. Maside comentamos a súa obra de teatro Estigma, obra que estamos a publicar nesta revista cada mércores. A raíz do artigo de Mar ÁlvarezRelato con Lingua, falamos con 5 galegofalantes de diferentes recunchos do país coma foi a súa chegada a universidade e coma a lingua influiu na súa forma de relacionarse cos compañeiros; Antía Alberte e David Conde tamén nos falaramos do proxecto as Portas do Xurés, un plan de potenciación turística do Parque Natural do Xurés.

radio
Equipa de Orballo na estrea da tempada

Lembrade que podedes seguilo programa tódolos venres ás 18:30 no 107.2fm ou online na web de Radio Allariz. Non o perdades!